InicioCULTURAAna Suárez: "Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego,...

Ana Suárez: “Nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro
  • “Recordo que cando vin para aquí a estudar hai 10 anos me sorprendía que ao ir no bus absolutamente ninguén falase galego”.
  • “Cando unha das miñas curmás estaba empezando a falar, miña avoa faláballe en “castelán”, polo que a nena acabou chamándolle “jallinas” ás galiñas”.
  • “unha das claves principais pasaría por deixar de ver a lingua cunha connotación negativa ou inferior”.
  • “Se os datos nos din que a escola é un dos axentes castelanizadores, é porque a administración así o decidiu no seu momento.
  • “Actualmente gozamos, por exemplo, dun panorama musical en galego que consegue facer a lingua de “primeira””.

— — —

Xa temos falado con Xurxo Souto e con Daniel Cerqueiro nesta serie de entrevistas que comezamos tras coñecer que o último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán.

Hoxe queremos falar da situación lingüística que vive o terceiro sector da nosa cidade. E para iso falamos con Ana Suárez, técnica de reinserción da Fundación Érguete, recén recoñecida polo Ministerio de Interior. Natural de Ponteceso e afincada no barrio dos Mallos, vive en primeira persoa esa dualidade idiomática que sofre o noso país, a contraposición entre a aldea e a cidade.

 

  • Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos ultimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

Paréceme demoledor para a lingua galega, atopámonos datos como que entre a poboación menor de 15 anos, o 32% das persoas saben falar pouco ou nada galego. Son datos preocupantes, xa que estamos falando das novas xeracións e as que terán a responsabilidade futura de manter esta lingua viva. Por outra parte, son datos que podíamos intuír, pero non sei si con esta rotundidade.

A última década coincide para min cun cambio de domicilio dunha zona rural á cidade da Coruña, polo que evidentemente o cambio é radical. Recordo que cando vin para aquí a estudar me sorprendía que ao ir no bus absolutamente ninguén falase galego.

– Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Creo que en función dos círculos nos que te movas, podes atopar unha porcentaxe de xente que use o galego como a súa lingua habitual. O tema é que parece que é unha lingua que non está no día a día, e a visión que se ten sobre ela é unha das lacras da lingua.

– A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Eu sempre falo galego, tanto a nivel laboral como a nivel persoal. Pero si que é verdade que non sempre a xente se dirixe a min coa lingua galega. Por exemplo, no entorno laboral a maioría das persoas coas que me relaciono falan castelán.
No ámbito persoal, practicamente toda a miña familia fala galego, excepto algún caso en concreto, e coas miñas amistades teño persoas cerca que falan galego e outras castelán.

– Como valoras a presenza do galego no teu barrio dos Mallos? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Ía comezar respondendo que ben, pero si me paro a pensar, parece que celebro case como unha vitoria que unha persoa me fale galego na cidade. Entón, creo que a resposta sería que a presenza da lingua é moi minoritaria no barrio. Sigue sorprendéndome cando vou ao parque, por exemplo, e vexo a unha familia que fala galego co seu fillo/a, porque son unha porcentaxe mínima, non tanto se poñemos o foco en persoas de máis idade, que si falan en galego.

– Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti o a situación lingüística da cidade?

Sempre me río disto, pero creo que no fondo é a realidade de moitas familias. No meu caso, teño dúas primas menores que viven na Coruña dende sempre, e dende pequenas falan castelán. Cómpre sinalar que veñen a Ponteceso case todas as  semanas dende sempre. Cando unha delas estaba empezando a falar, miña avoa faláballe en “castelán”, polo que a nena acabou chamándolle “jallinas” ás galiñas, ata que lle pedimos por favor a miña avoa que lle falara en galego á nena, jaja.

– No teu sector, o terceiro sector e/ou o mundo dos centros penitenciarios, como describirías o uso do galego? 

Creo que nas entidades sociais está bastante normalizado o uso do galego, non tanto na administración penitenciaria. Cando comecei a traballar si que en algunha ocasión me obrigaba a cambiar o idioma si a persoa coa que falaba o facía en castelán. A día de hoxe, non se me pasa pola cabeza, a non ser que non comprenda, que pasa en moi poucas ocasións, incuso cando estou falando con persoas internas que proveñen doutros países.

– Que melloras se poden implatar?

Creo que as melloras pendentes son moitas, non son moi fan de obrigar porque creo que non ten sentido nin é eficaz. Pero creo que unha das claves principais pasaría por deixar de ver a lingua cunha connotación negativa ou inferior.

– Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica alguna responsabilidade?

Por suposto que si, pero igual que che diría que a propia universidade. Estamos falando de que os mestres e mestras de hoxe, pasaron por unha carreira universitaria, unha oposición, etc. e gustaríame coñecer o dato de cantas das asignaturas son dadas en galego, e máis que iso, cal é o uso diario do galego nestas aulas.

Creo que ao final estamos xirando en círculos, e se os datos nos din que a escola é un dos axentes castelanizadores, é porque a administración así o decidiu no seu momento, tanto coa formación docente como coa lexislación vixente.

– O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

Podo chegar a sentirme moi identificada nesta porcentaxe, porque eu mesma, que son galegofalante dende sempre ao igual que o 90% do meu entorno, cando estudaba, resultábame moito máis sinxelo redactar algo en castelán. Facendo autocrítica, supoño que terá moito que ver con que todas as miñas lecturas eran en castelán, ao igual que todo o que vía na televisión e o que escoitaba. Por sorte, xa fai uns anos que está cambiando, e creo que actualmente gozamos, por exemplo, dun panorama musical en galego que consegue facer a lingua de “primeira”.

Creo que un dos papeis principais dos medios en galego é a difusión e a normalización da lingua, a promoción de actividades culturais en galego e incluso a creación de contidos en galego.
Se ben é certo, a administración debería apoiar aos medios que así o fan e non tanto a outros que a pesar de levar a “Galicia” no seu nome, só sacan a lingua galega a pasear o 17 de maio.

Máis entrevistas da serie lingüística

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

ÚLTIMAS

O pai de Samuel Luiz: “O que fixeron co meu fillo foi odio, nin a un can se lle deixa así tirado”

O pai de Samuel Luiz, Maxsoud Luiz, ratificou que o seu fillo nunca tivo un...

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 na Coruña rexistrarán cortes de tráfico este luns por obras nunha pasarela

A avenida de Alfonso Molina e a AP-9 na Coruña rexistrarán cortes de tráfico...

O acusado de asasinar a súa parella no Birloque enfronta unha petición de 25 anos de cadea

Fiscalía e acusación particular manteñen a petición de 25 anos de cárcere para un...

Quen é o teu Errejón?

Poder, redes sociais, inmediatez, postura, superficialidade, unha educación baseada en como vendernos, o virtual,...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here