Fermosa demostración a que vén de facer o CEIP Torre de Hércules de que os centros de ensino tamén poden recuperar os entroidos máis tradicionais do país. Nunha cidade onde a choqueirada é protagonista, o colexio de Monte Alto vén de dedicar a festa tradicional do venres de Entroido que celebran todos os centros, ao Entroido de Samede, un lugar situado na parroquia de San Xulián de Vigo, no concello coruñés de Paderne, na bisbarra de Betanzos.
Enmarcado no proxecto escolar anual “Tróupele Tróupele”, cooridnado dende a Biblioteca e dedicado ás Festas Tradicionais Galegas (teñen falado xa da Festa das mortallas do Samaín, da Romaría Santo Andrés de Teixido, da Foliada da Fonsagrada, da Festa do Botelo, e aínda lles quedan degustar a Festa do Queixo de Arzúa e o Millo Corvo de Bueu), a festa do entroido serviu para que a rapazada do céntrico barrio coñecese de primeira man un dos entroidos máis auténticos do país.
Semellante aos Madamitos e Ghuadineros de Cerqueda, aproveitados como imaxe de marca dun coñecido aceite galego, o Entroido de Samede celebrouse dende finais do século XIX ata 1961, por mor da presión franquista. Pero dende 2015, un grupo de veciñas, recuperaron, a partir dun traballo escolar do fillo dunha veciña do lugar, a historia das Máscaras, as Bonitas e os Bonitos, os Carolos ou os Vexigueiros (ou o Policarpo, o meco do Enterro), algúns dos persoeiros que formaban parte daquel mítico entroido que só lembraban as máis maiores do lugar.
Ademais, coa axuda precisamente da A.C. Son D’aquí, do mesmo barrio, recuperaron a Muiñeira Cruzada, que ten un punto moi singular.

Durante estas semanas, en colaboración coa ANPA Monte Vixía, e da man da Asociación CRD Entroido de Samede, o alumnado realizou sendos Obradoiros de Sombreiros e da Muiñeira Cruzada, para ter todo preparado para converter o patio do cole herculino nunha fermosa foliada entroideira. As agradecidas familias (o centro conta ademais cunha trintena de nacionalidades) ateigaron o centro para gozar dunha singular forma de gozar o entroido e botar un ollada ás nosas raíces.
A PACA amenizando
Por se faltara pouco aliciente, a xornada estivo tamén amenizada pola ”Paca”, o persoeiro homenaxeado no Entroido deste ano polo Concello, e a súa Comparsa Montealto a 100, que obtiveron o segundo no Concurso de Comparsas e non faltarán no Martes de Entroido do Campo da Leña, xunto á comparsa gañadora, Os Malandros.
Xuntos ademais saíron de pasarrúas polo barrio, visitando a Residencia da Ronda de Monte Alto e facendo as delicias dos maiores.
Máis info
Máis novas
Os Malandros levaron o premio do Concurso de Comparsas do Antroido coruñento
Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre