InicioMOV. SOCIAISA Liga dictará se sairá o arco da vella por Riazor

A Liga dictará se sairá o arco da vella por Riazor

Publicada o

Por Miguel Gómez Longo
  • O Dépor masculino agarda o beneplácto de Javier Tebas para reivindicar a diversidade sexual e de xénero no deporte

— — —

Dende o ano 2010, cada 19 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte, unha data que busca concienciar á sociedade sobre a importancia do respecto en todas as disciplinas deportivas.

Co gallo de dita conmemoración, a Agrupación Deportiva Ibérica LGTBI+, que reúne entre España e Portugal a máis de 6.000 deportistas, lanzou en 2023 o Informe Observatorio, no que denunciaban que o 66% das persoas entrevistadas sufriran LGTBIfobia.

A pesar de que transcorreron dous anos é moi probable que esa cifra non mudase, polo que a Liga F, durante a fin de semana do 15 e o 16 de febreiro, puxo en marcha a campaña Amor Por Los Colores, sacando adiante importantes iniciativas como repartir cordóns coa bandeira do arco da vella para que todas as xogadoras, árbitras, xornalistas e afeccionados puideran sumarse á acción.

A iniciativa tivo unha gran acollida no Estadio Municipal de Riazor, onde o Dépor Abanca recibiu ao Atlético de Madrid ante a atenta mirada de 1.570 persoas.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Dépor ABANCA (@rcdeportivofem)

 

Un xesto celebrado pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS). “Iniciativas como as da Liga F son moi positivas para visibilizar e normalizar algo que existe dentro de todas as categorías de todos os equipos. Hai que seguir facendo fincapé para sensibilizar a xogadores, xogadoras e as diferentes áreas que compoñen un club profesional”, explica a súa presidenta, Ana G. Fernández.

A dúbida encóntrase en saber se o Dépor poderá replicar unha iniciativa semellante  en Riazor o vindeiro domingo, 23 de febreiro, día no que se enfrontará ao Huesca. “É un tema complexo, sobre todo ao estar en xogo contratos e patrocinios televisivos”, apunta Rafa Carpacho, recoñecido traballador do departamento de comunicación.

O motivo radica en que cando se chega ao fútbol profesional “é a Liga a que decide as causas que se van apoiar”, apunta Carpacho. Aínda así, dende o RC Deportivo esperan que a entidade dirixida por Javier Tebas dea luz verde á celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte. “A nós, dende logo, gustaríanos participar. Xa o fixemos en Primeira Federación vestindo calcetíns ou cordóns co arco da vella”, finaliza Rafa Carpacho.

Non obstante, a grandes nomes da loita contra a LGTBIfobia da cidade, como Fito Ferreiro, un dos fundadores de ALAS e codirector do festival Norte Cinema Diverso, preocúpalle a posición que poida tomar Zakaria Eddahchouri, reforzo invernal do Dépor que se negou a vestir a camiseta do arco da vella no seu ex equipo, o Telstar Velsen de Países Baixos. “En pleno século XXI dóeme que o meu equipo incorpore a un personaxe LGTBIQfobico ao seu plantel. E máis en febreiro, que é o mes de loita contra a LGTBIQfobia no deporte”, publicaba na rede social Facebook.

En outubro de 2023, o Telstar xogou toda a campaña cunha camisola en apoio ao colectivo LGTBIQ+ defendendo que “o fútbol é para todos, independentemente da súa orixe cultural, cor de pel, raza, preferencia sexual ou relixión”.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Telstar (@telstar1963nv)

Para sorpresa do Telstar, a algúns dos seus xogadores a idea non lles convenceu. Entre eles, atopábase o actual xogador branquiazul, Eddahchouri. “Esta temporada, catro dos nosos Leóns prefiren non usar este uniforme. A inclusión tamén é respectar esta elección”, declarou contrariado o conxunto neerlandés nun comunicado.

A Liga, ao ser preguntada sobre a problemática da LGTBIfobia no deporte, aclarou que seguirá dando pasos cara adiante na súa misión de “erradicar o odio nos estadios” coa coñecida iniciativa LaLiga VS Odio, que busca que os clubs promovan “a tolerancia e o respecto”.

Justin Fashanu, o pioneiro

En Europa, Justin Fashanu foi o primeiro futbolista recoñecido pola súa habilidade no céspede que se declarou publicamente homosexual. O calendario marcaba o ano 1990.

Campañas atrás, en 1981, Fashanu fora o protagonista dos principais xornais deportivos ao converterse no primeiro xogador negro da Premier League en ser transferido por un millón de libras.

Na tempada anterior, Justin amosara todo o seu potencial nas illas. Transformárase nun dos piares da selección inglesa sub 21 e asinara un fermoso tanto ante o Liverpool defendendo o escudo do modesto Norwich City. As súas actuacións non pasaron desapercibidas para o Nottingham Forest de Brian Clough, considerado un dos mellores adestradores da historia do Reino Unido, quen pediu á directiva que se fixera cos seus servizos.

O paso de Fashanu polo Forest foi efímero. Clough reprochou publicamente a súa nova incorporación a costume de frecuentar locais de ambiente e apartouno do equipo. Tras unha improdutiva cesión ao Southampton, marcada polos rumores da súa homosexualidade, o dianteiro foi vendido por 150.000 libras ao Notts County.

Farto da situación, en 1990 Justin Fashanu concedeu unha entrevista a The Sun na que recoñeceu a súa homosexualidade. A verdade só lle serviu para non asentarse en ningún club, chegando a vestir dez camisetas diferentes.

Pero o verdadeiro inferno agardábao en Estados Unidos. Mentres loitaba por apurar a súa carreira deportiva en equipos menores, en 1998 un menor de idade denunciouno por abuso sexual. Tras declarar ante a Policía, foi posto en libertade. Antes da celebración do xuizo Fashanu voltou a súa terra natal, Inglaterra.

O 2 de maio de 1998, o corpo sen vida de Justin Fashanu foi atopado nun garaxe de Shoreditch, Londres. O que fora unha das grandes promesas do fútbol inglés decidira aforcarse. “Xa fun considerado como culpable”. Meses despois, a Policía estadounidense desestimou a denuncia contra Justin Fashanu por falta de probas.

Para tentar limpar o seu nome, dende o 19 de febreiro de 2010 celébrase o Día Internacional contra la LGTBIfobia no Deporte, data na que nacera o futbolista.

  • Miguel Gómez Longo (@gomezlongo4) Graduado en Xornalismo; Mestrado en Protocolo e Organización de Eventos; Mestrado en Comunicación Deportiva.

Outros artigos de Miguel Gómez Longo

O colectivo LGTBIQ+ reclama o apoio das marcas máis alá do mes de xuño

O deporte, unha fonte de LGTBIfobia

 

Outras novas

NCD, o primeiro festival de cine LGTBIQ+ de Galicia, abre fronteiras e pon o colectivo trans no foco

ÚLTIMAS

A xerencia da área sanitaria implantará nos próximos días o “botón do pánico” fronte a agresións

A xerencia da área sanitaria da Coruña e Cee afirma que as medidas propostas fronte ás...

O contrato do lixo segue orfo

Apenas uns meses despois da “crise do lixo” provocada pola folga mantida polos traballadores...

As personaxes trans acaparan os repartos da segunda xornada do Norte Cinema Diverso

Arrincou onte no Colón o Festival Norte Cinema Diverso, organizado pola asociación Palestra, a cinemateca...

Os traballadores de Jardincelas amosan a súa preocupación ante o posible ERE

Malia non estar xa rúa en continua protesta como estiveron a comezos do ano...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here