Hai 20 anos un grupo de ciclousuarios uníanse na cidade para reinvidicar a presenza da bicicleta como vehículo de transporte urbano. Era outra cidade, co único carril bici do paseo, sen o rupturista servizo municipal de BiciCoruña, e onde os coches creían que as bicis tiñan que ir polas beirarrúas.
Durante máis dun lustro (é certo que houbo algunha recuperación polo camiño) saían á rúa, en grupo, os primeiros venres de cada mes formando a versión herculina da Masa Crítica, un movemento global que promove a bici como elemento fundamental na promoción da mobilidade sostible. Unha manifestación a dúas rodas para esixir o espazo para as bicis.
De aquí nacían colectivos como a Asoc. Mobi-liza, asesora municipal en materia de mobilidade (certo que xa o foi máis do que é, actualmente), ou iniciativas como a Escola da Bici ou o marabilloso taller social Reciclos.
Este pasado primeiro venres de novembro, 20 anos despois das primeiras saídas, o grupo da Masa Crítica volveu xuntarse. Emotivos reencontros e reparto de sorrisos para rememorar unha das primeiras fotos feitas na praza.

Arrrincou o divertido grupo, amenizado coa música da Lilicleta, pola Marina, pasando polo Obelisco, Linares Rivas, para subir cara Federico Tapia, pasar pola Praza de Pontevedra. Con algún “20 anos da Masa Crítica” ou “mans arriba, isto é un atasco”, algún que outro pitido, e moita didáctica, o grupo recibía os sorrisos dos viandantes (non tanto dos condutores).
Percorreron Médico Rodríguez e Fernando Macías para baixar pola Praza de Portugal, dar un par de simpáticas voltas á rotonda de Riazor, e dirixirse polo paseo cara a zona de Náutica por Manuel Murguía.

A divertida e reivindicativa ruta cicloturista rematou na pista da Normal, ao caloriño das castañas do Magosto da AVV Labañou, San Roque e Os Rosales, e a festa realizada por los Festicultores.
Volverá a Masa a percorrer as rúas da cidade.
Máis novas a dúas rodas
A Masa Crítica volve sacar as bicis na Coruña 20 anos despois da súa creación
Reciclos, o taller social de Mobi-Liza que segue espallando a cultura da bici

