InicioCULTURAViñetas desde o Atlántico celebra a súa edición máis ambiciosa cunha homenaxe...

Viñetas desde o Atlántico celebra a súa edición máis ambiciosa cunha homenaxe a Castelao e máis de 70 autores

Publicada o

Por David Sobrino Platas

A cidade da Coruña acollerá do 11 ao 17 de agosto a edición máis ampla ata a data do festival Viñetas desde o Atlántico, que en 2025 celebra unha edición centrada na relación entre cómic e música, cunha programación renovada que inclúe 20 exposicións, máis de 70 autores participantes, concertos ilustrados, talleres e accións gastronómicas. A figura de Castelao terá un lugar destacado como homenaxeado polo 75 aniversario do seu pasamento.

A presentación oficial do festival tivo lugar este venres no Palacio de María Pita. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a cooperación institucional que fai posible o evento: “Cando todas as administracións e empresas traballamos xuntas, a cultura chega máis lonxe”. Pola súa parte, o director do festival, Manel Cráneo, cualificou esta edición como “moi especial” e puxo en valor “a diversidade de propostas e o reforzo das actividades complementarias”.

O representante da Xunta, Anxo Lorenzo, subliñou o potencial do cómic na industria cultural galega, mentres que o deputado provincial José Ramón Rioboo afirmou que Viñetas “é un dos piares culturais da provincia”.

UN PROGRAMA QUE MEDRA: MÁIS AUTORES E MÁIS EXPOSICIÓNS

A edición de 2025 aumenta considerablemente a súa oferta respecto ao ano anterior. Participarán 73 creadores, fronte aos 40 de 2024, e haberá 20 exposicións en distintos espazos culturais da cidade. Entre os nomes destacados figuran Dave Cooper, recoñecido ilustrador canadense; Magius, Premio Nacional de Cómic; Fermín Solís, Carlos Azagra, Encarna Revuelta, Miguel B. Núñez, Clara e Olivia Cábez, Don Rogelio J, Marika Vila, Sandra Lordi, Raquel Gu e Paco Coyote, entre moitos outros.

As exposicións estarán repartidas por toda a cidade, con mostras como Quino na música e Viñetas y Decibeis no Quiosco Alfonso, obras premiadas nos Premios Castelao en María Pita, ou a instalación Astro-Ratón y Bombillita na Sala Palexco. Tamén se exporán traballos na Casa Museo Picasso, grazas á colaboración con diferentes institucións culturais.

A homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será un dos eixes centrais da programación, con actividades específicas arredor da súa figura e legado, nunha mostra que conxuga a recuperación da memoria con novos formatos expositivos.

VIÑETAS MINI, VILETAS ÑAM E VIÑETAS PRO: CULTURA PARA TODOS OS PÚBLICOS

Un dos puntos fortes do festival será a programación paralela que reforza a dimensión educativa, profesional e lúdica do evento. A sección Viñetas Mini ofrecerá talleres diarios con autores convidados, actividades nas bibliotecas municipais e espectáculos infantís. Pola súa parte, a sección Viñetas Pro permitirá que novos talentos do cómic galego presenten os seus portafolios a editoras e participen en revisións, charlas e mesas profesionais.

Ademais, a Rúa BD, situada nos Xardíns de Méndez Núñez, contará coa presenza de 35 editoriais e librarías especializadas, ademais de máis de 100 actividades abertas ao público como sinaturas, presentacións, masterclasses e visitas guiadas.

No eido musical, destaca o concerto gráfico de Hombre Tigre, así como actuacións de autoras como Anabel Colazo e Raquel Montero, sen esquecer a proxección do documental Quinografía e o Latexa Night Show, un formato de entrevistas conducido por Neves Rodríguez.

Tamén regresará Viñetas Ñam, o apartado gastronómico do festival, no que numerosos restaurantes da cidade ofrecerán pratos inspirados no universo do cómic, reforzando a implicación da hostalaría local co evento e ampliando o impacto do festival na economía urbana.

UN FESTIVAL QUE CRECE CON CADA EDICIÓN

Con esta proposta renovada e transversal, o Viñetas desde o Atlántico reafirma a súa identidade como escaparate da banda deseñada a nivel peninsular, apostando por novas sinerxías creativas, como a música e a gastronomía, e abrindo espazos de encontro para públicos diversos. A cidade da Coruña consolida así a súa posición como referente cultural do verán, con eventos que combinan tradición, vangarda e participación cidadá.

ÚLTIMAS

Caión convértese no “porto das esencias do idioma” na área metropolitana da Coruña

Segundo un estudo realizado polo catedrático Elisardo López Varela, en Caión rexístrase a...

Baiuca invocou as bruxas de María Pita

Unha hora antes, Rosa Cedrón saudaba dende o balón do pazo para dar o...

Lucía Aldao abriu a Feira do Libro cun pregón lúcido e combativo

A Feira do Libro da Coruña xa está en marcha. Este mediodía tivo lugar...

Somos as traballadoras do SAF: esenciais pero esquecidas

Chámome Trinidad, son coruñesa e traballo no Servizo de Atención á Dependencia no Fogar....

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here