Mondra, Sila Lua, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo sumáronse ao programa do festival Atlantic Pride, que desenvolverá a súa quinta edición na Coruña do 7 ao 14 de xullo.
Tal e como apunta nun comunicado o Concello, responsable do festival, o Atlantic Pride será testemuña este verán da Foliada das Ardentes de Mondra, “unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega: unha proposta íntima e irreverente a un tempo, da man dunha das voces máis celebradas da escena musical actual e o seu relato de resistencia e celebración”.
As novas artistas galegas
Mondra
Mondra é artista, cantareiro e bailador. Medra vencellado á música e ao baile tradicional galego, así como ao teatro e ao audiovisual. Desde 2021 forma parte, como como vocalista e bailador, de DeMente, a compañía de danza Fran Sieira, responsable dunha das pezas con maior percorrido na historia da danza galega. No 2024, recibirá o Premio Alfredo Iglesias, da Revista Coralia, a artista revelación. En setembro de 2023, publica ARDĒN (Altafonte Music Spain), o seu primeiro traballo discográfico, producido por Berto. O álbum presenta unha experiencia musical, visual e performativa, en diálogo coa música tradicional galega. É unha proposta íntima e irreverente a un tempo, un relato de resistencia e celebración.
Sila Lua
Sila Lua, artista e produtora galega, leva desde 2017 desenvolvendo o seu son, algo a medio camiño entre a música urbana de fala hispana e a electrónica experimental europea; una mistura libre de xéneros froito da súa crianza española e dos seus anos vivindo e estudando produción musical en Londres. As súas cancións, de forte mensaxe lírico, producións detalladas e unha elegancia misteriosa, valéronlle o título de “diva marciana do novo pop escuro europeo” por parte da prensa especializada.
O Rabelo e Nenaza
O Rabelo é un animal humano que gusta de xogar, estar “tranqui” e rir. É antifascista, transfeminista, anarquista a favor da tenrura, os coidados e a violencia reactiva. Nos seus concertos fai música ao xeito en que se facían as festas de antes, as rúas, mesturando a música tradicional galega con xéneros como o reguetón ou o tecno, para convidar á xente a bailar. Xoga coa identidade a través da arte escénica para cuestionar o que é normal e o que facemos co malestar. Explora a mitoloxía, a marxinalidade e o normativo a través da mestura e das expresións artísticas. Da obradoiros de regueifa, fai charlas e debates en centros de ensino e desenvolveu proxectos artísticos arredor da escrita e a música, con publicacións como El libro de Iarnal, Tenruras e raivas, Betadine ou os discos Suor e Silva, entre outros.
Nenaza é unha artista drag galega que reivindica a feminidade a través do imaxinario da mitoloxía galega. É un ser fantástico que mestura o etéreo e protector das fadas cun mundo escuro, violento e punk, froito das violencias exercidas sobre as persoas que viven o xénero de forma feminina. Na súa performance utiliza o corpo, o movemento e o son. Máis aló do seu proxecto performativo, en 2022 comeza a súa carreira como DJ mesturando ritmos de neoperreo e funk favela con electrónica e deconstructed, trallando en festas e clubs, ademais de en galerías de arte e museos.
Catuxa Salom
Catuxa Salom é unha artista galega de raíces arxentinas e unha das voces máis potentes da escena folk electrónica do momento. No seu debut discográfico experimenta coa música tradicional galega, os ritmos latinos e as bases electrónicas, conseguindo unha sonoridade que nos conecta co noso lado máis salvaxe. De Aimogasta ás montañas de Lugo, a artista constrúe un relato cargado de simbolismo, onde a natureza e o movemento están en primeiro plano. O seu directo magnético e vibrante promete ritmos de baile.
Lontreira
Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. Desde os seus inicios no verán 2022, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante na industria musical, compoñendo sen descanso novos temas e argallando directos que logren sorprender ao espectador, converténdose nunha prometedora banda emerxente galega. O seu tema Corazón de toxo foi elixido canción do verán en Galicia en 2022 pola CRTVG e, con ela, visitaron citas tan imprescindibles como o Surfing The Lérez, o Atlantic Fest ou o 17º, entre moitos outros festivais. No ano 2023 foi elixida finalista na categoría de banda emerxente nos 10º Premios Martín Códax da Música, e foi, tamén, unha das 14 bandas seleccionadas entre máis de 300 para participar no MUMI Músicas do Minho 2023.
Lontreira presentou en 2023 o seu primeiro traballo discográfico, Apnea.
Amoebo
Amoebo é efervescencia, unha reconstrución da verbena galega, unha proposta de música urbana que se alimenta de ritmos latinos e do idol pop dos anos 80. Amoebo é festa e diversión sen tapuxos, bailes desmedidos e moito humor, todo isto reflectido en temáticas que tocan o costumismo galego, o amor, o sexo e o día a día da xuventude galega, desde unha visión do neto que mira con nostalxia ao rural desde un entorno máis urbano.
A banda propón directos cunha alta intensidade que incitan a mover as cadeiras e a chorrear de suor. Amoebo imita o formato orquestra a pequena escala, con interacción co público, bailes e escenografía sen fin. A
LITERATURA LGTBI+
O festival ‘Atlantic Pride’ tamén vén de convocar o III Certame de Literatura LGTBI+, un concurso que pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBI+. As obras deberán ser en galego, orixinais e inéditas, de temática libre e con vinculación á diversidade LGTBI+, e poderán presentarse até o 31 de maio, optado a tres premios en metálico (de 600, 300 e 100 euros).
O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 7 ao 14 de xullo), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival: www.atlanticpride.es/certame-literario.
FESTIVAL ATLANTIC PRIDE
O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito xornadas. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. Desde a dirección do festival convidan ao público a non deixar de soñar: “as nosas redes sociais están sempre activas e abertas e sempre haberá espazo para as sorpresas no noso programa”.
A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do devandito evento. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. No seu cartel está xa confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa (que actuará o sábado 13 de xullo), Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, e moi pronto desvelaranse novos nomes e actividades.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Global Grafic.