InicioSOCIEDADEA mercería coruñesa do millón de seguidores que atrae a turistas de...

A mercería coruñesa do millón de seguidores que atrae a turistas de todo o mundo

Publicada o

Por Amanda Ferpe

Na rúa San Andrés, no corazón de A Coruña, con máis de 83 anos, atópase a mercería La Crisálida, un lugar que alberga auténticos tesouros. Se as súas portas seguen abertas a día de hoxe é grazas a Ramón Santos, o seu actual propietario que conta que de xeito casual se enterou de que os anteriores donos ían pechar, liquidaban e vendían por lotes. “Eu xa me dedicaba ao Téxtil, xa que tiña un taller de costura e daba clases de patronaxe e confección, e un día fun mirar algo por se me podía interesar”, confesa e engade que acabou quedando “coa tenda enteira”. Recoñece que a idea de que un lugar así pechase lle daba moita pena e que o conquistou, polo que en 2018 decidiu comezar a negociar o traspaso, que se fixo posible en 2019. “Sabía que tiña potencial e futuro, tal e como estou demostrando, porque aínda se asocia a mercería a un negocio do pasado, pero para min é un negocio do presente e de futuro”, afirma.

Actualmente levan a mesma liña de producto que xa tiña historicamente a mercería, así por exemplo, non teñen roupa interior, senón que son un negocio especializado en productos para mercería, productos de confección, material para labores… O principal cambio que introduciu Ramón cando tivo as chaves deste local foi a estrutura da tenda: “Estas tendas normalmente están concebidas como un mostrador que corta o paso ao cliente, que chega e espera a ser asesorado”. Agora a tenda é aberta, onde a xente pode tocar e ver case todos os productos e despois hai un mostrador onde se ofrece asesoramento. Nos inicios da aventura comezou xunto con Olga, que daba clases, mentres Ramón atendía a tenda. Agora, grazas ao crecemento en redes sociais, traballan cinco persoas na mercería.

UNHA MERCERÍA QUE TRIUNFA NAS REDES SOCIAIS

Os números non enganan e La Crisálida ten actualmente unha comunidade de: 1.425.000 seguidores. Ollo aos ceros porque ten 795.000 en Tik Tok, 451.000 en Instagram, 148.000 en Facebook e 31.000 en Youtube. “É unha barbaridade, pero todo porque a mercería siga viva”, expón Ramón ante todo isto. Pero, isto como se deu? Todo comeza cando decidiron dar o salto dixital e comezar coa venta online, polo que crearon perfís nas redes sociais co obxectivo de atraer xente á páxina web: “Que mellor escaparate para isto que o das redes sociais e co vídeo como forma de expresión, polo que comezamos a facer por pura necesidade”.

A partir de aí, foron escoitando o que a xente pedía: “Que guai estar rodeado dun tesouro así, co que te tes que atopar nese almacén… Falaban tanto dos tesouros que decidín facer unboxing de tesouros vellos e vintage para así poder vender parte deste almacén que é unha carga polo espazo que ocupa”. Recoñece que gran parte do local está ocupado por caixas, de feito moita mercancía inservible, que non sobreviviu ao paso dos anos, tirouse ao reabrir a mercería. “O que está ben, en bo estado, estámolo ensinando en redes e estase vendendo, como os panos vintage dos anos 70 de tecidos de calidade e estampados singulares, que están case agotados e o malo é que non hai reposición”. O vintage fíxoos medrar e tamén diferenciarse, pero deben competir coas “grandes mercerías online”, que sinala “aínda que pareza mentira, facturan milleiros de euros”.

Pensaba chegar a isto? “Non, ao final son as redes dun negocio, eu son o que dá a cara, pero o crecemento foi exponencial, por exemplo en Tik Tok comecei en maio do ano pasado. Así, sen pagar publicidade, foi un crecemento orgánico, é unha pasada”.

“UN NEGOCIO QUE TRAE BOS RECORDOS”

Ramón Santos expón que o primeiro apoio en redes notable foi “dos irmáns de Latinoamerica, en especial de México, país que seguiu moito desde o principio e “fixo moita compra online”. Grazas a iso medraron moitísimo e rápido, tamén nos últimos meses notou gran presenza de público de Estados Unidos. “Tanto este negocio, como os que vexo ao meu redor, están sostidos por mulleres, son o público maioritario, que nos ve e acoden”, fai fincapé e indica que son un 90% do público na tenda física e o 70% en redes: “Son as mulleres as que sosteñen o mundo, igual que todos os negocios, no supermercado, na ferretaría ou calquera negocio veciño de por aquí, sempre está cheo de mulleres, non vexo aos homes mercar”. Lonxe de imaxinar que a mercería só atrae á xente de máis idade, sostén que o público é heterodoxo e que tanto veñen veciñas e veciños duns 90 anos “de toda a vida” como xente moi nova, estudantes de Deseño, Moda e Confección. “Hai un pouco de todo e tamén nas redes, en Instagram predomina a mocidade e en Youtube, un público de máis idade”, destaca.

Agora, estes días, hai obras na rúa que restan visibilidade e nos que “custa máis facer caixa e que veña a xente de a pé”. De feito, case toda a xente que acode vén de fóra a coñecer este lugar que idealizaron coas redes sociais: “Aproveitan para vir saudar, coñecer á mercería e moitas veces ata me piden foto, que compartimos nas redes. Somos un nodo turístico e esta semana viñeron desde Miami a España con parada en A Coruña para visitar La Crisálida”. Ante isto o propietario confesa sentirse “abrumado” por momentos ante a responsabilidade que implica que outra persoa fixera tantos quilómetros para verte e que sempre intenta estar á altura da visita. Como punto a salientar, todo o mundo que entra na mercería, merca algo, o que vai non marcha coas mans vacías. Os productos estrelas e máis demandados sen dúbido son “as mantas ou mostrarios de botóns, un éxito que acumula millóns de visualizacións nas redes e que a xente quere tocar e ver in situ”.

Ramón Santos considera que a mercería é un negocio cun forte compoñente emocional, que conecta co pasado e que trae bos recordos á xente: “Lembra a eses botóns da avoa ou da tía cando eras neno, ás tendas antigas….”. E explica que segue habendo unha gran desconexión persoal hoxe en día é que o feito de chegar a un lugar así implica o falar coa xente, un contacto estreito, que un neno marche cunha lambetada ou un abano infantil… “Activa os recordos e fomentamos que a xente que vén faino coa intención de rescatar, reconstruír recordos da nenez e sentirse identificado con eses sentimentos”, afirma.

“UN NEGOCIO A CONTRARITMO”

Nun momento no que o que triunfa é a moda rápida, xa non só de Inditex, senón de marcas como Temu ou Shein, a mercería é “un negocio que vai a contraritmo”. Que máis aló de ser un lugar no que mercar un adorno seguindo unha microtendencia, é a posibilidade de arranxar a roupa, que a roupa acompañe no proceso vital, escapar do usar e tirar e da moda rápida, que promove que a roupa non dure nada: “Vén moita xente para personalizar roupa, pero conscientes de que ser a base para reciclar e reutiliza, iso é ir contra o sistema, sempre digo que somos un negocio contra a sistema”. 

“O segredo mellor gardado das mercerías, como facer lazos perfectos”, disto ía un vídeo viral que hoxe acumula máis de 14 millóns de visualizacións en Tik Tok. O seu día a dia pasa por amosar productos da mercería e con creatividade aproveitar diferentes tendencias nas redes. “Non me dan vertixe as visualizacións, é certo que hai moita xente detrás, pero hai que saber ler o contexto, como se puxo de moda o concepto coquette, pensei nos lazos que temos. As visualizacións son flor dun día, todo se acaba”, comenta.

Actualmente Ramón considera que o que máis lle gusta facer é crear emprego e que descoñecía que tivese esta “alma de empresario” cando toda a vida laboral “foi autónomo”. Séntese ben sabendo que pode aportar un valor que vai máis aló, compartindo a riqueza que xera o negocio e tendo ao redor xente comprometida. A curto-medio prazo o obxectivo principal é que La Crisálida siga aberta, pero afirma que está aberto ás posibles opcións dentro dun sector “moi amplo”. Como última reflexión visibiliza esta cuestion: “Quero que sigamos ofrecendo un servizo de calidade, tanto na tenda física e online, como especialistas en Téxtil, profesionalizando o sector. Xa parece que un non sabe que facer na vida e decide abrir unha mercería, iso é desperdiciar a profesión cando non hai unha formación e amor polo oficio”.

ÚLTIMAS

O Concello sacará a concurso o contrato para o novo Plan de Equipamentos Deportivos

No marco da folga de conserxes, pero sen facer referencia algunha, o Concello da...

Ollo, cortes en Alfonso Molina na saída cara á AP-9/Palavea este martes

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, que realiza o Ministerio...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

Renfe prestará servizo con 500 servizos de bus para facilitar a mobilidade polas obras na estación da Coruña

Renfe modificará o servizo e habilitará un plan alternativo de transporte por estrada con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here