A Xunta iniciou os traballos previos á demolición do viaduto sobre a AC-012, unha actuación incluída no plan de accesos ao Novo Chuac, segundo informou este luns a Consellería de Infraestruturas. Na xornada de hoxe comezaron as tarefas de eliminación da mediana na avenida da Pasaxe, ao tempo que tamén se desenvolveron traballos de tallado e poda de arborado na estrada das Xubias, dentro das actuacións preparatorias necesarias antes de abordar a demolición da estrutura.
Segundo explica a Xunta, o operativo implica xa afeccións no tráfico e nos accesos á zona, de maneira que o corte obrigará a entrar ao núcleo das Xubias desde o Hospital Materno Infantil. O peche manterase durante aproximadamente un mes, o tempo estimado para executar a demolición da parte do viaduto que sobrevoa a contorna do Pazo de Guyatt. Unha vez rematada esa fase, as afeccións pasarán a ser só puntuais mentres continúe a construción do novo viaduto.
A Consellería sinala que ao longo desta semana seguirán desenvolvéndose actuacións complementarias, como a colocación de sinais, a provisión do material necesario ou a retirada dalgunha marquesiña, todo iso como paso previo ao derrubamento da infraestrutura. A demolición do viaduto está prevista para Semana Santa, un período escollido pola Administración autonómica porque se agarda unha redución da circulación de entre o 20 e o 25 por cento, algo que permitiría executar os traballos cun menor impacto sobre a mobilidade habitual da zona.
A Xunta subliña ademais que estas actuacións foron coordinadas co Concello da Coruña co obxectivo de minimizar na medida do posible as molestias na circulación, tanto para os vehículos particulares como para o transporte público. Con este operativo, a Administración galega dá un novo paso na remodelación dos accesos ao futuro complexo hospitalario, nunha contorna especialmente sensible polo volume de tráfico, a proximidade de instalacións sanitarias e a conexión con barrios e vías clave da cidade.

