Volve, un ano máis, converterse a cidade da Coruña nun referente internacional do xornalismo humanitario e a defensa dos DDHH. Os Xardíns de Méndez Núñez xa vive a estas horas os prepapartivos para acoller, de venres 7 a domingo 9 de xuño, o 8º Encontro Internacional Acampa pola Paz.
Tralo éxito e repercusión da edición do ano pasado, a rede Acampa pon o foco na “Infancia e a Mocidade refuxiada”, analizando e descubríndonos como é a realidade en países como Ucraína, África ou Afganistán. Pero este ano, as xornadas irán moi vinculadas á situación que vive Gaza, ofrecéndonos á cidadanía un espazo para reflexionar colectivamente sobre a realidade da infancia e a mocidade refuxiada, sobre eses millóns de nenos e nenas que permanecen en territorios en guerra, atrapados pola fame, a seca, os desastres naturais…
Un Memorial en recordo da infancia asasinada en Gaza, un campamento de refuxiados simulado, oito mostras fotográficas a gran formato e unha completa carpa para as ponencias toman xa os Xardíns, ofrecendo un programa completísimo.
A realidade perfila o comprometido programa da nova edición da Rede Acampa
Participarán xentes como a Ministra de Xuventude e Infancia, Sira Rego, a directora da UNRWA España, Raquel Martí, a enfermeira pediátrica de MSF, Ruth Conde, retornada de Gaza, ou Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children, entre outros. Quen non poderá fotógrafo palestino Majdi Fathi, o autor da foto que ilustra esta edición, ao non poder xestionar o visado para saír de Gaza.
Memorial en lembranza da infancia asasinada en Gaza
Nesta edición de Acampa pola Paz púxose en pé un Memorial pola infancia asasinada en Gaza, unha instalación colaborativa con 1200 pezas onde se renderá homenaxe aos máis de 15.000 nenos e nenas asasinados en Gaza, pero tamén a cada un dos outros falecidos en calquera dos conflitos e guerras activas no mundo.
Fronte a el, o domingo 9, ás 12 horas, haberá unha concentración unitaria que tomará forma nun Minuto de Silencio para esixir Non máis mortos!
Mostras fotográficas de gran formato
Ademais de Majdi Fathi, conforman a nómina de fotoperiodistas convidados Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vincent Tremeau, Rodrigo Abd, Bruno Thevenin e Marta Moreiras.
Coas súas imaxes convidarán o público a reflexionar sobre eses millóns de nenos aos que se roubou o seu dereito para selo. As súas propostas expositivas, que permanecerán en Xardíns ata o 30 de xuño, viaxan desde Gabón, Togo ou Benin á fronteira sur de España, mostran Gaza, Afganistán ou Ucraína. Trasladarán ao público á Cañada Real de Madrid, condenada á escuridade desde fai máis de catro anos, e enfrontaranlle a como se vive a infancia se se nace cunha discapacidade en Guinea Bissau.
As imaxes das expos que integran a proposta gráfica de #ACAMPA2024 comezan a tomar o espazo dos Xardíns de Méndez Nuñez. O venres, inauguramos o VIII Encontro Internacional #Infanciaemocidaderefuxiada. pic.twitter.com/iRWtBYXUHl
— Acampa (@Acampa_polapaz) June 5, 2024
Cinema, música e actividades paralelas
Dúas proxeccións están programadas en ACAMPA2024. O documental M, producido pola Deputación de Cádiz, con guión do xornalista Nicolás Castellano e a curta “Aínda que é de noite”, dirixida por Guillermo García López, gañadora do Goya 2024.
O público asistente poderá gozar da charla entre Castellano e Ismail El Majdoubi, un dos mozos que protagoniza o documental e que hoxe preside a Asociación ExMenas.
Tamén, do encontro da presidenta da Asociación Tabadol de Cañada Real, Houda Akrikez, e Marina García, da produtora Sintagma Films que sacou adiante a curta.
A música, este ano, correrá a cargo dos grupos Kreze, A Quinta de Do, Belém Tajes, e os músicos ucraínos Anna Haidukova, Myroslava Tatarchuk, Artem Matovka, Solomia Javchuk, Ihor e Lida Popadiuk.
Como en edicións anteriores, haberá ademais moitas actividades paralelas a cargo dalgunhas das organizacións membros da rede Acampa pola Paz e o Refuxio. Entre elas, un Obradoiro de Primeiros Auxilios para nenos, impartido pola ONG AIRE, un Xogo de roteiros migratorios a cargo de MSF, un contacontos a cargo da ONG Por que non? e un obradoiro impartido por Mundo sen guerras e sen violencia.
Apoios
A Rede Acampa, formada por unha marea de profesionais que colaboran de xeito voluntario, conta co patrocinio do Concello da Coruña coa colaboración da Universidade da Coruña, a Deputación provincial coruñesa e o Concello de Narón.
Tamén conta co apoio doutras entidades e empresas, e dene Acampa agradecen a complicidade do CIFP de Someso, de RETO, de CUAC FM e de empresas como Tórculo Edicións e Terras Gauda, “así como a todo o traballo do voluntariado do movemento Acampa pola Paz sen quen, seguro, sería inviable sacalo adiante”.
Novas dos Encontros ACAMPA
EDICIÓN 2023:
A cidadanía herculina demostrou a súa conciencia crítica na Rede Acampa