InicioCULLEREDOAs escolas unitarias morren ou mátanas?

As escolas unitarias morren ou mátanas?

Publicada o

Por Xiana Vázquez Formoso

Horarios limitados, sen servizos que faciliten a conciliación e esquecidas pola administración, cada vez é máis difícil que as familias do rural poidan decantarse polas escolas unitarias.

Xa quedaron lonxe os tempos nos que o máis habitual era que as nais non traballasen para poder ocuparse en exclusiva da crianza dos/as nenos/as, ou mesmo que nas vivendas próximas residisen parentes que conformasen unha rede de apoio familiar.

Actualmente, para a práctica totalidade das familias, a situación económica fai necesario que ambos/as proxenitores/as teñan traballo a xornada completa e a situación laboral promove a dispersión dos/as membros da familia en distintos núcleos de poboación. Este novo modelo de familias ten difícil a conciliación para o coidado dos/as nenos/as, sendo cada vez máis complicado soster o modelo actual dos centros educativos, con longos períodos de vacacións, horarios axustados e escasa flexibilidade.

Ante esta nova realidade das familias, a meirande parte de centros educativos xa contan con servizos auxiliares de almorzo e comedor, de xeito que se amplían os horarios de entrada e saída dos/as nenos/as para facilitar as xornadas laborais dos pais e nais, incluso cando estes/as xa aplican reducións ou axustes de xornada nos seus traballos. Pero estas medidas, que supoñen un respiro necesario para a conciliación familiar, non chegan a todos os centros, xa que é excepcional cando se aplican nos Centros Rurais Agrupados (CRA), comunmente coñecidos como escolas unitarias.

Os CRA, pensados para o alumnado de menor idade dos núcleos rurais, facilitan a educación sen desprazamentos significativos para os/as nenos/as, así como o arraigamento ca súa contorna, unha mellor comunicación dos/as docentes e as familias para promover un estímulo pedagóxico e, en definitiva, un entorno pedagóxico-didáctico coherente ca súa realidade socioeconómica e cultural. Se ben os CRA aportan moitos beneficios para os/as nenos/as do rural e as súas familias, nos últimos anos, estes centros están sufrindo un desmantelamento por parte da administración, quedando fóra de calquera mellora, incluíndo aquelas que facilitan a conciliación familiar. Neste sentido, fálase de que os CRA perden alumnado e se conducen ó peche definitivo, pero a realidade é outra: as familias do rural non poden optar a estes centros por falta de flexibilidade e de medidas de conciliación, ademais de horarios limitados.

É de destacar que, na actualidade, moitas familias escollen trasladarse ó rural, o que lle aporta dinamismo, estabilidade a longo prazo e renovación xeracional, ademais de favorecer o comercio local e reforzar a conservación de servizos básicos (transporte, saúde, educación, actividades culturais e deportivas, etc.) e a inversión pública. Ante estas consideracións, non sería necesario que as administracións intentasen mellorar a calidade de vida no rural de todos/as os/as membros das familias? Pois un bo comezo son os/as nenos/as e a súa educación. Os CRA son unha alternativa cómoda, segura e axeitada ás familias do rural, pero necesítase que a administración aposte por eles para facilitar o acceso ós mesmos.

Xiana Vázquez Formoso
Xiana Vázquez Formoso

Máis artigos de Xiana

ÚLTIMAS

Aspanaes inaugura na Coruña un novo centro de atención temperá e psicoeducativo para menores con autismo

Representantes de Aspanaes -- entidade de apoio a persoas con autismo e as súas...

Un coche acaba no tellado dun alpendre tras saír da vía e atravesar varias fincas

Dúas persoas resultaron feridas este sábado tras saírse da vía o turismo no que...

A Coruña atribúe á zona tensionada a contención do alugueiro e reclama á Xunta todos os datos dos contratos

O Concello da Coruña sostén que a declaración da cidade como zona de mercado...

Dúas persoas resultan feridas ao caerlles unha árbore enriba na rúa Barcelona

Dúas persoas resultaron feridas na tarde deste venres na Coruña despois de que unha...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here