Xustiza filipina rexeitou arquivar o caso pola morte do coruñés Diego Bello, ocorrida o 8 de xaneiro de 2020 na illa de Siargao, ao entender que existen “suficientes probas” contra os tres policías acusados de asasinato.
Así o informa, nun comunicado, a Plataforma Justicia para Diego, que indica que o Tribunal Regional de Primera Instancia de Manila ditou unha resolución, con data do 13 de outubro deste ano, pola que rexeita a solicitude de desestimación do procedemento presentada polas defensas dos axentes acusados do seu asasinato “e da colocación fraudulenta de probas no lugar dos feitos”.
“A decisión xudicial supón un avance especialmente significativo para a familia de Diego Bello, que leva case sete anos reclamando o esclarecemento da súa morte e a depuración das correspondentes responsabilidades penais”, lembran. Neste sentido, explican que os tres policías solicitaran ao tribunal “que puxese fin ao procedemento ao considerar que as probas presentadas pola acusación resultan insuficientes para fundamentar unha condena”.
“Con todo, tras examinar o conxunto das probas testemuñais, documentais, médicas e científicas practicadas durante o procedemento, o tribunal rexeitou as súas pretensións e acordou a continuación do xuízo”, explican. Tamén salientan que a resolución “adquire especial relevancia” porque o tribunal considera “que as probas presentadas pola acusación, no mantemento das cales interviñeron tanto a Fiscalía filipina como os avogados que representan a familia de Diego Bello, resultan suficientes, nesta fase procesual, para manter as acusacións formuladas contra os tres axentes“.

