InicioCULTURAA poesía bergantiñá toma o Palacio de María Pita

A poesía bergantiñá toma o Palacio de María Pita

Publicada o

Por Redacción

E exposición de Peter Kramer na sala de exposicións do Palacio Municipal, acolle este sábado 28 unha cita poética. O Recital Poético Caldeirón levará os versos bergantiñáns á capital herculina, dando conta da relación do artista galego-dinamarqués coa comarca costeira.

A Editorial Caldeirón, fundada polo percebeiro e poeta finado no mar Paco Souto, levará a María Pita poetas como Diego Cousillas, Rosalía Fernández, Xosé Iglesias, Miguel Mato Fondo, Emma Pedreira, Xurxo Souto ou Paco de Tano.

Recital Poetico Caldeiron

Trátase dun evento que busca celebrar o espírito creativo que une ao creador danés coa comunidade artística de Malpica.

A mostra ‘Configuracións’ dialoga aquí coa historia viva do colectivo Caldeirón, nado hai máis de trinta anos ao redor do Cornecho e doutros espazos que converteron a vila bergantiñá nun foco cultural aberto ao mundo. Os textos lembrarán aqueles primeiros recitais, impulsados por Paco Souto e Paco de Tano, nos que a poesía, a amizade e o risco creativo transformaron a noite malpicá en laboratorio artístico. Nesa mesma atmosfera chegou e quedará Peter Kramer coas súas pezas.

Entre memoria e continuidade, o recital reúne voces que representan ese legado vivo: a expresión libre, o diálogo entre artes e a forza cultural que medra desde a periferia. A poesía dos “poetas do Caldeirón” acompaña así a exposición de Kramer, reafirmando ese vínculo que mantén aberto un camiño común entre creación, territorio e amizade.

A exposición ‘Configuracións’ reúne un conxunto de obras realizadas entre 2001 e 2025, nas que o artista emprega materiais cargados de memoria e significado, como os nós de algodón, configurando superficies que condensan tempo, proceso e experiencia. Trátase dunha proposta de grande coherencia conceptual e relevancia no ámbito da creación contemporánea.

Peter Kramer (Roskilde, Dinamarca, 1959) é un artista visual cunha traxectoria consolidada a nivel internacional, e unha práctica desenvolvida ao longo de máis de tres décadas. A súa obra céntrase na investigación do tempo, da repetición e da relación entre corpo e materia, mediante procesos manuais prolongados e unha marcada atención á factura artesanal. Tras unha etapa de formación e traballo en distintos países de Europa, Asia e Australia, establece a súa residencia en Galicia no ano 2000, mantendo desde entón un vínculo estreito e continuado coa Coruña, territorio que inflúe de maneira decisiva na súa produción artística.

ÚLTIMAS

Sanidade Exterior autoriza o desembarco na Coruña do cruceiro ‘Ambition’ tras o brote de gastroenterite

Os técnicos de Sanidade Exterior autorizaron o desembarco na Coruña do cruceiro Ambition, no...

O Mural desoe ás promesas das administracións e convoca unha nova manifestación para defender o coidado dos frescos de Lugrís

Lanzaba con retranca este luns Rodrigo Osorio no Xornal o anuncio dunhas hipotéticas boas...

O metal da Coruña amplía a folga aos días 26 e 27 de maio ante o bloqueo do convenio

O sector do metal na provincia da Coruña acordou ampliar a convocatoria de folga...

A Serea de Ulises espiuse na Agra

Hai poucas entidades na cidade que sintan a poesía como a Asoc. Agra. Cada...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here