A Deputación da Coruña entregou esta tarde a quinta edición dos Premios ás Boas Prácticas en Servizos Sociais, que recoñecen o labor de entidades e profesionais do ámbito social que contribúen a mellorar a vida das persoas, especialmente das máis vulnerables.
O acto estivo presidido polo presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso. Contou tamén coa asistencia da deputada de Política Social, Mar García Vidal, ademais de representantes dos grupos políticos do organismo provincial, alcaldes da provincia, así como representantes de entidades sociais e profesionais do sector.
Nesta edición, recoñecéronse seis iniciativas que destacan polo seu impacto social, a súa capacidade de innovación e o seu compromiso coa mellora continua dos servizos sociais.
Na categoría de investigación científica, a Fundación Hospitalarias foi premiada por un proxecto centrado na prevención de caídas en persoas maiores, que presentan unha alta incidencia en centros de servizos sociais.
No ámbito da asistencia social, a Asociación Española Contra o Cancro foi recoñecida polos seus clubs de saúde, unha iniciativa que promove hábitos de vida saudables e ofrece un apoio integral aos pacientes e as súas familias, especialmente en zonas rurais, contribuíndo a mellorar a súa calidade de vida.

Aspronaga foi distinguida polo proxecto Telebaró, unha proposta innovadora que utiliza a tecnoloxía para promover a comunicación e a participación de persoas con discapacidade intelectual, mellorando a súa autonomía e inclusión social.
Na categoría de familia, infancia e adolescencia, o programa Redeir@s da Plataforma Galega de Organizacións Infantís (POIG) foi premiado polo seu enfoque nos dereitos dos nenos, promovendo a súa participación activa e o seu desenvolvemento en contornas seguras e inclusivas.
O proxecto Tecendo Redes da Fundación Érguete Integración, recoñecido na categoría de inclusión social, é un programa no que persoas privadas de liberdade aprenden as técnicas tradicionais das redeiras de Corme e producen, con redes recicladas, material para escolas como canastras, portarías ou bolsas de balóns. Dase a circunstancia que a entidade suma o seu segundo proxecto en 3 edicións, xa que tamén o recibiiu en 2024 polo proxecto Entre Patios. O seu premio foi un dos mellor acollidos da noite, cunha serie de aplausos intensos nos que se lembrou a traxectoria da presidenta honorífica Carmen Avendaño.

Finalmente, o premio á traxectoria profesional foi outorgado á Real Institución Benéfica-Social Padre Rubinos, en recoñecemento aos seus máis de cen anos de compromiso co coidado das persoas máis desfavorecidas.
Premios 2025
Premios 2024
A Fundación Érguete, Agalure, AFACO e a Fundación Mulleres, os premios socias da Deputación

