Despois da emotiva inauguración no Teatro Rosalía, a 10ª edición do Festigual segue creando sinerxias entre arte e discapacidade. esta pasada tarde de xoves tivo lugar no Fórum Metropolitano a inauguración da exposición conmemorativa 10 anos de FESTIGUAL. A mostra, que poderá visitarse ata o 20 de novembro, propón un percorrido polas dez edicións do festival, recuperando imaxes, testemuñas e momentos que forman parte da historia deste proxecto cultural impulsado pola Fundación Emalcsa.
O acto contou coa participación de Nereida María Canosa Domínguez, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña e vicepresidenta da Fundación Emalcsa, e de María Arantzazu Escalada Sarabia, directora de Sostibilidade, Relacións Institucionais e Reale Foundation España, ademais de Bettina Kohlhaas, directora xerente da Fundación Emalcsa, artistas e representantes das entidades sociais participantes.

A inauguración incluíu unha visita guiada polas cinco creacións de Arte con Impacto, unha iniciativa que reuniu durante os últimos meses a Yolanda Dorda con Bolboretas, Lara Pintos con ADCOR, Manuel Suárez con GRUMICO, Jano Muñoz con Ecos do Sur e Héctor Francesch con APEM. O proxecto, desenvolvido co apoio de Reale Foundation, propuxo diferentes procesos de creación compartida nos que as persoas participantes traballaron directamente cos artistas nos seus estudos.

Ademais destas obras, a exposición recupera a traxectoria dun festival que, desde 2017, fixo posible máis de 160 actividades e espectáculos, reuniu a un milleiro de artistas, implicou a 126 entidades e profesionais e contou coa participación de máis de 14.000 persoas. A mostra incorporará tamén o sábado 7 de novembro unha intervención da Asociación AÏS co proxecto Aquamatrix.
Axenda da finde
A vindeira cita será o venres 6 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Colón, co espectáculo Spasticity and More, protagonizado polos humoristas Marc Buxaderas e Oswaldo Digón. Buxaderas, actor e cómico con parálise cerebral, presentará Spasticity, un monólogo que aborda desde o humor situacións da súa vida cotiá e rompe tópicos sobre a discapacidade. Compartirá escenario co humorista galego Oswaldo Digón, con máis de 25 anos de traxectoria.
O sábado 7 de novembro, ás 13:00 horas, o Mercado de Montealto acollerá o freestyle de Poten100mos, unha proposta de cultura urbana que combina hip- hop, rimas improvisadas e participación de artistas con e sen discapacidade. Ese mesmo día, ás 20:00 horas, no Palacio da Ópera, a Orquestra Sinfónica de Galicia e Clownssics colaborarán nunha proposta arredor do concerto In Angustiis – Haydn – Richard Egarr, que contará coa participación de Con Eles, Clámide Teatro..
A programación da fin de semana pecharase o domingo 8 de novembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro, con ON TIME, da compañía madrileña Fritsch Company. Un espectáculo de danza contemporánea protagonizado por intérpretes con e sen discapacidade que reflexiona sobre o tempo e os diferentes ritmos vitais a través de tres pezas coreográficas.
O festival continúa a semana que vén e tendes toda a programación en www.festigual.gal
Máis novas
Uxía, Guadi Galego, A Banda da Loba, Corina Alfonso e Leti da Taberna abriron o telón do Festigual

