InicioOPINIÓNRazón e coñecemento sobre a emoción e a opinión

Razón e coñecemento sobre a emoción e a opinión

Publicada o

Por Rubén Pérez

De onde nace a opinión de cada un? A opinión, coma os gustos, non xorde pola natureza e a inspiración divina, orixínase polo proceso de socialización do individuo, é dicir, polos cinco axentes socializadores máis importantes: familia, escola, grupo de iguais, relixión e, sobre todo, medios de comunicación. Ou sexa, a nosa maneira de pensar, actuar e de ver un determinado feito social e xerar unha opinión ó respecto ven dada pola interiorización de dito proceso. Ademais, as teorías da reprodución social, como menciona Bourdieu, explican que estes axentes, sempre baixo unha ideoloxía hexemónica dun sistema social, político, cultural e económico concreto; nos homoxeneízan segundo a nosa clase social e nos impiden a emancipación social (tamén a escola).

Polo tanto, non se vai ter a mesma cosmovisión e opinión sobre, por exemplo, a migración ou o pago de impostos se nacemos nun barrio da cidade ou noutro. Mais isto non é un feito pechado e completamente determinista, a opinión vaise continuamente formando e incluso cambiando. En primeiro lugar, pola influencia e mestura dos axentes antes mencionados, en especial, os medios de comunicación (de masas), que cando o individuo alcanza certa idade tornan a ser a maior influencia na creación de opinión. Entendemos así que, malia nacer no barrio máis humilde da cidade, temos medo a que nos ocupen o fogar por ver a Ana Rosa ou pensamos que co esforzo todo se pode lograr ó ver ó 90% da xente da positividade tóxica e ultraliberais que saen nas redes grazas a que o algoritmo (de absoluta casualidade) lles outorga toda a visibilidade do mundo. En segundo lugar, polas distintas experiencias vitais dun, xa que temos vivencias que nos poden facer cambiar a opinión, o prexuízo e a perspectiva de algo (un exemplo disto é o filme American History X), inda que, nas ciencias sociais, non se pode obter unha conclusión xeral de algo só coa experiencia dun mesmo, porque entón Marta Ortega pensará que todo o mundo pode dirixir a maior empresa do mundo entre semana e montar a cabalo os domingos. E tampouco se pode dicir: “o de Errejón é un caso illado e os homes non son así, porque o meu marido nunca agrediu a ninguén”.

Por último, pola adquisición de coñecemento a través da educación formal ou informal. Isto, a diferencia dos dous puntos anteriores, si contribúe a formar unha opinión das cousas fundamentada e independente do orixe social. Cando unha institución coma pode ser a universidade (sempre pública) facilita as ferramentas ou o método para buscalas e crear coñecemento e iniciarse na ciencia. Mais non exclusivamente nesta institución, xa que hai moita xente que pasa pola universidade e pouco máis aprende que a maceta da entrada, e hai outros tantos sen o graduado escolar que poderían dar unha masterclass do funcionamento dun Estado. E ademais, dito sexa de paso, a universidade historicamente sempre tivo moito que ver coa clase social e mentres uns adquirían o coñecemento, outros eran privados del. Xa falaremos noutra ocasión de como se constrúe a ciencia da medicina occidental capitalista creada nas mellores universidades por homes brancos e ricos e a súa posterior distribución farmacéutica, como se nas sociedades orientais non se curase a dor ó longo da historia sen falla do ibuprofeno.

Por desgraza, vivimos tempos nos que a opinión infundada imponse a todo o demais. Convivimos cuns medios de comunicación que serven de altofalante do poder para conseguir manter a poboación parva e controlada por medio da mentira, da desinformación e da confrontación entre iguais. O coñecemento fronte a opinión infundada. Os ignorantes (sempre vítimas de selo, hai que acordarse sempre de mirar para arriba e non para os lados) fan máis ruido que calquera mostra de razón dos expertos, os cales son denigrados día si e día tamén. Pasou coa pandemia e os sanitarios, os científicos e os investigadores. Ocorre agora coa catástrofe de Valencia. Todo o mundo parece ter un mestrado en dirixir o país. A verdade é que un pode a estar doutorándose que ten que seguir escoitando iso de: “esa é a túa opinión” cada vez que se fala de algo relacionado co campo ou rama da que é experto, investigador ou profesor. Un estuda durante sabe Deus cantos anos, investiga, traballa, fórmase, nunha conversa pode despregar datos, fundamentos, evidencia empírica que, ó final, o ignorante, o burro testán sempre responde do mesmo xeito: “esa é a túa opinión”. O ámbito científico e académico cada vez está máis subestimado e desprezado como aquel que dixo no templo do saber iso de: “morran os intelectuais!”. Falando a título persoal, é un sentimento moi feo sentirse tan denigrado e pouco valorado, que reduzan a unha simple opinión todo o que eres, fas e sabes. Non quero pensar o que pode sentir unha persoa (ou conxunto delas) que sabe que nun punto xeográfico e momento determinado vai ocorrer un desastre climático e lle din: “esa será a túa opinión, todo o mundo a traballar que hai que producir”. Gustaríame ver a esas persoas, negacionistas, necios, admiradores do pensamento máxico, cando van ó médico e lle din:

  • –  “Mire, ten vostede cancro e hai que tratalo”.
  • –  “Nada ho! Esa é a súa opinión. Hai un en YouTube que di que se lle pagas 3.000€ por un dos seus cursos ensínache a curarte o cancro e facerte rico. Dous en un”.

Ou:

  • – “Debe vostede manter unha dieta específica.”
  • – “Eu penso que non, porque como son leo ascendente de tauro o páncreas regúlaseme o domingo pola noite cando suba a marea, que hai lúa chea”.

Inda así, o médico goza dunha autoridade que un sociólogo envidia. Xa que el, a pesar do visto durante a pandemia, cando di que unha persoa ten a perna rota pouco hai que refutar e respétase o que el di. Cando un sociólogo expón os motivos polos que ocorre un feito social, xa se sabe o que lle responden. É sabido que a ciencia social é algo máis abstracta, e todo o que vivimos no noso día a día é ciencia social, polo tanto cremos que temos a potestade para opinar de todo da vida social como se tivésemos a verdade absoluta abafallando a calquera profesional. Incluso sendo sociólogo, o meu campo dentro da socioloxía está acotado, é precisamente este: a socioloxía da comunicación e a opinión pública. Se me piden falar doutras ramas da socioloxía como as migracións ou o xénero, só me que queda escoitar a quen sabe máis ca min. Polo tanto, a opinión debería ser se nos parece ben ou mal algo, se nos gusta máis ou menos, se estamos dacordo ou en desacordo con algo ou se o fariamos do mesmo xeito ou doutro distinto. Mais opinar sen fundamento ningún de como deberían ser as cousas sen saber como son as cousas só é unha falacia. E todo o mundo ten dereito a dicir o que lle dea a gana sempre e cando sexa con respecto, mais por esa regra de tres tamén o que está ó lado nos pode rebater con argumentación o primeiramente dito.

Con todo, un fémur roto pódese ver e tocar incluso sen estudar catro anos de medicina, mais para saber ver e apreciar ata case tocar (no senso metafórico) índices e taxas de desigualdades sociais ou unha teoría sociolóxica da escola crítica de Frankfurt, si fan falla uns anos de estudo e formación. Algo que o Capitán Manolo, experto das copas furadas do bar da esquina, quizais non teña. Quere saber sempre máis que o resto sen argumentación ningunha máis que unha ladaíña de tópicos. Mais hai que mostrar certa comprensión con esta xente. Primeiro, por conciencia de clase, xa que moito se está a criticar nas redes ós capitáns Manolo e ós cuñados lonxe do humor, mais quizais tampouco son culpables das barbaridades que soltan pola boca. Moita xente, sexa cuñada ou non, traballa oito, dez ou doce horas ó día dende os dezaseis ou dezaoito anos para ter que comer e sacar a familia adiante, incluso para que os seus fillos vaian a universidade e poidan formarse. Coidan tamén a familiares dependentes e quizais non teñan tempo nin ganas de poñerse a ler a Marx no seu tempo de lecer. E segundo, porque son o obxectivo principal das estratexias mediáticas do poder, é doado que caian no seu discurso porque o poder nútrese deles, e contra iso é difícil loitar. Mais tamén cabe a crítica, porque esta xente está dirixindo e presidindo as grandes empresas dos países, incluso nos gobernos, xente sen coñecemento e conciencia. Son os que nos levaron ó desastre climático por facer as cousas sen cabeza ningunha. Esta xente que abandeira o rechazo ó saber e ós títulados, os que pregonan iso de “universidade de la calle”, cando precisan axuda sempre acuden a alguén con formación, xa sexa para levar o fillo ó pediatra, á academia de inglés ou á pasantía cando o cativo vai mal no colexio. Iso si, os profesores son todos uns lacazáns que están aí polo soldo e as tardes libres. Entón comprensión e crítica.

Volvendo á opinión, sen ir acompañada dunha boa fundamentación é subxectiva e banal. A opinión é emoción. Está moi ben para falar de certas cousas como unha canción preferida, mais para falar de algo tan relevante como a desigualdade social ou unha catástrofe coma a de Valencia, pois hai que deixar espazo para que fale a razón. Se a política se basea na emoción como se dun partido de fútbol se tratase, ocorre o que pasa en Arxentina, que ven un descerebrado con motoserra a gritar “liberdade muchachos!” e o pobo guiado pola emoción faino Presidente do Goberno. Neste senso, sobre a situación de Valencia, hai moitas cousas que se están a dicir, promulgar e extender polas redes sociais que son incertas, en moitos casos de xeito premeditado, e en outros por mera inercia mediática. Un famoso como Antonio Banderas escribe un pequeno texto emotivo sen fundamento ningún descoñecendo como funciona a política e a lei dun Estado e a xente compárteo porque lle toca na fibra. E deste xeito, créase unha loiada, un caldo de cultivo de confrontación. Típico da extrema dereita que ó longo da historia sempre saca a cabeza nestas ocasións para obter rédito político, orixinar crispación e división a través da demagoxia, manter a poboación desinformada (ou sexa, manipulada), conseguir (ou conservar) o poder e que o status quo permaneza tal e como o coñecemos: opresores e oprimidos. Xa os nazis dicían que os xudeos comían nenos, o pelucas en Estados Unidos di que os inmigrantes comen cans e gatos e aquí temos a Vox co hit “nos comen los chinos” e Se Acabó La Fiesta, entre outras marabillas, que é mellor comer a un cadelo que escoitar calquera cousa que digan.

Así é que, para falar das responsabilidades políticas hai que coñecer o procedemento, as competencias das autonomías (porque vivimos nun Estado formado por comunidades autónomas que teñen precisamente iso, autonomía descentralizada) e o método lexislativo para actuar nun caso coma este (ademais da estratexia metódica e procedemental máis eficiente a levar a cabo polos especialistas). Pódese debater se a lei está ben ou mal ou otro tipo de cousas concernentes á burocracia e manexo dun territorio e, dende logo, non serei eu quen apoie este tipo de armazóns que ten un Estado. Mais non se pode falar por falar e dicir que a culpa é do Perro Sanxe coma sempre. Este home parece que ten a culpa de todo sempre e, en moitas ocasións, é certo que a ten, mais en moitas outras a maquinaria mediática da extrema dereita opera para que así o pareza. Non vou ser eu tampouco quen defenda ó PSOE, que teñen de esquerda o que Rubén Gisbert de decente e moral. Este debiu de sentir tamén a dicotomía entre a persoa e o personaxe e sucumbiu de xeonllos a orar polas vítimas.

A verdade é que a socialdemocracia non é o que moitos esperaban, penso eu. Vaia paisaxe nos está quedando. Día a día. Ano a ano. Esta roda segue xirando sempre no mesmo sentido. Penso que non existiu unha poboación ó longo da historia, que fose máis ou menos crítica, que dixese: “vaia tempos máis bos nos tocou vivir, isto é a gloria!”. Mais a vida social nesta posmodernidade etérea é cada vez máis un despropósito maiúsculo. A democratización da información e do saber ten as súas vantaxes (moitas) e os seus inconvintes (menos mais máis notorios). Que calquera pailán que só di falacias poida publicar o que queira nas redes e o algoritmo o encha de protagonismo en detrimento de calquera divulgador científico, é un deles. Non hai máis que abrir Instagram, X, Twitch e Youtube ou ir a Andorra. Iker Jiménez, Javier Negre, Vito Quiles, este outro que di que é facha mais con tenrura e, en fin, toda a nave do misterio e a fachosfera de streamers, youtubers, instagramers que crean opinión infundada tras opinión infundada construíndo un relato e discurso de odio, axudan a debilitar a liberdade da xente. Pois adoitamos crernos libres, mais se entendemos que o noso pensamento, o noso estilo de vida, as nosas opinións e a maneira na que actuamos veñen dados polo sistema social que os xera, entón pouca liberdade podemos ter e sentir, por moi hippies que nos creamos por viaxar ó sueste asiático e andar descalzos.

A desinformación presume ser un dos grandes elementos que encarceren inda máis ó individuo no presente e no futuro, e como investigador deste campo representa o gran problema e reto que temos por diante. Cada día unha noticia nova ca que levar as mans a cabeza, cada día un desastre novo, unha barbarie nova e, sobre todo, unha cantidade enorme de desinformación que enturba calquera acougo que queira ter un. Errejón agrede, dá igual porque ós cinco minutos xa ninguén se acorda porque hai outro peor ca el. O pobo salva ó pobo din, pois a empatía debe ser miope, sentimos só de cerca. Seguinte. Unha muller francesa é violada durante anos e ó día seguinte en Portugal sae un chat de Telegram. E seguimos ó día seguinte a ver que nos depara. E así cada día pasa obrigándonos a esquecer todo o barullo ilóxico do día anterior. Menos mal que chega Felipe VI e a xente tolea. Apartade ese barro de aí, freade todas as axudas que poidan chegar pola estrada, amontoade eses cadáveres na beirarrúa que chega o monarca cunha frota de policías que resolverían calquera conflito en Oriente Medio mais eh! Están aí para unha labor de maior envergadura: despexarlle o camiño ó erudito para que non manche os zapatos de levar ás catástrofes e poida despregar esa oratoria que se ve que se traslada de xeración en xeración nos Borbóns. Admirádeo porque a xente de suministros non vive, mais de admiración monárquica teñen o corazón cheo para todo o ano. Falando de admiración, Amancio dona cen millóns que lle sobraban de defraudar mil. Outros non o fan. Tamén é verdade que o 99% da poboación pagamos os nosos impostos e non esclavizamos a un continente mais eel dona, quizais porque é unha persoa cunha conciencia social forte e síntese culpable porque polo que contamina a súa produción suceden catástrofes climáticas coma esta. Debe ser iso. Mais penso que xa me estou a pasar coa opinión infundada.

Rematando xa, quizais isto da opinión sexa máis de escoitar que de falar. Trátase de ter responsabilidade nas redes e o seu uso, xa que non é o mesmo opinar nunha conversación privada que opinar de algo que descoñecemos nunha rede social, ou participar nas cadeas de retweet e de compartir en Instagram opinións de xente que nin coñecemos que di cousas que non están probadas. Trátase de ter moita humildade cun mesmo e conciencia co resto, xestionar e recoñecer que se poida estar equivocado e estar aberto a que outra persoa, a través da ciencia, de datos ou información empírica, nos faga formularnos a nosas ideas. Para a partir de aí querer aprender, cambiar e mellorar. Trátase de apreciar que un amigo ou amiga que tes ó lado quizais saiba máis ca ti dun tema e poidas aprender del en lugar de negarlle todo o que di. Neste espazo que se me presta só se intenta facer reflexionar con ideas abertas, ironicamente nunha columna de opinión nun medio de comunicación, chegar a inspirar algún tipo de cambio e poder dar outra perspectiva. Non se pretende, dende logo, dar a verdade absoluta de nada porque iso, ademais de que non existe, tampouco debería ocorrer, xa que unha das regras fundamentais da ciencia é que o que é certo hoxe, mañá quizais non, xa que a vida é cambio e conflito. Do conflito nace o progreso. E a ciencia debe estar a carón do progreso, do cambio e a renovación constante. Moitos dos que nos dedicamos ó mundo académico ou á investigación non o facemos nin por recoñecemento social nin, dende logo, por diñeiro. Se fose por ese motivo en calquera outro ámbito teríamos un presente e un futuro menos precario e incerto. Facémolo por paixón e porque cremos que podemos aportar luz a un mundo, ás veces, tan escuro.

 

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e opositor para profesor de Xeografía e Historia. “Vamos enchernos e falar de cousas”, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

ÚLTIMAS

LesCoruña cuantifica a soidade que sofren as mulleres lesbianas galegas

Presentaba este pasado sábado a Asoc. LesCoruña, o primeiro informe, realizado en colaboración coa...

O BNG reprocha á alcaldesa da Coruña ter “descoidado o día a día” da actividade municipal

No marco do cruce de declaracións arredor da negociación dos orzamentos de 2025, tócalle...

O PP da Coruña ofrece diálogo ao PSOE para negociar o orzamento de 2025 pero convida á alcaldesa a “irse”

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, trasladou...

A UDC participa nun proxecto nacional sobre a educación plurilingüe

A Universidade da Coruña (UDC) participa nun proxecto nacional sobre o futuro da educacion...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here