InicioOPINIÓNContra o mundial de fútbol (polo menos na Coruña)

Contra o mundial de fútbol (polo menos na Coruña)

Publicada o

Por Rodrigo Osorio

Semella que as evidentes necesidades das veciñanzas de san Roque de Fóra, Riazor e arredores non abondan para que «o goberno de Inés Rey» decida impulsar unha mudanza urbanística que lles facilite a vida. O noso Concello precisaba unha escusa para afrontalas e atopouna no único eido que de certo coñece: a mercantilización do espectáculo.

A posíbel celebración dun mundial de fútbol masculino na república de Portugal e nos reinos de Marrocos e España serviu para que a  mandataria municipal ofrecera as nosas instalacións deportivas para que o conglomerado internacional do capitalismo audiovisual (a FIFA e compañía) poida facer negocio coa esperanza de se quedar coas frangullas que deixen.

Os gabinetes de comunicación do PsdG e do Real Club Deportivo da Coruña levan preto dun ano preparando o terreo: «Así será o “megaproxecto” do novo Riazor para o mundial 2030», «A ampliación do estadio de Riazor, un proxecto de cidade para A Coruña»,… Consonte os medios, a reforma do estadio municipal que arrenda, a prezo de saldo, unha empresa privada custará 101.800.000 € dos que o 70% sairán das arcas públicas. Se só se gastase ese 70% na mellora urbanística da zona («humanización», na neolingua do Inesato), todo sería máis barato e ademais evitariamos que a cidade estivera a relacionarse cun dos negocios máis «insostíbeis» e destrutivos para a natureza que se anuncian nos vindeiros anos. De verdade é preciso organizar ese movemento de persoas e capitais entre tres países usando avións, incrementando as emisións de carbono innecesariamente, cos datos de quecemento global que hoxe coñecemos? Estaría ben afastar A Coruña destes absurdos e ecocidas «macroeventos» e vencellala co respecto a Natureza.

Evidentemente o mundial masculino de fútbol non abonda para xustificar o gasto e por iso dende a reciclada Concellería de Cultura deixan caer, a través dos medios, que «o novo Riazor abre a porta a concertos de máximo nivel» e completan a publicidade enganosa cun «Bruce Springsteen, Beyoncé o Coldplay actuaron en recintos semellantes en España». Máis colaboración coa industria musical do goberno que máis ten axudado ao monopolio desta industria e os seus «organizadores privados de eventos».

Deporte de masas e outros espectáculos hexemónicos ao carón dun bulevar de cemento cunha ducia de árbores raquíticas, velaí o proxecto. A presunta reurbanización sostíbel de Riazor, san Roque de Fóra e lindeiros é un mero efecto secundario da verdadeira fin do «goberno de Inés Rey».

MÁIS ARTIGOS DE RODRIGO OSORIO NO XDC

Teoría e práctica da política pailaroca

ÚLTIMAS

A alcaldesa da Coruña e o Goberno abordan a colaboración para recuperar a memoria democrática

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta tarde, no Palacio Municipal de María...

A herculina Sandra Garrido, embarcada na Flotilla Sumud do Global Movement to Gaza 

Despois da concentración deste pasado sábado en apoio á Global Movement to Gaza no...

O Bristol, as salas da cidade e La Casa Azul, protagonistas do Noites do Porto

Presentou esta pasada fin de semana o cartel definitivo do festival Noites do Porto....

O prestixioso investigador sueco Ulf Linderfalk incorpórase á Universidade dá Coruña (UDC)

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) incorporou ao recoñecido profesor sueco...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here