Máis de seiscentos votos, entre particulares e organizacións, fixeron posible chegar ao resultado, elixir de entre as nove candidaturas aos que serán receptores do IV Recoñecemento Internacional Acampa á defensa dos Dereitos Humanos. Cun 30,2% dos votos, o Recoñecemento na súa categoría internacional irá parar a mans da activista nicaraguana, Haydée Castillo, mentres que na categoría Galicia, co 46,7% dos votos, será o portavoz de SOSSanidade Pública, Manuel Martín García, quen reciba o aplauso colectivo de Rede Acampa polo seu compromiso cos DDHH.
O acto de entrega do Recoñecemento Acampa2024, que toma forma nunha escultura da artista Pilar Subías, terá lugar durante o desenvolvemento do Encontro Internacional Acampa pola Paz, no mes de xuño. Do venres 7 ao domingo 9, Rede Acampa reunirá na Coruña a especialistas e fotoperiodistas para reflexionar sobre a Infancia e a Mocidade refuxiada. Os Xardíns de Méndez Núñez serán un ano máis o espazo en que a cidade se converterá, da man do Movemento Acampa pola Paz, en referente nacional do Dereito e o Xornalismo Humanitarios.
Unha voz inquebrantable na defensa da Sanidade Pública galega
O médico Manuel Martín García, voceiro da plataforma SOS SANIDADE Pública de Galicia e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública é un exemplo de compromiso. O seu está coa sanidade pública, especialmente centrado na defensa da atención primaria como o elo imprescindible para un bo funcionamento do sistema sanitario.
Desde hai anos, Manuel Martín é a voz inquebrantable que desde SOS SANIDADE vén denunciando o desmantelamento interesado e progresivo da atención sanitaria en Galicia, en beneficio da medicina privada, algo que afecta ao global da poboación galega pero máis aínda se miramos ao estrato máis vulnerable da mesma. Iso deriva no incremento da mortalidade evitable e xeral, non explicable pola epidemioloxía, tal e como certifican os últimos informes do Ministerio de Sanidade.
A súa candidatura foi proposta pola Asociación Fuco Buxán.
Defensora dos Dereitos Humanos exiliada
Haydée Castillo é unha histórica activista con máis de trinta anos de experiencia internacional na defensa dos Dereitos Humanos. No seu país, Nicaragua, foi asesora da Procuraduría de Dereitos Humanos, así coma Asesora de sociedade civil de Nacións Unidas. Desde 2018 vive exiliada política en EEUU.
Castillo presidiu o Instituto de Liderazgo das Segovias (ILS), entidade que traballou durante anos con financiamiento da cooperación galega a través das ONGs Solidariedade Galega, Sólida e Solidariedade Internacional de Galicia. Precisamente esas organizacións galegas son as que propuxeron a súa candidatura.
A súa loita continúa desde a diáspora, onde segue documentando a vulneración dos DDHH en Nicaragua e promovendo a xustiza transicional (memoria, verdade, xustiza, resarcimento e non repetición).
Máis novas
A barbarie de Israel sobre Gaza, protagonista do cartel da Rede Acampa 2024
A cidadanía herculina demostrou a súa conciencia crítica na Rede Acampa