A Coruña converterase na capital do audiovisual entre o 7 e o 10 de abril coa celebración da VII Semana do Cinema Galego. O certame proxectará no Teatro Colón e na Domus un total de oito fitas —catro de ficción e catro documentais— producidas no último ano.
As sesións, que serán totalmente gratuítas ata completar afoto, incluirán coloquios cos equipos das películas tras cada pase. Segundo explicou Regueira, a programación “inclúe o máis condensado do cinema galego actual” cunha selección de títulos que resultaron finalistas na última edición dos Premios Mestre Mateo. A directiva definiu a oferta como “plural, diversa e moi variada”, abranguendo xéneros como o drama, a comedia, a historia e a etnografía co denominador común da calidade.
“BOA SAÚDE” AUDIOVISUAL
Respecto á situación do sector, Regueira destacou que o audiovisual galego demostra ser cada vez máis un “embaixador cultural e tamén potencia industrial”, subliñando que existe unha “boa percepción social” das producións propias. No entanto, matizou que, aínda que o peso económico é significativo, aínda quedan retos por diante: “Hai boa saúde pero moita capacidade de melloría tamén“, resumiu. Pola súa banda, a rexedora Inés Rei destacou que o ciclo permitirá ver os “grandes éxitos” dos últimos doce meses e asegurou que “a xente ten ganas de cinema e sobre todo das nosas producións”.
O certame dará comezo coa longametraxe ‘Sirât’, dirixida por Oliver Laxe, que se exhibirá o martes 7 ás 19:00 horas no Teatro Colón. A carteleira completarase coas proxeccións de ‘As liñas descontinuas’, ‘San Simón’, ‘Antes de nós’, ‘Deuses de pedra’, ‘Ao son da nova regueifa’, ‘O silencio herdado’ e ‘360 curvas’.
View this post on Instagram
Programa
- Martes 7 de abril, no Teatro Colón:
– 19:00h: Sirat, Oliver Laxe.
– 21:00As liñas descontinuas, Anxos Fazáns. - Mércores 8 de abril, Teatro Colón:
– 19:00h: San Simón, Miguel Ángel Delgado;
. 21:00h: Antes de nós, Ángeles Huerta. - Xoves 9 de abril, Domus:
– 19:00h: Deuses de pedra, Iván Castiñeira;
– 21:00: Ao son da nova regueifa, Manolo Maseda e Saúl RIvas. - Venres 19 de abril, Domus:
– 19:00h: O silencio herdado, Lucía Dapena; – 21:00: 360 Curvas, Alejandro Gándara e Ariadna Silva.

