InicioCULLEREDOAs escolas unitarias morren ou mátanas?

As escolas unitarias morren ou mátanas?

Publicada o

Por Xiana Vázquez Formoso

Horarios limitados, sen servizos que faciliten a conciliación e esquecidas pola administración, cada vez é máis difícil que as familias do rural poidan decantarse polas escolas unitarias.

Xa quedaron lonxe os tempos nos que o máis habitual era que as nais non traballasen para poder ocuparse en exclusiva da crianza dos/as nenos/as, ou mesmo que nas vivendas próximas residisen parentes que conformasen unha rede de apoio familiar.

Actualmente, para a práctica totalidade das familias, a situación económica fai necesario que ambos/as proxenitores/as teñan traballo a xornada completa e a situación laboral promove a dispersión dos/as membros da familia en distintos núcleos de poboación. Este novo modelo de familias ten difícil a conciliación para o coidado dos/as nenos/as, sendo cada vez máis complicado soster o modelo actual dos centros educativos, con longos períodos de vacacións, horarios axustados e escasa flexibilidade.

Ante esta nova realidade das familias, a meirande parte de centros educativos xa contan con servizos auxiliares de almorzo e comedor, de xeito que se amplían os horarios de entrada e saída dos/as nenos/as para facilitar as xornadas laborais dos pais e nais, incluso cando estes/as xa aplican reducións ou axustes de xornada nos seus traballos. Pero estas medidas, que supoñen un respiro necesario para a conciliación familiar, non chegan a todos os centros, xa que é excepcional cando se aplican nos Centros Rurais Agrupados (CRA), comunmente coñecidos como escolas unitarias.

Os CRA, pensados para o alumnado de menor idade dos núcleos rurais, facilitan a educación sen desprazamentos significativos para os/as nenos/as, así como o arraigamento ca súa contorna, unha mellor comunicación dos/as docentes e as familias para promover un estímulo pedagóxico e, en definitiva, un entorno pedagóxico-didáctico coherente ca súa realidade socioeconómica e cultural. Se ben os CRA aportan moitos beneficios para os/as nenos/as do rural e as súas familias, nos últimos anos, estes centros están sufrindo un desmantelamento por parte da administración, quedando fóra de calquera mellora, incluíndo aquelas que facilitan a conciliación familiar. Neste sentido, fálase de que os CRA perden alumnado e se conducen ó peche definitivo, pero a realidade é outra: as familias do rural non poden optar a estes centros por falta de flexibilidade e de medidas de conciliación, ademais de horarios limitados.

É de destacar que, na actualidade, moitas familias escollen trasladarse ó rural, o que lle aporta dinamismo, estabilidade a longo prazo e renovación xeracional, ademais de favorecer o comercio local e reforzar a conservación de servizos básicos (transporte, saúde, educación, actividades culturais e deportivas, etc.) e a inversión pública. Ante estas consideracións, non sería necesario que as administracións intentasen mellorar a calidade de vida no rural de todos/as os/as membros das familias? Pois un bo comezo son os/as nenos/as e a súa educación. Os CRA son unha alternativa cómoda, segura e axeitada ás familias do rural, pero necesítase que a administración aposte por eles para facilitar o acceso ós mesmos.

Xiana Vázquez Formoso
Xiana Vázquez Formoso

Máis artigos de Xiana

ÚLTIMAS

O TSXG avala a legalidade do acordo de eficacia limitada promovido no transporte de viaxeiros na Coruña

UXT Galicia celebrou a sentenza da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza...

Piden compensacións económicas a vixilantes tras a grave agresión no Hospital de Oza

CCOO do Hábitat Galicia considera que a resolución da Inspección de Traballo sobre a...

A Coruña mobiliza un centenar de profesionais para a tempada de praias que arrinca o 15 de xuño

Un centenar de profesionais velarán pola seguridade e a limpeza durante a tempada de...

O PP levará a pleno “inexecución” do orzamento do goberno municipal

Volve incidir o portavoz municipal do Partido Popular no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo,...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here