Cunha concentración de veciños e veciños da Agra ás portas do Palacio de María Pita manifestándose en contra, o goberno socialista xunto cos votos do BNG (sacaron adiante no pleno deste xoves 14 de maio (finalmente si que se presentou a edil Noemí Díaz, que estaba de baixa, non así Diana Sobral, e o seu voto permitiu sacar adiante por 13 votos a 12 a moción) a modificación puntual do Plan xeral que permitirá acometer a ordenación do polígono M22.

Un plan de urbanización que permitirá desbloquear o Parque da Agra, solicitado durante máis de 40 anos Campo da Burra, pero que non é do gusto da veciñanza do barrio con máis densidade de poboación da cidade, que respira cemento por todas partes, porque chegará acompañado de 20 novos bloques de edificios (400 vivendas, unhas 80 de protección) de ata 6 alturas.
A veciñanza da Asociación Agra volveu amosar, como xa fixeron durante ducias de xoves durante moitos anos, o seu descontento. Neste caso, despois de gañar a batalla de botar abaixo o muro da rúa Canceliña, para conseguir un parque acorde coas necesidades do barrio. “Toca seguir pelexando”, sinalan dende a entidade, asegurando que presentarán alegacións contra o Plan.
16.000 metros cadrados de áreas verdes, máis vivenda protexida e novos aparcamento
Dende o grupo do PSOE consideran a aprobación “un paso fundamental para que a meirande parte desta superficie sexa destinada a usos públicos e isto abra camiño a unha das grandes demandas do barrio: a creación de máis áreas verdes”.
Concretamente, a modificación do Plan separa os máis de 31.000 metros cadrados correspondentes ao polígono M22: Agora, cambian de consideración 3.200m2 fronte á rúa Gregorio Hernández, o coñecido como a zonas das Adoratrices, que por sentenza xudicial, pasarán a ter a consideración de solo urbano consolidado, é dicir, que pemitirán a construción de vivendas ao empresario Cebrián.
Outros 4.600 correspóndense coa superficie do ARI do Camiño do Piñeiral (novos edificios) e son 23.900 os que están incluídos no polígono do parque da Agra, dos que 18.500 metros cadrados están previstos para uso público, deles 16.000 de zonas verdes.
Ademais, argumentaron a creación de 350 prazas de aparcamento nun aparcadoiro soterrado, así como outras 63 públicas en superficie.
PP e BNG
O PP votou en contra e Miguel Lorenzo criticou o cambio de opinión do BNG, deixando clara a súa postura: “Parque si, pero non así; Vivenda Así, pero non así; Agra si, pero non así”.
Tivo que tirar de argumentario a candidata á alcaldía Avia Veira para explicar o seu cambio de criterio despois de provocar a suspensión da votación no pleno do mes pasado. Veira asegurou que coas súas esixencia conseguiron sumar 4.300m2 de zonas verdes, que primeiro se construirá o parque, e despois se poderían construír os edificios; e recordou que o convenio coa urbanización de Cebrián nas Adoratrices vén de gobernos antigos.
Pero ademais deu un argumento que parece fundamental para sacar adiante o plan e o parque: hai que equilibrar o balance económico do plan de urbanización, porque rebaxar a edificabilidade implicaría que o concello tivese que desembolsar cartos públicos en indemnizacións.
Incluiu ademais nas súas exixencias a creación dun “Plan de Melloras para a Agra”, que conterá un Plan director de mellora da estética e da accesibillidade; un servizo de limpeza intenso, asegurar boas conexións das liñas de bus nos novos pliegos e que as prazas do aparcadoiro proxecto se ofrezan á veciñanza.
A posición de Sumar: “Urbanismo pensado de costas á veciñanza”
Aproveitou o Movemento Sumar Coruña para amosar a sua posición, “lamentando” a aprobación no que que consideran “un novo exemplo dun urbanismo pensado de costas á veciñanza”. A formación critica que, despois de oito anos de goberno municipal, Inés Rey “segue apostando por grandes operacións urbanísticas mentres continúan sen aparecer políticas ambiciosas de vivenda pública e vivenda municipal na cidade”.
Criticou tamén Trindad Palacios, coordinadora local, que “agora resulta que para o BNG os grandes edificios xa son aceptables, que as alturas deixaron de ser un problema e que todo aquilo que antes denunciaban desaparece simplemente porque toca manter un acordo político”.
Máis novas
A Agra do Orzán rexeita o acordo entre o PSOE e BNG para a urbanización do Parque da Agra

