InicioECONOMÍAO porto da Coruña, na orixe da industria turística dos cruceiros a...

O porto da Coruña, na orixe da industria turística dos cruceiros a nivel mundial

Publicada o

Por editor

Coruña deu o “si quero”, sen moita reflexión, á invasión dos cruceiros. O turismo global e a economía que xenera deixan pouco espazo para a reflexión medioambiental. Neste caso, Xosé Manuel Barros (Socio fundador de Mar de Fábula) e Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción) propoñen repensar o debate sobre o “como” a cidade debe recibir estes xigantes acuáticos.

 

—-

O porto da Coruña, na orixe da industria turística dos cruceiros a nivel mundial

O pasado día 2 de abril cumpríronse 40 anos da escala inaugural no porto da Coruña do trasatlántico Queen Elizabeth 2, buque insiginia da navieira de maior prestixio do Reino Unido, Cunard line.

A súa consignataria na Coruña foi a xa desaparecida Sobrinos de José Pastor Ltda., do grupo Banco Pastor. Viña a bordo o director xeral da Cunard Line, Mr. Douglas Ridley. Aquela data foi un día histórico para A Coruña. Milleiros de coruñeses abarrotaron a faixa litoral da cidade para asistir á entrada deste emblemático trasatlántico, orgullo da súa Maxestade Británica e famoso mundialmente polo seu porte, elegancia de diseño e luxo interior. Ao acto de recepción celebrado a bordo, unha vez atracado no peirao de San Diego, asistiu o presidente da Xunta de Galicia naquel tempo, D. Gerardo Fernández Albor xunto co gobernador civil e outras autoridades. O alcalde da Coruña D. Francisco Vázquez quixo despregar toda a súa pompa e filia británica para recibir con todos os honores no pazo consistorial ao capitán do barco e ao director xeral da navieira.

Todo isto é xa historia e unha lembranza agradable para os que tivemos un certo protagonismo na escala inaugural do Queen Elizabeth 2 no porto da Coruña. Durante os actos de celebración a bordo, o director xeral Mr. Ridley explicounos que o Queen Elizabeth 2 deixaba de ser naquel día e despois de tantos anos, un trasatlántico en linea regular de pasaxeiros entre Southampton e New York para se convertir nun cruceiro turístico e realizar navegacións curtas entre Southampton, A Coruña, Lisboa e portos do Mediterráneo e tratar así de recuperar a rendibilidade perdida ante a irrupción do transporte aéreo. Mr. Ridley en todo momento quixo salientar que a situación estratéxica do porto da Coruña fora determinante para incluilo dentro do novo modelo de negocio. Desta manira, durante 15 anos o Queen Elizabeth 2 fixo escalas periódicas no porto da Coruña ata 1998, ano no que Cunard Line foi adquirida por Carnival Corporation, un agresivo holding de empresas de cruceiros con base en Miami e de crecemento exponencial a base de absorber a competencia. Carnival Corporation hoxe en día controla case o 50% da flota de cruceiros a nivel mundial e loce un penoso historial delictivo con numerosas infraccións da lexislación marítima internacional polas que ten pagado cuantiosas multas e recibido serias advertencias da Administracción de Xustiza dos EE.UU.

A Autoridade Portuaria da Coruña ven anunciando, entusiasmada, unha previsión de 150 escalas de cruceiros con máis de 300.000 cruceristas para o 2023. Non hai dúbida que estas cifras pódense acadar e incluso incrementar en anos sucesivos porque, como apuntou hai cuarenta anos Mr. Douglas Ridley, o porto da Coruña ten unha situación estratéxica formidable. Ademais, co traslado a Punta Langosteira de todos os tráficos comerciais, os máis de 6.000 metros de atraque que quedan libres constitúen un bocado exquisito para os centos de cruceiros que navegan de porto en porto transportando turistas por todo o litoral europeo.

Mais é imperativo que estas escalas se realicen baixo un estricto cumprimento dos Anexos IV, V e VI do Convenio Marpol por parte destos megabarcos. En particular, é fundamental o seguemento do Anexo VI que limita os contaminantes aéreos nos gases de escape dos barcos. É moi importante para a saúde dos coruñeses que os cruceiros, que unha vez atracados case tocan coas súas proas as galerías de María Pita, deixen de emitir gases contaminantes á atmósfera. É máis, sería óptimo que apagaran os seus motores e se conectaran á corrente de terra unha vez atracados. Para este fin, o porto da Coruña tería que se dotar da necesaria infraestructura, na liña que están a seguir outros portos españois e europeos frecuentados por estas cidades flotantes que son os cruceiros.

Está contemplada esta medida dentro dos plans da Autoridade Portuaria da Coruña?

  • Xosé Manuel Barros (Socio fundador de Mar de Fábula) e Sabela Pérez (Ecoloxistas en Acción)

ÚLTIMAS

Somnia, un thriller en galego feito polas novas xeracións do audiovisual coruñés

”Somnia” fala obsesión, de perder o norte cando a vida non é a que...

O PSOE coruñés denuncia ataques en redes ao secretario xeral das Xuventudes Socialistas

O secretario xeral do PSOE na provincia da Coruña, Bernardo Fernández, condenou os "ataques"...

Anuncian unha acampada fronte a refinería de Repsol na Coruña para loitar polos dereitos laborais

"Meses de enganos por parte de REPSOL nas negociacións de melloras para o persoal...

Familias de republicanos da Coruña internados en campos nazis súmanse á querela contra o franquismo

Familiares de republicanos deportados a campos de concentración nazis sumaranse á querela arxentina contra...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here