A Coruña volveu vibrar este domingo coa visita dun dos artistas máis queridos do pop latino: Chayanne. O Coliseum, completamente cheo –como en moi poucas ocasións se ten visto–, foi testemuño do magnetismo intacto dun cantante que, aos seus máis de 50 anos, segue conquistando escenarios cunha enerxía desbordante e unha conexión co público absolutamente inquebrantable.
O concerto forma parte do seu ‘Bailemos Otra Vez Tour‘, nome que o propio Chayanne explicou sobre o escenario. E é que o portorriqueño leva coa súa visita a Coruña na mente dende fai moito tempo, pero o parón global truncou os seus plans. Por iso, agora que por fin puido cumprir esa promesa, decidiu manter o mesmo nome da súa xira anterior como símbolo de reecontro co seu querido público: “Quería volver bailar con todos vostedes”, dixo. E, precisamente, comezou a noite coa canción ‘Bailemos otra vez‘. O Coliseum veuse abaixo dende o primeiro intre.
O que seguiu foi unha auténtica festa interxeracional. Un dos primeiros éxitos que interpretou foi ‘Salomé‘, seguido de ‘Boom boom‘, e con eles desatou a tolería colectiva. Nais, fillas, avoas, parellas, grupos de amigas… Todas e todos coreaban e bailaban sen importar a idade. Houbo mesmo quen deixou o seu asento nas gradas para buscar un recuncho no que poder dar renda solta ao seu baile. Porque, esta noite, toda a cidade da Coruña bailou, e literalmente.
A escenografía foi outro dos puntos álxidos do espectáculo, sen lugar a dúbidas. Un escenario de gran complexidade, con xogos de niveis, escaleiras, unha banda completísima e bailarinas do máis hábiles que, xunto aos coros, potenciaban a impecable voz de Chayanne. Visualmente foi unha das montaxes máis ambiciosas que se recordan no Coliseum, e a nivel sonoro, o resultado foi rotundo.
O cantante, pola súa banda, estivo volcado co público. Achegouse unha e outra vez a quen estaban no ‘front stage‘, apretou mans, recolleu agasallos, compartiu sorrisos… En cada pausa entre cancións, tivo para o público palabras de gratitude: “Dende que pisei terras galegas sentinme moi arroupado”, confesou. Tamén tivo tempo para bromera coa súa idade: “Empecei aos 15 anos e diso pasaron xa 20… bueno, pasaron 30…”, dixo entre chances e gritos do público. “Non hai idade!”, concluía Chayanne.
Non faltaron tampouco as súas frases máis icónicas. A apostila máis celebrada foi o seu famoso ‘y esooo!’, que usou en varias ocasións a xeito de chiscadela cos seus fans. Tamén lanzou unha mensaxe emotiva cando interpretou ‘Si nos quedara poco tiempo‘, lembrando a importancia de coidar aos nosos, de frear o ritmo do día a día e valorar a quen están sempre aí: “Ás veces non nos damos conta do valor das nosas nais, dos nosos avós, dos nosos pais… E o tempo é o que é”.
Houbo algo máis que chamou a atención: o público admiraba o espectáculo en vivo e en directo, non a través da pantalla do móbil. Era un concerto vivido cos ollos, co corpo e coa alma. Unha experiencia directa, sen intermediarios luminosos. Unha noite que non buscou ‘likes‘, senón lembranzas. E así, con cancións que forman parte do ADN de varias xeracións e unha entrega que emociona, Chayanne volveu demostrar por que segue enchendo estadios: porque non é só música, é enerxía, é gratitude, é espectáculo, e, sobre todo, é corazón.