A comunidade educativa do CEIP Ría do Burgo concentrábase esta mañá, apoiada polos membros do goberno local, diante o centro para reclamar á Xunta de Galicia un reforzo urxente de profesorado, especialmente en materia de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe.
Na mobilización participaron decenas de persoas, entre familias, alumnado e profesorado, que portaban pancartas con mensaxes como “Stop recortes en atención á diversidade PT-A L”, “Para unha inclusión real necesítase apoio xa” ou “Non son un gasto, son ou futuro”.
A problemática prodúcese en máis colexios da comarca, como os de Oleiros, que levan semanas en loita, ou do casco urbano da Coruña, como o CEIP Prácticas. Tamén noutros centros de Culleredo, como CEIP Tarrío, padecen unha redución de horas en Infantil dado que dúas profesoras deben realizar labores de dirección. Así mesmo dáse unha saturación de alumnado nas aulas de 4º de primaria. Por iso, o ANPA reclamou unha nova liña, sen que ata o momento fose aceptada pola Xunta.
Necesidades do CEIP Ría do Burgo
No caso do CEIP Ría do Burgo, dos 364 alumnos que ten matriculados este ano, un 10% presenta necesidades educativas especiais (NEE). A esa cifra súmanselle os escolares con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), resultando que un terzo do alumnado require dunha atención educativa diferenciada. Entre eles atópanse un total de 23 con diagnóstico de Trastorno do Espectro Autista.
Con todo, o CEIP iniciou o curso cunha profesora de Pedagoxía Terapéutica menos, o que provoca que 8 escolares con NEE carezan de apoio específico, mentres que outro grupo recibe unha atención moi escasa, dunha hora á semana. A maiores, a falta de profesorado suficiente de Audición e Linguaxe, impide atender correctamente a alumnado con necesidades comunicativas e lingüísticas específicas.
Ademais das reclamacións por alumnado con necesidades específicas, o CEIP demanda unha profesora máis de Educación Infantil posto que a xefa de estudos e a directora deben atender tamén as súas funcións; dous apoios en Educación Primaria nos cursos con cocientes superiores a 50 alumnos; e tres profesores de apoio para cubrir as horas de disposición do profesorado.
Así, a comunidade docente do Ría do Burgo alerta de que a ausencia de reforzos afecta á atención individualizada e á inclusión efectiva do alumnado. O departamento de Orientación está saturado, non podendo ofrecer a escolares a intervención que precisan.
Máis novas sobre os recortes no ensino
As familias de Oleiros simbolizaron cunha marcha fúnebre o enterro do ensino público de calidade
Outras novas das ANPAS

