Coñeciamos onte que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimaba o recurso interposto pola Plataforma Defensa do Común pola afectación patrimonial a unha parte do sistema defensivo da Cidade vella, un patrimonio cataloigado como BIC (Ben de Interese Cultural) que paralizou cautelarmente as obras da urbanización de luxo da Parcela 2 Maestranza. Unha sentenza que permite que se reanuden as obras.
Defensa do Común (DC) asegura que presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo, porque considera que “dita sentenza infrinxe claramente a doctrina consolidada do Tribunal Supremo, e que obriga á publicación completa dos plans de urbanismo como requisito de eficaza dos mesmos. Doctrina que, contrariamente ao sinalado na sentenza do TSXG, tamén é de aplicación ao PERI da Maestranza aprobado en 1994”.
DC lembra ao respecto que “a normativa de dito PERI de 1994 publicouse completamente no BOP de 28/11/2024 (ou sexa, 30 anos despois da súa aprobación), despois de terse aprobado o Estudo de Detalle (Pleno de 14/12/2023) e despois de que DC tivese recurrido dito Estudo de Detalle. Nin o PXOM de 1998 nin o PXOM de 2013 nin o PEPRI de 2015 publicaron a normativa de dito Plan da Maestranza, polo cal so desde a publicación no BOP de 28/11/2024 dito plan adquiríu eficaza xurídica”.
Para a plataforma, “a sentenza do TSXG resulta especialmente lamentable, ao omitir a mais recente doctrina do Supremo (sentenzas deste mesmo ano 2026) nas que, en supostos substancialmente iguais, ten confirmado a anulación de instrumentos de planeamento derivados de plans non publicados (aprobados mesmo con anterioridade ao PERI/94), caso da STS de 03/09/2026 que confirma a nulidade de pleno dereito de varios instrumentos de planeamento (entre eles un estudo de Detalle) por non ter sido debidamente publicado o PXOM de Marbella de 1986”.
Con independencia da presentación do recurso de casación ante o Supremo contra dita sentenza do TSXG DC proseguerá as accións xudiciais contra da licenza de obras, no marco do contencioso interposto contra da mesma e que se segue no Tribunal de instancia 1 da Coruña.

