Despois do tira e afloxa protagonizado xa por PSOE e BNG sobre a improbable negociacións dos Orzamentos Municipais de 2027, tócalle á candidatura unitaria de esquerdas ofrecer a súa visión. Faino despois de que a alcaldesa Inés Rey abrise ás portas da negociación ao PP. “Se os orzamentos abren a porta a gobernar co PP, o problema xa non son as contas: é o rumbo de Inés Rey”, cuestionan os voceiros de Sumar e Podemos.
A candidata de Sumar á Alcaldía da Coruña, Trinidad Palacios, e o candidato de Podemos, Aitor Neira, resaltan que esta oferta é “unha contradición na maneira de entender o diálogo por parte do goberno municipal”. “O diálogo é a base da política, pero non pode aparecer unicamente cando che faltan votos para aprobar uns orzamentos. Dialogar significa escoitar durante todo o mandato á oposición, aos barrios, ás entidades e á cidadanía, tamén cando che din algo que non queres escoitar.”
Palacios sostén ademais que esta dificultade para chegar a entendementos non se limitou á relación cos grupos da oposición. “Inés Rey tivo desencontros dentro dos seus propios gobernos, tanto no primeiro mandato como neste segundo. Se tes dificultades para dialogar mesmo cos concelleiros que ti mesma escolliches para formar parte do teu equipo, hai un problema na maneira de exercer o liderado municipal.”
Neira, pola súa banda, considera especialmente preocupante que a saída que agora se formule pase polo Partido Popular.
“Pola mañá critícase ao PP polas políticas que aplica desde a Xunta e pola tarde ábrese a porta a pactar con el en María Pita. Entón, en que quedamos? Se para sacar adiante os orzamentos todo vale, o problema xa non son as contas: temos que preguntarnos cara onde está virando realmente o goberno de Inés Rey”.
As Percebeiras
Palacios e Neira consideran que As Percebeiras será unha das primeiras grandes probas para comprobar o alcance desta nova relación política. “Tememos que os orzamentos sexan só a antesala. As Percebeiras diranos se estamos diante dun achegamento puntual ou dunha nova maioría PSOE-PP para sacar adiante decisións fundamentais da cidade”, sinala Neira.
Para ambos candidatos, unha eventual autorización dunha operación urbanística que se afastase dos compromisos políticos asumidos durante estes anos suporía “dar as costas ás promesas feitas á veciñanza”.
“Inés Rey comprometeuse cun determinado rumbo para As Percebeiras. Se agora ese rumbo cambia para atopar un punto de encontro co Partido Popular, terá que explicalo con absoluta claridade”, afirma Palacios.
Sobre o BNG
Finalmente, Neira e Palacios referíronse á posición do BNG. “O BNG está no seu dereito de marcar distancias, aínda que nós pensamos que chega tarde e nun momento claramente electoral. Despois de apoiar o convenio das Xubias ou o proxecto urbanístico do Agra do Orzán da igual a distancia que apliques. Os feitos son os feitos.”
Palacios e Neira concluíron reclamando “unha alternativa municipal capaz de manter unha posición política recoñecible durante todo o mandato”.
Máis novas
Inés Rey comeza a negociar os orzamentos do 2027 co BNG, que denuncia “incumprimento” nos deste ano
A Candidatura Unitaria de Esquerdas critica os altos prezos dos aparcamentos do CHUAC e o Materno

