InicioM.AMBIENTE E PATRIMONIOAs praias de Riazor e Orzán, cheas de cabichas de cigarros

As praias de Riazor e Orzán, cheas de cabichas de cigarros

Publicada o

Por Ángela Precedo

As praias galegas están cheas de residuos máis aló dos pélets ou microplásticos. Cheas de lixo mariño entre o que está o plástico, en gran cantidade, en forma de bolsas e envases, principalmente, pero tamén o cartón e o papel das cabichas dos pitillos. Semella que a práctica de fumar na praia é moi habitual nos areais galegos, onde os fumadores non son conscientes da elevada contaminación que estes residuos supoñen. O ‘Informe Macrolixos das costas españolas‘, elaborado polo proxecto ‘La España Azul‘ en decembro de 2023, encabezado polo naturalista e explorador Nacho Dean, documenta o estado de tres ecosistemas galegos pondo o foco na contaminación por plásticos. Dende Galicia Confidencial recollemos os datos da súa experiencia de limpeza nas praias de Covas (Viveiro), Rodas (Íllas Cíes) e Riazor e Orzán (A Coruña).

As praias continuas de Riazor e Orzán, integradas no casco urbano da Coruña, e un dos puntos de relax favoritos dos coruñeses e dos surfistas pola súa elevada oleaxe, foron limpadas o 18 de decembro de 2022 por 40 voluntarios, que peitearon 1.300 metros de areal, recollendo ao seu paso 33,66 quilos de residuos. Do total de 1.700 ítems de lixo mariño atopados, o 4,71 % son fragmentos plásticos e metálitos. Do restante, a categoría máis recollida foi o papel e o cartón, representando un 61,73 % do total, sendo o 90,7 % deste papel e cartón materializado en forma de cabichas. En segundo lugar, atópanse os residuos plásticos, que representan o 19,94 % dos residuos, sendo os envases de comida o tipo de plástico máis abundante (un 25,31 % dos plásticos). Seguiríanlle os residuos hixiénicos (7,59 %), os metais  (4,07 %), o lixo de especial estudo (1,54 %), o vidro (0,93 %) e os residuos médicos (0,62 %). E hai que salientar que non se atoparon madeiras.

En números, acháronse nas praias de Riazor e Orzán 907 cabichas, 102 envases de comida, 75 toallitas húmidas e 75 cabos, cordas e cordeis. Os voluntarios concluíron que a principal fonte de contaminación dos areais foi a falta de concienciación sobre o impacto dos residuos, especialmente sobre as cabichas. Como solucións, propoñen instalar puntos de recollida de residuos na praia, sobre todo, cinceiros públicos; fomentar as limpezas de praias; preparar campañas de concienciación sobre o impacto das cabichas; fomentar o turismo e o consumo sostibles; realizar campañas de educación e sensibilización ambiental; e declarar a praia como ‘Espazo sen fume’.

ÚLTIMAS

Ferido grave un mozo de 25 anos tras un atropelo na Coruña

Un mozo de 25 anos resultou ferido tras sufrir un atropelo grave na Coruña....

As razóns dos traballadoras da Compañía de Travías para a folga deste luns 16N

Este luns 16 de novembro, teñan coidado se pensan ir en bus ao posto...

O Concello da Coruña centra a súa campaña do 25N na violencia dixital e vicaria

O Concello da Coruña desenvolverá ata o 3 de decembro unha campaña con motivo...

Diana Varela presenta no Fórum a súa viaxe poética con “Serea e Ulises”

Despois da presentación realizada en maio na Agra do Orzán Diana Varela trae este...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here