Vaise movendo a esquerda herculina de cara ás eleccións municipais de maio de 2027, e polo momento, o Movemento Sumar Galicia xa presenta a súa candidata á alcaldía. Non é outra que Trinidad Palacios, elixida por unanimidade na Asemblea Comarcal do colectivo.
A intención entre Movemento Sumar Galicia, Podemos, Esquerda Unida e o Partido Verde-EQUO, é presentar unha coalición, pero polo de pronto os grupos irán presentando as súas propostas para despois escoller quen vai de número 1. De feito, nas vindeiras semanas coñeceremos as cabezas visibiles dos outros partidos, que serán presentadas en sintonía.
En calquera caso, Movemento Sumar Galicia aspira a liderar unha coalición ampla co resto das forzas políticas situadas á esquerda do PSOE e pon en valor “o traballo que levamos avanzado” para construír unha candidatura unitaria, plural e aberta á cidadanía. “Queremos recuperar a ilusión das coruñesas e dos coruñeses e abrir unha nova etapa política na cidade. Imos ser a forza decisiva no Concello. E con
nós haberá políticas de esquerdas de verdade e un goberno de esquerdas de verdade, porque o de agora é unha mentira”, afirmou Trinidad Palacios.
Palacios, de 60 anos, é coruñesa de nacemento, crianza e vida. Sociosanitaria de profesión, traballa na atención domiciliaria a persoas adultas en situación de dependencia e conta cunha longa traxectoria de activismo na defensa dos dereitos laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Forma parte de Movemento Sumar Galicia desde os seus inicios, é secretaria comarcal da Coruña e integra a Coordinadora e a Executiva Nacional da organización, na que exerce como secretaria de Municipalismo.
“Nas vindeiras eleccións non decidiremos unicamente quen ocupa María Pita, senón que modelo de cidade queremos para os próximos anos. Aspiro a unha cidade aberta, participativa e pensada para as persoas. Temos que devolver A Coruña á cidadanía, escoitar a veciñanza e gobernar atendendo as necesidades reais de todos os barrios” , sinalou. A candidata defendeu unha cidade que preste máis atención aos barrios e ao comercio local.
A defensa dos servizos públicos será outro dos eixos centrais da candidatura. “Como muller de esquerdas, creo profundamente nos servizos públicos. Para iso pagamos impostos, non para encher os petos das grandes empresas multiservizos mediante privatizacións como as do SAF, as escolas infantís, o transporte, a limpeza ou os servizos culturais. Estas privatizacións precarizan o emprego e diminúen a calidade dos servizos que recibe a cidadanía” , denunciou.

