InicioCULTURA"O Dépor é da Coruña", o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Novo reto que se marca a iniciativa cultural “Aquí tamén se fala” do IES Rafael Dieste. E o que non consigan eles non o vai conseguir ninguén. Este ten 120 anos de historia, e vai custar, pero a mocidade de Labañou ten clara que a súa vontade pode con todo.

Así, a maior campaña de dinamización da lingua galega exercida activamente pola mocidade da historia do país, proponse, como nova acción de promoción da lingua galega, conseguir que o Real Clube Deportivo empregue o topónimo oficial a partir da seguinte temporada, 2025-2026, na que o club celebra o seu 120 aniversario:

“Real Club Deportivo da Coruña”.

Realmente non é tan difícil, e de feito, xa hai moitas xeracións que así o usan, malia que ninguén se atrevera, ata hoxe, a abrir este melón. En todo caso, o feito de que sexa un grupo de rapaces e rapazas do Instituto fan desa campaña un arma normalizadora imparable.

Apoios

A campaña –liderada e promovida polos profesores Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reigía– nace ademais cunha chea de apoios que inclúen o presidente da Real Academia Galega, a presidenta do Consello da Cultura Galega, o reitor da Universidade da Coruña, o conselleiro de educación e os responsábeis de lingua da Xunta de Galicia, da Deputación e do Concello da Coruña, o presidente da Federación de Peñas, excapitáns do club, representantes do tecido cultural ou expertos en toponimia. Pouco a pouco o irán debullando na súas redes sociais.

Ademais, e representando o sentir de varios milleiros de estudantes, todos os institutos públicos da Coruña, representados nos seus directores e directoras, nos xefes e xefas dos departamentos de lingua e nos e nas responsábeis dos Equipos de dinamización da lingua galega, sumaron o seu apoio á campaña galeguizadora.

O manifesto “O Dépor é da Coruña”

Todos e todas elas asinaron un breve manifesto

Riazor é máis que unha praia de auga branquiazul. Nos días de xogo, milleiros de persoas fan medrar arredor desta casa o corazón da cidade. A Coruña orgúllase do seu club.
Desde 1906 o Dépor viu medrar a Real Academia, as Irmandades da Fala, a Cova Céltica, o pulo editorial de Lar e Nós, a reivindicación do Estatuto ou a Lei de Normalización.

Superando a longa noite de pedra, outras institucións e clubs deportivos restituíron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade, pois é imposíbel pensar A Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña.

Este club nunca tivo medo de avanzar e diso dan proba os grandes éxitos colleitados, os xogadores que estamparon o seu nome nesa camisola, a creación pioneira dun equipo feminino ou a participación nunha liga comprometida coa diversidade e a inclusión. Na mesma liña, o apoio do Deportivo á lingua galega é manifesto na comunicación que realiza nos correos, nas redes sociais ou desde o propio estadio.

Por todo iso, polas xeracións futuras, pola unión entre club e seareiros e por dar cabo dunha demanda que vén de longo percorrido, coidamos que o Deportivo debe ser da Coruña e que o cento e vinte aniversario do club pode ser, ademais, unha oportunidade histórica para demostrar compromiso e responsabilidade. Coraxe e determinación. Orgullo e identidade.

O Dépor é da Coruña.

Pegatinas O Depor e da Corun

Os responsábeis do proxecto estrean tamén hoxe unha nova páxina web (aquitamensefala.gal) con información e recursos, e anuncian xa novas accións que ampliarán o percorrido da iniciativa. A primeira delas terá lugar este mesmo domingo, durante a previa do xogo do RC Deportivo contra o Cádiz, onde estarán repartindo e regalando 15.000 colantes co slogan da campaña, “O Dépor é da Coruña”, nas inmediacións do estadio.

Desde a plataforma estudantil anima a quen queira apoiar esta nova iniciativa a etiquetar as contas de Aquí tamén se fala nas redes sociais (@aquitamensefala), así como a empregar o cancelo #odéporédacoruña.

Máis novas do proxecto

Por que o #Aquítaménsefala trascende o IES Rafael Dieste

O Festival #Aquítaménsefala xa ten data

O “Aquí tamén se fala” leva o meirande premio á Innovación Educativa de Galicia

ÚLTIMAS

As obras na avenida Alfonso Molina, na Coruña, provocarán cortes de tráfico as dúas próximas semanas

As obras de remodelación da avenida Alfonso Molina, na cidade da Coruña, provocarán cortes...

Correa Corredoira: “Fago un chamamento á refundación da Luís Seoane”

Con afán “positivo” e “propositivo”, e coa libertade de ser unha “persoa maior e...

O Prácticas segue en loita

Xa decembro do ano pasado denunciaban o deplorable estado das instalacións do centro. Ante...

O TSXG rexeita a suspensión cautelar da taxa turística da Coruña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a suspensión cautelar da taxa...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here