InicioOPINIÓNCoruño. Mitos e realidades (parte I)

Coruño. Mitos e realidades (parte I)

Publicada o

Por Tito Pérez

O Coruño non xurdiu como elemento lúdico, de risas, para fornecer leitmotivs a monologuistas ou dicionarios de curiosidades. O Coruño, entre os adolescentes, era unha marca de prestixio social. Se falabas Coruño eras parte da colectividade, un máis, se non o falabas eras un miguel, un miguelón, un julai ou un julandrón, é dicir, alguén que non contaba, como un neno pequeno, un churumbel ou chinorro, ou unha persoa maior, un puril ou purila. Se non te expresabas en Coruño, e peor se non o entendías, e xa cumpriras os trece ou catorce, expúñaste a que te vacilasen continuamente ou a que che desen o palo (atracasen) con maior frecuencia da habitual.

Evidentemente a importancia de burlar (coñecer) o Coruño tamén dependía do barrio no que vivises, consecuencia da túa extracción social. Por exemplo, un habitante da Safa (da Sagrada Familia), precisaba o Coruño máis que o comer, un que vivise en Durán Loriga ou na Dársena e estudase nun colexio privado non se tiña que preocupar demasiado, cundíalle (prestáballe) máis aprender inglés.

Do mesmo xeito, dentro do submundo da adolescencia, os que con máis soltura e en máis ámbitos empregaban o Coruño eran os que máis prestixio e poder posuían, os que movían peña, os kíes ou kís, polo xeral vencellados con xefazos de barrio, de gueto, ou con camelos veteranos. Falábano acotío na rúa ou con outros adolescentes, pero tamén cos puriles (aquí coa dobre acepción de pais e de xente maior), cos profesores na escola (cando non lles cadraba latar) ou, os que ían deixando os estudos, no mesmo choio (costume que moitos conservan aínda de puretas).

De feito se te topabas con alguén que pronunciase de xeito natural algún deses trabalinguas coruños que arestora pululan pola rede (como Achanta la mu que vas acabar pillando julai), sobre todo se o facía con voz grave e ollada torva, xa podías najarte (liscar), porque no caso de que non che chorase (roubase) nese preciso intre (oyes neno, dame unha libra, es pa pillar), ante calquera falta de respecto pola túa parte, aínda involuntaria, como por exemplo se algo che facía gracia e te junaba marándote (te vía ríndote), el podería chinarse e cusmarte (anoxarse e zoscarte), e ti rematarías cun piño (dente) roto, ou cun skai (ollo) morado. E se safabas e te amañabas para fuxir fostiado, ben podías rilarte (andar con tino) durante semanas polo barrio, porque te perseguirían ata percharte (pillarte) e mallar en ti.

É importante sinalar unha vez máis que en todo este substrato coruñofalante só contaban os adolescentes. Por exemplo, se che viñan dar o palo uns kinitos, mesmo podían ser oito ou dez ben medrados, que abondaba que che valesen un señor ou unha señora con xenio para achantalos (escorrentalos). Había quen saía á rúa cos seus puriles, e se pipeaba (vía) algún notas (persoa da súa idade e status), arredábase deles como se tivesen a lepra, e non só polo temor a ser catalogado como miguel, senón porque lle daba palo (lle daba vergoña) e así o tiña interiorizado, aínda que os que o visen soubesen perfectamente quen eran seus pais, pois levaban quince anos vivindo na mesma rúa, e malia que os pais fosen persoas amables, honradas e ben consideradas, sen a máis mínima mingua na súa reputación.

Do mesmo xeito, e aínda que tamén había rapazas kíes, existía unha sorte de código non escrito que funcionaba como barreira entre sexos. Por exemplo, os rapaces acostumaban dar o palo aos rapaces e as rapazas ás rapazas. Se había bulla tamén se respectaba unha separación por sexos. Se eras un kíe e unha chorba lle dera unha galleta (sopapo) á túa (noiva, muller en xeral), ti, aínda que te tiveses zoscado con media Coruña, non facías nel (nada), agardabas a que actuase a peña, só feminina, que movese a túa , ou as chorbas do teu barrio. Porén, sempre te mantiñas alerta por se interviñan rapaces ou noivos ou se mediaba algunha falta de respecto cara a ti. E entón si descargabas todo o teu poder, e convocabas nunha praza un tropel de cincuenta ou cen colegas armados con maripas (navallas de bolboreta) e bates de béisbol con cristais incrustados, e marchabas a cobrarte vinganza así fose contra un barrio enteiro.

P.S.: Calquera suxestión ou valoración por favor empréguese a caixa de comentarios.

  • Tito Pérez é enxeñeiro técnico industrial e escritor. Conta con dous libros de relatos publicados, Vinte fragmentos de mocidade voraz e O latexar do barrio, e cunha novela, O grupo. Mais sobre todo se considera habitante de barrio da nosa cidade e avezado estudoso das súas xentes e idiosincrasias.

Máis info

 

ÚLTIMAS

Solicitan a retirada da Medalla de Ouro ao mérito no traballo ao Conde de Fenosa

Volve o sociólogo, investigador e vítima do franquismo Manuel Monge González, a rexistrar unha...

A Policía propón sancionar a 165 afeccionados polos altercados do Dépor-Málaga

A Policía elevou a un total de 165 afeccionados as propostas de sanción polos...

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

2 COMENTARIOS

  1. Grandes recordos dos noventa! Sen ter participado activamente nas liortas, si que puiden “observar na distancia”, parte dos relatos descritos no artigo! Encantoume Tito!

  2. Parabéns polo artigo! moi interesante esta análise obxectiva de algo que se adoita tratar dende o humor ou a burla.
    estarei atento a novas entregas. pareceríame interesante indagar ata onde chegou o coruño fóra da cidade (eu medrei en cambre e no instituto existía esa diglosia da que se fala no artigo).
    e tamén gustaríame reflexionar sobre o momento e as razóns na que todo isto foise desdibuxando…

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here