Sorprendida ficou esta mañá a veciñanza da Agra do Orzán cando descubriu pola prensa o acordo de PSOE e BNG para sacar adiante a urbanización de 20 edificios de 6 alturas (400 novas vivendas) na zona do futuro Parque da Agra, no corazón do barrio con máis densidade de poboación da cidade. Os membros da Asociación de Veciños do barrio, despois de ter unha reunión cos dous grupos e outra hai un par de semanas co grupo de goberno, deixaban clara a súa postura, na que solicitaban a retirada cando menos de 4 bloques de vivendas na zona onde entenden que debe ir o parque, o demandado dende hai 40 anos Campo da Burra.
Porén, PSOE e BNG selaban onte un acordo para sacar adiante a moción da modificación puntual do PXOM do polígono urbanístico M-22 no vindeiro pleno do 14 de maio, despois do adiamento da votación no pasado pleno de abril, e da comprometida manifestación celebrada o pasado día 27.
Dende a Asoc. Agra do Orzán manteñen firme a súa postura. “Non nos satisface para nada, levamos 40 anos pelexando por iso e non imos agora afogar na ribeira”, sinala Ricardo Seixo. “Todo o mundo recolece que este barrio é un atentado urbanístico que se permitiu no seu día. Pero iso agora non importa, e propoñen facer borrón e conta nova, para seguir contarmos máis cemento. Non o imos aceptar. É débeda histórica da corporación municipal con este barrio e imos seguir loitando por ela”, sinala rotundo.
Redución de edificabilidade
O acordo rebaixa 2.000 metros cadrados a edificabilidade, o que supón a eliminación de 1 dos 4 bloques que pedía a veciñanza (o que está do lado de Pascual Veiga), e a redución de outro. “O importante é a redución da edificabilidade e o aumento das zonas verdes”, defende o BNG, que asegura ter conseguido que as vivendas que forman parte do novo polígono conten cu 40% de vivenda pública (unhas 85).
Con todo, unha das chaves é a separación das zonas urbanizables, unha vez que quedan fóra do novo polígono urbanístico (e eximido por sentenza xudicial da obriga de vivenda pública), as vivendas de Cebrián onde as Adoratrices.
Sumar critica o acordo
Movemento Sumar Coruña criticou o acordo acadado entre o goberno local de Inés Rey
e o BNG de Avia Veira para sacar adiante a modificación, unha operación que consideran “desproporcionada” e afastada das necesidades reais da veciñanza dun dos barrios con maior densidade urbana da cidade.
A formación lembra que a existencia dunha sentenza xudicial “non pode utilizarse como escusa para avalar un modelo urbanístico que incrementa a edificabilidade e consolida unha operación claramente favorable aos intereses privados”. Neste sentido, sinalan que cumprir unha resolución xudicial “non implica aceptar sen máis o modelo concreto pactado entre PSOE e BNG”.

