O porto da Coruña ten previsto recibir este sábado ao cruceiro ‘Ambition’, illado por un brote de gastroenterite que afectou a decenas de pasaxeiros e a parte da tripulación do buque, no que viaxan máis de 1.600 persoas. Está previsto que o barco, procedente de Bordeus, chegue á cidade herculina ás 09.30 horas e, posteriormente, sobre as 20.00 horas, parta cara a Xixón.
Polo momento, fontes da Consellería de Sanidade sinalaron que non teñen información de Sanidade Exterior. Este mesmo venres, en declaracións aos medios sobre unha posible escala do cruceiro en Ferrol, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reclamou información para saber se Galicia debe tomar medidas, aínda que lembrou que se trata dun virus que provoca unha afección “frecuente” ao longo do ano en festas ou colexios.

