Fálase moito nos últimos días dun suceso político acontecido en 1978, o secuestro, cativerio e asasinato do presidente da Democracia Cristiana italiana Aldo Moro. Derivada a algarabía fundamentalmente dunha (excelente) serie de televisión, Exterior noche, o seu director, Marco Bellocchio, figura histórica do cine italiano, devolve a relevancia, específica, coiuntural pero tamén simbólica, desta morte, un eixo emblemático dos que envolven a potencia demoledora do século XX. Bellocchio sorprendera anos atrás con outro incisivo retrato, contraplano asumido deste, a narración do cativerio mesmo do estadista en mans das Brigadas Vermellas en Buenos días, noche (2003). Non custa vencellar o percorrido do cineasta a memorables propostas anteriores súas, comezando pola exploración dos microcosmos familiar (Las manos en los bolsillos, 1965) ou psiquiátrico (Nessuno o tutti. Matti da slegare, 1974), unhas liñas de compromiso político e análise social que conservan vixencia e perspectiva artística.
Se ben resulta obvio que no caso Moro son moitas as sementes e consecuencias –recomendable a lectura d’El caso Moro (1978) de Leonardo Sciascia (ou antes de Todo modo), un texto na procura da verdade e a restitución da dignidade-, dado que a acción criminal primeiro, e a imposibilidade dun acordo posterior despois, exemplifican non só as consecuencias de toda polarización, senón tamén a emerxencia ante un sinal de alerta sobre a composición do substrato político, un microuniverso onde a exclusión como práctica e o horizonte da composición da endogamia organizada como formulación aparecen con celeridade como conductas. Conductas logo determinantes, raras veces reorientadas pola vía da autocrítica, a xenerosidade ou a mera esixencia. Advirte Bellocchio que naquela convulsa Italia, nese momento, desapareceron as esencias dos partidos políticos, anulouse un futuro con outros mimbres éticos, perdeuse a posibilidade da conciliación.
Entre nós hoxe lembramos como hai máis dunha década os estertores dunha segunda transición permitiron afondar en novos procesos de rexeneración democrática, de transparencia, de participación cidadá, un espazo con outros códigos, xurdindo movementos e organizacións que, coas súas limitacións e as preceptivas sabotaxes ou impugnacións recibidas, aportarán unha percepción novidosa nas diferentes áreas da xestión política.
A Historia non debera reescribirse demonizando sen análise etapas completas, máxime cando son cualificadas con alegría como accidente ou anécdota. E convén máis que nunca, dado que existe unha amenaza de involución non expresada así antes, recuperar ou acompañar percepcións, respectar voces lúcidas e críticas, refrescar vellas e novas fraternidades, sobrepasar con grandeza e altura de miras as dificultades de expresión, de estruturación que entraña a propia pluralidade progresista e impide a máis que útil unidade, de repente impecable desafogo humilde sobre a arrogancia de quen non constrúe. Noutro contexto, agora os riscos dunha situación límite non impiden ver as árbores do bosque: a oportunidade volve estar. Por descontado, a necesidade tamén.
Cubrindo ocos
Son moitos os retos e, ás veces, fuxindo deste espírito, atopámonos de fronte coa política oca, coa fuxida cara adiante, un mundo de consignas e obstáculos, sen matices e impregnado de sectarismo. A finalidade ou espírito das piores aplicacións políticas é meramente xustificatoria; o autoengano, convertido en característica central e rutinaria, opera de modo desmedido e pode destruir as causas reais de tan fermoso compromiso coa sociedad. E poucos gobernos recentes, como o central, que aporta un legado ben curioso, sufriu tal grado de hostilidade, de difamación e mentira deliberada.
Precisamente nunha das súas últimas publicacións o teólogo Juan Jose Tamayo (La compasión en un mundo injusto) disecciona esa deriva fundamentalista/oportunista, á que alude cun termo, cristoneofascismo.
Nun dos libros máis emotivos que alguén escribise sobre a morte dun ser próximo, El año del pensamiento mágico, Joan Didion manifiesta a súa perplexidade polo feito da morte, por como nos alcanza de repente, destruindo toda lóxica cognitiva ou sentimento humano, establecendo unha inercia de comportamento. Esta sensación de vaivén ten a súa correlación en boa parte da política tal e como aparece estruturada nos nosos días. A obsesión comercial; a facilidade para axitar equívocos, falsidades ou eludir o importante; o desprezo dos mecanismos de participación cidadá; a anulación do espíritu ilustrado, científico; a insignificancia da noción de ben común ou a ausencia de subsanación da corrupción habida son hoxe motivo central da existencia de determinadas forzas políticas, nun proceso que incide nun modus operandi xeneralizado.
No inicio do seu libro, Didion lembra as primeiras anotacións postmortem “A vida muda deprisa. A vida muda nun intre”. Vivimos nunha época sobrecargada, acelerada, impaciente, de mnemotecnia fugaz e tamén arbitraria, o que explica que nós mesmos desaparezamos ou emerxamos a toda velocidade. Pero non é o esquecemento quen fabrica imaxes estandarizadas, disto se encarga un entorno de poderes forxados tantas veces cun grao de descontrol tan brutal como insensible.
“Rudos, metódicos, astutos e cheos de odio”, ven a dicir Moro. Voraz mestre do control e a destrucción, na pulsión contida, aínda que homicida e chea de ávida incomunicación, dun Giulio Andreotti ou na histeria indisimulada, na afectación egocéntrica e ensemesmada de Francesco Cossiga, observamos simulacros de aspiracións politicas universais. Exterior noche, serie heterodoxa, complexa e persoal, é, como reivindica Bellocchio, un filme en episodios. Ou sexa, a unidade e a coherencia interna, como en todo logro do ser humano, non perigan. E a unidade devén rigor mortis alí onde priman outros argumentos. Cando estes afloran, desaparecen as razóns de forza maiores. A cidadanía, e con ela o sentido dunha causa, resulta relegada a un segundo plano, xa sabemos que sempre decorativo.
- José Manuel Sande. Programador cultural, escritor cinematográfico. Parte da Filmoteca da Galicia e da Fundación Luzes.
Artigos de José Manuel Sande