Marta Figueroa, terá que deixar a súa acta de concelleira de Cohesión Social, Réxime Interior e Recursos Humanos, despois da aprobación (co voto en contra do PSOE), no pleno de onte, da súa reprobación formal. O BNG levou a iniciativa a Pleno tras coñecer a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao concello por vulnerar os dereitos fundamentais dun funcionario ao suspendelo de emprego e soldo sen dereito a defenderse.
A condena ao Concello de Culleredo chegou despois de que o funcionario sancionado sen emprego e sen soldo gañara o xuizo e que o TSXG ratificara o fallo, por considerar que se vulneraron os dereitos do funcionario, como o da defensa xusta, e non se optou pola medida menos restrictiva con eses dereitos. Ademais, a medida tomada non serviu para conseguir o obxectivo de asegurar o normal funcionamento do servizo, sinala a sentenza.
Segundo sinala o BNG, a Secretaria Municipal –responsable do asesoramento xurídico do concello– xa advertira en contra desa medida, ata en dúas ocasións, por basarse “en opinións subxectivas e probabilidades apreciadas pola concelleira delegada de seguridade cidadá e persoal”, e aínda así optouse pola vía da discrecionalidade poñendo un funcionario con máis de 30 anos de servizo na rúa de contado, saltando os trámites esenciais do dereito á defensa.
O BNG, tras moitos meses pedindo a dimisión da concelleira, consegue con esta aprobación un cambio na política arredor do persoal, “debido ao paupérrimo funcionamento crónico da área e pola falta de persoal na administración municipal en xeral, e no Conservatorio municipal ou na Policía Local como casos máis destacados”.
Denuncia ademais o BNG que “o goberno municipal socialista tratou de evitar que a proposta fora votada en Pleno, a través de todos os medios posibles, incluso con métodos de dubidosa legalidade e nada democráticos. Retirou unilateralmente a proposta da Orde do Día unha vez acordada en Xunta de Voceiros e cando o BNG recurriu, comunicouse o adiamento do Pleno aludindo a problemas informáticos”. “Finalmente, tiveron que aceptar o recurso do BNG e incluír a proposta na Orde do Día, dando como resultado que a concelleira de Persoal, Marta Figueroa, fora reprobada polo Pleno da Corporación”, explican.