InicioA CORUÑAAplican agravante por discriminación por ameazar e tocar os peitos a unha...

Aplican agravante por discriminación por ameazar e tocar os peitos a unha muller na Coruña

Publicada o

Por monchomarino

A Sección Penal do Tribunal de Instancia da Coruña, praza 3, aplicou a agravante de discriminación por orientación sexual a un condenado a un ano de cárcere e ao pagamento dunha multa de 240 euros por ameazar e tocarlles os peitos a unha muller que paseaba coa súa compañeira sentimental e uns cans polo Parque Europa.

Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e recólleo o fallo. O maxistrado considera probado que o 23 de novembro de 2024, arredor das 20 horas, a vítima e a súa parella estaban a camiñar por ese parque na compaña duns cans cando, ao pasar preto dun grupo de tres persoas que estaban sentadas nun banco e bebendo cervexa, unha delas — o acusado — as increpou por levar alí os animais.

“Cada vez máis enfurecido con elas, e coas súas facultades diminuídas polos efectos do alcohol que estaba a inxerir, díxolles que as ía acoitelar, tanto a elas como aos seus cans”, destaca o xuíz.

No fallo, considérase acreditado que intuíu, “polo aspecto ou polo comportamento que amosaban entre si as dúas mulleres, que a orientación de ambas era homosexual, polo que, exteriorizando a aversión persoal que sentía cara a quen se identifica como tal, se achegou á primeira e agarroulle os peitos coas mans”, ao tempo que a empurraba e profería expresións homófobas.

COHERENCIA DOS TESTEMUÑOS
Na sentenza, explícase que a versión do acusado foi desvirtuada pola coherencia dos testemuños da vítima e da súa compañeira sentimental e pola falta de credibilidade do testemuño favorable ao sospeitoso.

Deste xeito, cualifica os feitos como un delito leve de ameazas, polo que lle impón o pagamento dunha multa de 240 euros, e outro de agresión sexual, polo que o condena a un ano de prisión.

O maxistrado, que aplica a atenuante de embriaguez e a agravante de cometer o delito por motivo de discriminación referido á orientación ou identidade sexual da vítima, tamén lle impón a prohibición de comunicarse e de se aproximar a menos de 300 metros da afectada durante tres anos.

A iso súmase o pagamento dunha indemnización de 3.000 euros á vítima polo dano moral causado. A sentenza non é firme, xa que cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

 

ÚLTIMAS

Silvio Rodríguez fai cantar ao Coliseum da Coruña nun reencontro co público galego

O Coliseum da Coruña encheuse por completo na noite deste sábado para recibir de...

Unha explosión nun quentador deixa ferida a unha muller

Unha muller resultou ferida de carácter leve tras rexistrarse unha explosión no quentador da...

Manifestación na Coruña para reclamar o desbloqueo do convenio do comercio de alimentación

Os sindicatos CCOO, CIG, UXT e USO fixeron un chamamento ás persoas traballadoras do...

Dúas persoas feridas nunha colisión múltiple entre catro vehículos en Arteixo

Unha colisión múltiple entre catro vehículos deixou dúas persoas feridas este sábado en Arteixo,...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here