InicioOPINIÓNContra o mundial de fútbol (polo menos na Coruña)

Contra o mundial de fútbol (polo menos na Coruña)

Publicada o

Por Rodrigo Osorio

Semella que as evidentes necesidades das veciñanzas de san Roque de Fóra, Riazor e arredores non abondan para que «o goberno de Inés Rey» decida impulsar unha mudanza urbanística que lles facilite a vida. O noso Concello precisaba unha escusa para afrontalas e atopouna no único eido que de certo coñece: a mercantilización do espectáculo.

A posíbel celebración dun mundial de fútbol masculino na república de Portugal e nos reinos de Marrocos e España serviu para que a  mandataria municipal ofrecera as nosas instalacións deportivas para que o conglomerado internacional do capitalismo audiovisual (a FIFA e compañía) poida facer negocio coa esperanza de se quedar coas frangullas que deixen.

Os gabinetes de comunicación do PsdG e do Real Club Deportivo da Coruña levan preto dun ano preparando o terreo: «Así será o “megaproxecto” do novo Riazor para o mundial 2030», «A ampliación do estadio de Riazor, un proxecto de cidade para A Coruña»,… Consonte os medios, a reforma do estadio municipal que arrenda, a prezo de saldo, unha empresa privada custará 101.800.000 € dos que o 70% sairán das arcas públicas. Se só se gastase ese 70% na mellora urbanística da zona («humanización», na neolingua do Inesato), todo sería máis barato e ademais evitariamos que a cidade estivera a relacionarse cun dos negocios máis «insostíbeis» e destrutivos para a natureza que se anuncian nos vindeiros anos. De verdade é preciso organizar ese movemento de persoas e capitais entre tres países usando avións, incrementando as emisións de carbono innecesariamente, cos datos de quecemento global que hoxe coñecemos? Estaría ben afastar A Coruña destes absurdos e ecocidas «macroeventos» e vencellala co respecto a Natureza.

Evidentemente o mundial masculino de fútbol non abonda para xustificar o gasto e por iso dende a reciclada Concellería de Cultura deixan caer, a través dos medios, que «o novo Riazor abre a porta a concertos de máximo nivel» e completan a publicidade enganosa cun «Bruce Springsteen, Beyoncé o Coldplay actuaron en recintos semellantes en España». Máis colaboración coa industria musical do goberno que máis ten axudado ao monopolio desta industria e os seus «organizadores privados de eventos».

Deporte de masas e outros espectáculos hexemónicos ao carón dun bulevar de cemento cunha ducia de árbores raquíticas, velaí o proxecto. A presunta reurbanización sostíbel de Riazor, san Roque de Fóra e lindeiros é un mero efecto secundario da verdadeira fin do «goberno de Inés Rey».

MÁIS ARTIGOS DE RODRIGO OSORIO NO XDC

Teoría e práctica da política pailaroca

ÚLTIMAS

A CIG pide a Fiscalía a apertura dunha investigación pola agresión a un sanitario e un vixiante no Chuac

Representantes de CIG-Saúde pediron á Fiscalía provincial da Coruña que se abra unha investigación...

As traballadoras das residencias privadas reclaman mellores condicións para poder dar unha atención de calidade

Nova mobilización polas rúas da Coruña (é raro día que non haia colectivo denunciando...

O Goberno e a Deputación inauguran na Cidade das TIC o maior estudo virtual de España

O ministro de Transformación Dixital, Óscar López, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González...

As traballadoras da Rede de Escolas Infantís Municipais sacan a careta a Borrego

Despois de meses esperando que o Concello cumprise as súas preguntas, as traballadoras da...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here