InicioCULTURADaniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores...

Daniel Cerqueiro: “En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía concreta”

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro
  • “Hai que favorecer a posta en valor da lingua galega como ferramenta de comunicación exterior. A lusofonía é unha oportunidade”.
  • “Cómpre reforzar a visión do galego como elemento de orgullo e de pertenza ao territorio. Aquí fíxome moito, e son unha gran esperanza para min, os grupos musicais emerxentes que usan o galego”.
  • “Os medios en galego sodes un dos poucos baluartes que quedan para a defensa da escrita da lingua”.

— — —

Xa temos falado Con Xurxo Souto, nesta serie de entrevistas que comezamos tras coñecer que o último informe do IGE vén de certificar o envorco lingüístico que sofre o país, sendo o castelán a lingua máis usada en Galicia por primeira vez na historia.

A Coruña é unha das cidades nas que a presenza do galego é cada vez máis residual. Apenas un 4,52% (só por debaixo de Vigo, cun 3,91), utiliza sempre o galego; o 11% usa máis galego que castelán, mentres que un 60% usa sempre o castelán.

Hoxe queremos falar da situación lingüítica que vive o sector empresarial e o das TIC, e falamos con Daniel Cerqueiro, CMO Director de Docuten, empresa herculina que xa é unha referencia internacional en sinatura electrónica. Este neofalante formou parte da Asociación Galega da Lingua e é un gran defensor do poder da lusofonía.
Foi emprendedor nunha vila galegofalante como Corcubión, formando parte de eventos emerxentes no sector tecnolóxico como Startup Galicia ou as Laconnetwork.

 

  • Primeiramente, que che parece o informe do IGE que dá conta do envorco lingüístico que ten acontecido nos ultimos 10 anos en Galicia e que sitúa ao castelán como a lingua máis usada en Galicia? Fuches notando ese cambio na última década?

O informe paréceme que reflicte a realidade que xa se notaba na rúa, especialmente nas cidades, onde escoitar falar galego é cada vez máis residual.

Sobre o cambio nesta década, a miña sensación é que as xeracións que están marchando son as que mantiñan un certo uso do galego, mentras que as que entran, cada vez falan menos galego. Por tanto, é un cambio demográfico, non no uso que fan as persoas.

  • Cales son para ti as claves deste devir lingüístico na cidade?

Para min a educación en Galicia ten gran parte de responsabilidade nesta situación. Xa non é que as escolas fomenten o galego entre os que entran, é que convirten en castelán falantes aos poucos nenos que entran falando galego.

Outro problema da língua é a relación que se fai coa política. En moitos ámbitos, falar galego fai pensar aos teus interlocutores que tes unha ideoloxía moi concreta, e moita xente non quere ter ese estigma nas súas relacións do día a día.

  • A nivel persoal, que porcentaxe de conversas en galego tes habitualmente? Que porcentaxe de xente se dirixe a ti en galego?

Eu teño bastantes, especialmente no traballo. E iso ocurre porque Docuten é unha empresa na que o CEO fala habitualmente en galego, e moitos dos que traballamos alí tamén a usamos.

A xente que xa nos coñece, algunha nos trata en galego, pero a inmensa maioría usa o castelán como língua por defecto.

  • Como valoras a presenza do galego no teu barrio? Como é o día a día dos comercios, a hostalería, os súper… En que lingua se expresan?

Eu vivo ao lado do estadio de Riazor, e case todas as conversas que escoito son en castelán. Só escoito galego falado por xente maior, e especialmente cando falan entre eles, non cando se dirixen a xente máis xoven.

  • Tes algunha anécdota na túa familia que describa para ti o a situación lingüística da cidade?

A miña nai é do Ribeiro, pero na Coruña habitualmente falou e fala castelán. A súa propia nai dicíalle que na cidade debía aprender e falar en castelán, que era o “fino”.

  • No teu sector, o sector da empresa e das TIC, como valoras o uso do galego?

En xeral, o uso non é alto, pero coñezo varias empresas e empresarios do sector que si que usan o galego habitualmente e fan gala diso. Venme a cabeza os caso de Imaxin ou de Teimas, e de asociacións do sector como Startup Galicia, que usa o galego como base para todas as comunicacións.

  • Que melloras se poden implantar?

A sensación é que a gran batalla está perdida, e que o declive do uso do galego, quedando para cuestións case “rituais”, é inevitable. Pero eu penso que aínda hai cousas que se poden facer, e moitas teñen que ver coa posta en valor da lingua como ferramenta de comunicación exterior. É necesario demostrar a unha parte importante da poboación que o galego é unha língua útil, e iso conséguese aproveitando que somos parte da lusofonía e que podemos comunicarnos con más de 200 millóns de falantes de portugués.

Outras accións teñen que ver con reforzar a visión do galego como elemento de orgullo e de pertenza ao territorio. Aquí fíxome moito, e son unha gran esperanza para min, os grupos musicais emerxentes que usan o galego. A miña sensación é que cada vez hai máis, e con propostas musicais de todo tipo, non só a música que antes se identificaba co galego.

  • Unha das conclusións máis graves do informe é que un dos axentes máis castelanizadores é o ensino. Se un 38,42% da poboación no país educa aos seus fillos en galego, a realidade é que hai apenas un 7,04% de nenxs de entre 5 a 14, e un 12% entre 15 a 29 que utilicen a lingua galega. Ten aí a administración autonómica algunha responsabilidade?

Claro que ten. Como dicía antes, as escolas en Galicia converten en castelán falantes a nenos que entran falando galego. Semella que o galego se ensina como o inglés, e non como unha realidade do día a día.

  • O estudio sinala aínda máis grave a situación da escritura na nosa lingua. Un 82% das persoas de Galicia escribe habitualmente en castelán… Que se pode facer ante isto? Que papel temos os medios de comunicación en galego?

Pois a xente ten que ver máis galego escrito, non hai outra maneira. E está claro que gran parte da poboación non merca libros en galego se non lle obrigan a elo, polo que os colexios deberían ser os que axudasen a introducir os libros en galego nas casas.

E os medios en galego sodes un dos poucos baluartes que quedan para a defensa da escrita da língua. E sodes fundamentais para normalizar escribir e ler na nosa língua. A mágoa é que moitos medios que se vanaglorian da súa galeguidade só usen o galego o día das letras galegas e como mecanismo para conseguir cartos públicos.

 

Máis entrevistas da serie lingüística

Xurxo Souto: “Na Coruña somos un dos lugares con maior número de galegofalantes”

ÚLTIMAS

Olladas doutro tempo: Praza de Ourense

Unha fotografía de Sellier a pé de rúa é o máis parecido a unha...

Primeira edición do ‘Encontro de Música Aberta’ na sede dos Estudos Mans, unha cita na que conectar o sector musical galego con todos os...

A primeira edición do Encontro de Música Aberta, organizado pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza, terá...

Un simposio sobre Luísa Villalta na Coruña profunda na figura e obra da autora homenaxeada nas Letras 2024

A Real Academia Galega continúa este mes de novembro coa súa programación sobre Luísa Villalta, autora...

Un home enfróntase a 6 anos de prisión por abuso sexual a menor e delito continuado de ‘sexting’

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña xulgará o luns, día 4, a un home...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here