- Ángel Calvo Ulloa: “É un asunto escandaloso”.
— —- —- —
Todo o sector do mundo da cultura da cidade e da escea cultural galega e española fala estes días e bota as mans á cabeza ao coñecer a resolución do novo concurso da praza de dirección provisional da Fundación Luís Seoane. Un centro de arte contemporáneo dun persoeiro tan íntegro e ilustre como Luís Seoane, que debería ser un dos grandes motores culturais da cidade herculina, pero que sofre unha e outra vez o inmobilismo e o nepotismo dun padroado que a convirte nunha entidade inerte. Un espazo que leva lustros de deixadez, que necesitaba un revulsivo para brillar de novo, pero que volveu perder unha oportunidade.
Falamos dunha Fundación con preto de 400.000€ de orzamento practicamente municipal (hai centros culturais en todo o estado con menos orzamento e moito máis espazo para programar), cun padroado presidido pola rexedora, con participación do grupos políticos municipais, da UDC, da Xunta, da RAG, da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes, e algún membro escollido pola súa experiencia.
Desta volta a Fundación convocaba, con escasa publicidade e prazo, a contratación do posto de “dirección provisional substituta”. Un posto xa algo estrano, unha vez que a praza tena (despois de gañar un recurso contra o padroado), a deputada socialista en excedencia Silvia Longueira. Xa o nomeamento o ano pasado da directora temporal foi algo pouco habitual, provocando unha fonda crise no padroado coa saída de Xavier Seoane en xaneiro do 2023, e un ano e medio despois o padroado lanza este concurso cheo de eivas.
Para entender por que falamos dun concurso irregular, falamos con Ángel Calvo Ulloa, experimentado comisario e crítico lalinés, que vén de dirixir unha exposición en La Casa Encendida e está a piques de comezar outra no Reina Sofía. ”É normal que o tecido cultural estea falando disto porque é un asunto escandaloso”, debulla directamente tras lanzarlle a primeira pregunta. Antes de analizar o concurso propiamente dito, Calvo dá un paso atrás no tempo. “Xa a traxectoria da Fundación é unha trapallada dende o comezo, cunha traxectoria moi irregular, e mesmo cun edificio en moi malas condicións”, comenta. Critica que “xa é algo moi estrano no sector que o posto da directora sexa case vitalicio”. “Pero é que cando sae elixida como deputada, e toma posesión, deixa a Fundación. Algúns membros do padroado -a comisión executiva- nomean unha substituta, que non tiña experiencia na dirección de espazos de arte, volvendo caer nesa fórmula das institucións viciadas”.
A entidade tarde ano e medio en lanzar o Concurso, que “se lanza coa boca pequena”, con só 15 días de prazo, e facendo unha valoración de puntos nos que a entrevista (cun xurado formado por persoas do Padroado e só duas persoas externas, ainda que unha delas tivo unha intensa relación profesional coa directora agora elexida) vale máis que todo o resto. Non se valoran os méritos, o currículo, a experiencia de ter dirixido espazos semellantes, ter curado importantes exposicións… Dá a entender que eles o que sacan para dicir “nós xa cumplimos coas boas prácticas”, pero mentres redactan as bases xa feitas para colocar ao ao que máis nos interese”, denuncia. “Podes poñer un curriculum de 30 anos de facer exposicións en institucións nacionais e internacionais, e iso como máximo dache 3 puntos, e despois tes que xogarte 6 puntos nunha entrevista, que como noutros espazos culturais, constituen entrevistas amañadas”, lamenta. “Xa cando saíron as bases, que nin sequera contemplan prazo de alegacións, comézase a sospeitar que vai ser un concurso amañado como pasa tantas veces en Galicia, lamentablemente”.
De feito, Calvo, leva 10 anos vivindo fóra critica que “vivimos nun contexto axfisiado, como acontece coa Xunta co CGAC ou coa Cidade da Cultura, en Vigo co MARCO… con concursos nos que eles mesmos fan a trampa”. “Eu non vivo en Galicia pero dóeme, porque debe ser o único lugar onde non consigo traballar, algo que nos pasa a gran parte do sector artístico… porque se tes que poñerte con este xogo política, pois acabas apartándote”. ”Dá que pensar que as administracións queren esquivar figuras máis independentes, máis incómodas, ás que non lle poden controlar o seu traballo”, reflexiona Calvo nas posibles intencións destes padroados.
O potencial da Fundación
Sobre que podería chegar a ser, Calvo teno claro. “Temos unha institución de terceira, cando falamos dunha figura como Luís Seoane que debería protagonizar unha institución de primeira, que puidese ter man para levar grandes exposición de Seoane galegas polo mundo e para servir de promoción da nova vangarda do país”, relata. “Porque Luís Seoane é unha figura moi completa, como intelectual e como artista, e ten unha institución que pasa por ser todo o contrario do que el mesmo describía nos anos 60. Falamos dunha persoa tan íntegra que acaba saíndo de Sargadelos, pedindo que os cartos que xeneraba a súa parte se dediquen aos novos artistas galegos. Como é posible que agora a súa institución estea dirixida por un patronato completamente corrompido ou sen interese algún?”, pregúntase.
Pero a realidade é que alén dos círculos máis cercanos do mundo da cultura, a nova non salta a voz pública, nin a través da prensa nin das redes. “O pobo perde contacto coas institucións porque as decisións dos políticos de turno non queren que a xente se interese. A intención é que vaia morrendo o asunto, e que non se fale moito”, relata Calvo.
Perde así, con este polémico concurso, a institución, que puido ter ao mando a unha persoa que ten dirixido o Espai d’Art Contemporani de Castelló ou o Rupert de Vilnius (Lituania), ou unha das persoas que máis sabe da obra de Luís Seoane do país, dous dos currículos que quedaron opacados polo poder da entrevista no procedemento. “Se o fixeras ben este concurso podería traer xente de gran calidade de toda Galicia ou mesmo xente de fóra”, lamenta.