Un ano máis, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), celebra o Encontro Galego de Ilustración, a cita anual que reúne profesionais, estudantes e amantes da ilustración nun espazo de aprendizaxe, inspiración e celebración da nosa disciplina. Este ano, o Encontro trasládase á cidade de A Coruña, na cal entre o 25 de setembro e o 3 de outubro desenvolveranse actividades en diversos emprazamentos como o Café Macondo, o Círculo de Artesáns e diferentes comercios locais da cidade: Alita Cómic, Jaspe Art e Empaquetando, entre outros.
A programación deu comezo o 25 de setembro cunha revisión de portfolios de ilustración a cargo da editorial galega Cuarto de Inverno no Café Macondo. Este mércores 30 de setembro e xoves 1 de outubro, os escaparates das tendas Alita Cómic, Empaquetando e Jaspe Art, serán intervidos cos trazos coloridos de Jorge Peral, Rachel Tattoo e Maria Brenn respectivamente, convertendo o comercio local nunha galería ilustrada aberta á cidadanía.
O sábado, a xornada principal
O sábado 3 de outubro, no Círculo de Artesáns, terá lugar a xornada principal da programación, que comezará coa benvida da presidenta da AGPI, Laura Romero. A continuación Lara Ingelmo (La Chica de la Cinta) presentará o Caderno para Colorear da asociación, froito do traballo colectivo de socias e socios da AGPI.
Trala presentación, desenvolveranse tres actividades paralelas e para todos os gustos: por unha banda o ilustrador Bernal Prieto (Estudio Vivac) ofrecerá o faladoiro sobre o manexo do programa de deseño Affinity, Limbo Ilustración impartirá o obradoiro “O meu primeiro Fanzine” dirixido a infancias e Ío Bru fará unha Revisión XPRESS de Portfolios (Prazas esgotadas).
A programación reanudarase con “Lendo como Onicóforos”, unha lectura curta de publicacións, fanzines e BD. A participación será aberta para todo o público e poderá presentarse calquera proxecto ilustrado, se queren participar, teñan en conta que hai poucas prazas, hai que inscribirse neste formulario, aí tamén vén máis información respecto diso
A continuación haberá unha charla-taller impartida por Blanca Millán, onde abordará conceptos como a composición ou a paleta cromática, factores clave á hora de desenvolver un traballo profesional de ilustración.

