InicioOPINIÓNDicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre

Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre

Publicada o

Por Xurxo Souto

——– —– —-

Entroido antigo Coruna

“Era un artista total, pintaba, improvisaba versos, tocaba a guitarra. Tiña moito carácter e era tamén moi coqueto -limpo dicía el- sempre andaba impecable e perfumado”. 

Así lembra a súa neta Elena o gran mestre do carnaval da Coruña: Manuel García Canzobre. Co seu Mariachi prendeu fondo no corazón da cidade. Estou a falar do “Coche funerario”, do “Tranvía de Riazor” ou do “Calexón de Tabares”, clásicos que poden xurdir –sexa antroido ou non- en calquera templo tasqueiro: 

Por que sigue circulando
ese tranvía de Riazor?
Depósito microbiano
que cheira a queixo de Roquefort.
(con música de: vain’aprendendo)

Naceu en 1886 en Riazor, non no campo, na propia  aldea de Riazor, unhas casas de mariñeiros situadas nos terreos que agora ocupa o Playa Club. Cando había moito mar, as ondas entraban até a cociña. Tiña tanta confianza co océano que de moi novo embarcou cara Cuba de polisón. Despois Londres, Maracaibo, Nova York… destas viaxes volveu cuns dedos virtuosos na guitarra e co ánimo espelido para armar ferretes.

Finou no ano 77. Na súa derradeira entrevista radiofónica, feita por Antón Luaces, afirmaba que saíra coa primeira comparsa no ano 1926. A Guerra non foi tempo para moitas antroidadas. E menos na rúa da Torre, predio obreiro da CNT. Canzobre e familia tiveron que pasar uns anos agachados, pola banda de Friol, na aldea de Roimil. Mais reapareceu no ano 53 disposto a recuperar os antroidos perdidos. A partir de entón o seu  chapeu  converteuse no mellor calendario de días feriados. Usaba dúas boinas -unha de diario, outra de paseo para os domingos- e, se gastaba chistera…. é que había Carnaval.

Por suposto foi tamén o autor da elegante indumentaria do seu Mariachi: bombín e traxe negro de plexigláx. A canda el -perdón se me esquece algún-, Gelito, Wences, Anguila, Cadavieco, José Leiras, Manuel Bujía e José Iglesias, armados coas súas guitarras, laúdes e o instrumento rítmico que o propio mestre bautizou como rascayú.  

O repertorio de Canzobre nunca se acaba. Hai uns antroidos Enrique de La Naval ensinoume estoutra repichoca: A crónica do barco coreano que equivocou o rumbo. En lugar de dirixirse cara ao porto, houbo entrar polo medio do Orzán. Afortunadamente na garita da rúa do mesmo nome estaba o vixía para o avisar:

Pero o vixía ao velo entrar,
díxolle en coreano;
telefunken pola china
que che poden atracar.

Moi afortunados foron Aquiles e Ulises por ter un Homero que catase a súas fazañas. Afortunada tamén A Coruña, pois tivo a Canzobre para pórlle música ao seu Antroido.    

Este Martes volveremos cantar eses clásicos diante da súa estatua na rúa do Parque. Pero queremos máis:

Como o loro Rabachol é o símbolo antroideiro de Pontevedra, e en Gasteiz proclamaron rei das festas ad eternum o seu Celedón, estou certo que algún día se erguerá no Campo da Leña unha grande efixie de Canzobre, para que poda agromar do interior da súa chistera a revolución do Carnaval! 

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

ÚLTIMAS

A Coruña anulará os acordos de 1962 que facilitaron o paso da Casa Cornide á familia Franco

O Concello da Coruña levará ao pleno da próxima semana a anulación de dous...

Inés Rey tras as protestas por Ceuta: “A solidariedade non é envolverse nunha bandeira”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, criticou este xoves a presenza do presidente da...

Prisión para un home acusado de tentar matar outro tras apuñalalo en Cambre

Un home ingresou en prisión como presunto autor dun delito de homicidio en grao...

A mesta néboa obriga a desviar dous voos da Coruña a Vigo

Dúas aeronaves tiveron que ser desviadas do aeroporto da Coruña ao de Vigo debido,...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here