InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOOs cruceiros teñen permiso para descargar as súas augas residuais no Corredor...

Os cruceiros teñen permiso para descargar as súas augas residuais no Corredor Marítimo de Fisterra

Publicada o

Por editor

Polo Corredor Marítimo de Fisterra, faixa de mar que discorre tan só a 21,7 millas (40 kms) das nosas costas, navegan cada ano máis de 40.000 barcos dos que, aproximadamente un terzo, transportan mercadurías perigosas (petroleiros e produtos derivados) e os dous terzos restantes son barcos portacontainers, cruceiros, graneleiros e buques con mercaduría xeral. Offshore e barcos especiais.

Todos eles utilizan o dispositivo de separación de tráfico marítimo de Fisterra, un dos máis conxestionados a nivel mundial e que delimita de maneira aproximada a Plataforma Continental de Galicia, esa grande piscina sen paredes, cunha profundidade media de 150 metros,  na que se desenvolve unha intensa actividade económica e humana por parte do 1,5 millóns de persoas que viven a carón do mar, case o 60% da poboación total de Galicia, e que viven expostas aos potenciais verquidos de todo tipo (hidrocarburos, augas residuais e tamén lixo plástico como ben sabemos os voluntarios de Mar de Fábula) procedentes deste Dispositivo de Separación como o demostra a experiencia histórica é o Estudo de Impacto Costeiro da Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, ferramenta elaborada polo observatorio RAIA no 2012 e no que participou o IEO da Coruña.

Entre os milleiros de barcos que pasan por diante de nós cobran especial significación esas cidades flotantes que son os cruceiros que, en marcado contraste co resto dos barcos que levan entre 15 e 20 tripulantes con tendencia á redución, os cruceiros transportan miles de turistas a bordo con tendencia en aumento a medida que se constrúen máis grandes, como o novo cruceiro “Icon of the Seas” programado para entrar en servizo a comezos do 2024 e que poderá transportar 9.950 persoas (segundo a Wikipedia) entre turistas e tripulantes, un verdadeiro monstro flotante en dimensións e consumo de combustible fósil nestes tempos de crise climática..

E non é mesmo unha descarga de augas residuais no mar por parte dun barco mercante con 15 tripulantes a bordo que a descarga de augas residuais por parte dun megacruceiro con 9.950 persoas a bordo. O Convenio Marpol no seu anexo IV permite a todos os barcos, incluídos os cruceiros, descargar as súas augas residuais, sen depurar, directamente no mar, sempre que o fagan máis aló das 12 millas da costa (22km) A CLIA (Asociación Internacional de Liñas de Cruceiros) que representa o 95% do sector argumenta que a meirande parte dos seus cruceiros teñen instalados a bordo sistemas AWTS (Sistemas avanzados de tratamento de augas residuais) e que nunca descargan augas residuais no mar sen tratar. Co seu longo historial de delitos ambientais, recollidos en medios de comunicación internacionais, que crédito merecen estas afirmacións? Quen os controla en altamar?

O periódico británico de Guardian na súa edición do 9 de xullo 2022 (non hai un ano aínda) baixo o explosivo titular “Os cruceiros dos USA utilizan Canada como taza de váter para as augas residuais” denunciaba nun amplo texto baixo este titular o uso que fan os cruceiros para descargar no mar as súas augas negras e grises e as augas tóxicas de lavado dos scrubbers durante os tres días de navegación pola costa oeste de Canada antes de chegar a Alaska, principal destino turístico destes megabarcos e cunha lexislación moi restritiva para protexer os seus glaciares e a natureza salvaxe dos parques nacionais.

Se esta maneira de actuar acontece nas costas de Canada, un país paradigma do primeiro mundo, que podemos esperar do comportamento dos cruceiros nas costas do Sur Global?  E no Corredor Marítimo de Fisterra? Este proceder aberrante dende os puntos de vista ético e ambiental, está dentro da legalidade vixente.  A única solución, urxente, é actualizar o Convenio Marpol Anexo IV para que a IMO (Organización Marítima Internacional) prohiba a descarga no mar das augas sucias sen tratar, calquera que sexa a distancia á costa.

Neste obxectivo estamos a traballar.

  • Asinado por Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula); Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción) e Antonio Garcia Allut (Fundación Lonxanet).

ARTIGOS RELACIONADOS

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here