Presentaban hoxe, en rolda de prensa, as deputadas do BNG Mercedes Queixas e Iria Taibo, a serie de enmendas que o BNG vén de presentar aos orzamentos da Xunta para 2025. O BNG pide 80 millóns de euros máis para A Coruña e a súa comarca.
O grupo critican o descenso no gasto e investimento do Goberno galego na cidade e comarca “ao pasar dos 107 millóns de euros de 2024 aos 101 para o vindeiro exercicio”. “Con estes orzamentos a Xunta vólvelle virar as costas á Coruña e a desatender o seu enorme potencial económico, cultural e social”, afirmou Mercedes Queixas.
Se se aprobaren as emendas do BNG, o orzamento da Xunta para A Coruña e comarca veríase incrementado en 80 millóns, 30 para a cidade e 50 para os concellos lindeiros.
Para a Cidade da Coruña
Así, o BNG propón unha partida de 3 millóns de euros para a creación dun centro de día para maiores que dea resposta ao déficit de oferta pública que soportamos na nosa urbe, “despois de o PP ser incapaz de crear unha soa praza en residencias públicas nos seus 15 ininterrompidos anos de goberno á fronte da Xunta”.
Canto aos problemas voa vivenda, o BNG emenda as contas da Xunta coa intención de dar impulso á creación dun parque público de vivenda, ao tempo que procura atender as necesidades do estudando pondo en marcha residencias públicas para universitarios.
A dotación de vacantes e reforzo de profesionais xinecólogos nos Centros de Orientación Familiar de Orillamar e Ventorrillo (200 mil euros para cada un deles), o reforzo dos recursos humanos e materiais no Centro de Sáude do Novo Mesoiro (200 mil euros), a mellora dos complexos deportivos de titularidade da Xunta (un millón de euros) e a atención das necesidades dos centros educativos da cidade (por exemplo, CEIP Rosalía de Castro e CEIP de Prácticas) cunha partida de 150 mil euros, dan corpo a outro conxunto de emendas formuladas polo BNG ás contas da Xunta.
En canto á cultura, o BNG propón que a Xunta, como membro do Padroado, contribúa con 500 mil euros para pór en valor o legado da Fundación Luís Seoane, de modo a tornala nun centro de referencia da arte contemporánea galega e ao mesmo tempo nunha marca da cidade.
E sobre a débeda da Xunta coa Orquestra Sinfónica de Galiza, cifrada en 5,8 millóns de euros, o plan do BNG é que se vaia saldando de forma plurianual, a razón dun millón de euros durante os próximos 5 exercicios.
Peticións para a comarca
Canto á comarca, piden máis achegas para a finalización da Vía Ártabra de modo a continuar até a súa unión coa A6, “constituíndo unha auténtica circunvalación da comarca coruñesa, libre de peaxes e con altas prestacións”, salientou Taibo.
O rescate da AG55, para a súa gratuidade no treito Arteixo-A Coruña, merecería, en opinión do BNG, un emenda específica ao estarmos perante unha arteria vital “do punto de vista económico e social” e de vertebración da comarca.
Piden ademais a descuberta do Río Maior de Sada (100 mil euros) e a realización dun plan de xestión do monumento natural da Costa de Dexo (300 mil euros). Así como destinar un millón de euros á residencia de maiores de Oleiros, con vistas a reparar deficiencias nas infraestruturas e a aumentar o cadro de persoal.
De resto, o BNG emenda tamén as contas da Xunta para dotar con 5 millóns de euros un plan de reindustrialización da cidade e a comarca.