A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reprochou á Xunta a súa postura en relación á declaración da cidade como mercado tensionado, que cualificou de “posición insumisa”. Foi na súa comparecencia tras a Xunta de Goberno e a preguntas dos xornalistas nas que asegurou que “os primeiros datos, aínda que é pouco tempo de aplicación, apuntan cara a unha rebaixa no prezo dos alugueres“.
“Esta medida leva moi pouco tempo aplicándose e con escasa, por non dicir nula, colaboración da Xunta que, a pesar de aceptar esta declaración, mantén unha posición insumisa fronte á aplicación da lei estatal, o que nos dificulta enormemente acceder aos datos, aos propietarios e poder facer que esta declaración sexa máis efectiva e dar resposta ás necesidades dos cidadáns”. “Se o que pretenden, que non o creo, é que queiran que fracase a medida, iso sería torpedear aos cidadáns da Coruña“, aseverou para insistir en que o esencial é “o consenso e o traballo conxunto”.
OUTROS ASUNTOS
Noutra orde de cousas, cuestionada sobre os efectos das choivas rexistradas nas últimas horas na cidade, asegurou que “a rede de pluviais límpase, sanéase e actúase sobre ela como sempre desde hai moitos anos”. “Se chove moito en moi pouco tempo, sufrimos ese desborde nalgunhas zonas da cidade, traballamos para minimizar eses efectos“.
En canto ás novas terrazas na praza de María Pita, e tras un encontro con hostaleiros, aseverou que “haberá un novo modelo máis elegante, integrado na contorna da praza”.