InicioDEPORTESOs novos nenos do ascenso: a esperanza é branquiazul

Os novos nenos do ascenso: a esperanza é branquiazul

Publicada o

Por Javier López Moríñigo

Quen escribe esta achega tiña 10 anos o 9 de xuño de 1991. Nesa data, o Dépor retornaba á Primeira División na derradeira xornada de Liga en Riazor contra o Murcia. Nunca esquecerei a miña localización no estadio —na daquela famosa grada de «Especial de Niños», onde os rapaces menores de 14 anos sentábamos nunha especie de escadas, supoño que incompatibles coa rigorosa lexislación actual, desde as que viamos o lume da bancada de enfronte— e, sobre todo, os amigos cos que compartín tanta ilusión tras os dous goles de Stoja.

O Dépor remataba así a súa particular longa noite de pedra (parafraseando a Celso Emilio Ferreiro) tras 18 anos entre a 2ª División, a 2ªB e a 3ª. Eramos moitos os coruñeses que non coñeciamos o Dépor en Primeira despois de varios intentos frustrados: o polémico partido de Oviedo en 1986, o play-off da tempada seguinte, coas violentas cargas policiais na grada de Xeral durante o derbi contra o Celta, e a promoción contra o Tenerife na tempada 1989/90, o meu primeiro ano como socio. Toda unha xeración de rapaces que medrara acompañando o equipo durante os anos máis difíciles: «os nenos do ascenso». Supoño que os éxitos posteriores recompensaron, en parte, tanto sofrimento.

Como chega un neno por primeira vez a Riazor? A resposta pode parecer sinxela: da man dos pais. Porén, os meus levábanme ao Liceo (domingo ás doce, vitoria e vermú), mais tiñan uns amigos futboleiros que me coaron de balde nun Dépor-Valencia da tempada 1986/87. Aprendemos, en gran medida, por imitación, dos pais ou doutros referentes.

Hai unhas semanas o Dépor conseguiu de novo un ascenso á Primeira División. Outra vez, moitos rapaces coruñeses viven o seu primeiro ascenso á máxima categoría. Na chamada sociedade do rendemento (Byung-Chul Han), semella un motivo para a esperanza que os nosos fillos, nun claro proceso de identificación cos seus referentes, se estean a converter en seareiros deportivistas precisamente tras varios anos afastados do éxito.

Pais, fillos e amigos, «borrachos de emoción», que dirían Os Diplomáticos de Monte Alto, transforman Riazor cada domingo nun espazo de encontro presencial e excepcional nun tempo de hiperprodutividade e hiperconexión dixital que nos illa e nos deprime máis do que nos conecta.

Cando a natalidade roza mínimos históricos (un cativo non produce, só xera gastos inicialmente), cabe preguntarse se o Dépor tería acadado este ascenso sen os seus seareiros máis novos. Ou se este ascenso —e tantas cousas máis—, sen eles, sen futuro, tería realmente algún sentido.javier-lopez-morinigo grande

  • Javier López Moríñigo. Coruñés na diáspora. Médico-Psiquiatra formado na USC. Doutor en Medicina polo King’s College London (Reino Unido). Na actualidade, Médico-Psiquiatra e Investigador Post-Doctoral no Hospital General Universitario Gregorio Marañón (Servicio Madrileño de Salud, Comunidad de Madrid).

Novas relacionadas

De Stoja a Nsongo Bil. Entrando na historia branquiazul de xeración en xeración

ÚLTIMAS

A ANPA do CEIP de Prácticas volve mobilizarse ante o desleixo e abandono da Xunta

"Xa non aturamos máis". Así comeza o novo comunicado a familia da ANPA do...

Yoel Quispe faleceu por un taponamiento cardíaco tras unha puñalada mortal, segundo os forenses no xuízo

Yoel Quispe, o mozo apuñalado mortalmente na Noiteboa de 2023 na Coruña, faleceu como...

A Mariña acolle Coruña acolle o exposición da 10ª edición do Museo Lar da Costa da Morte

​A Dársena da Mariña da Coruña acolle durante os meses de xuño e xullo...

Abre a venda de entradas para a actuación de Silvio Rodríguez en setembro na Coruña

O cantautor cubano Silvio Rodríguez actuará o próximo 19 de setembro na Coruña, con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here