InicioA CORUÑAA Coruña arrinca hoxe a V Festa Amergin da Poesía Atlántica

A Coruña arrinca hoxe a V Festa Amergin da Poesía Atlántica

Publicada o

Por Redacción

A cidade da Coruña celebra do 25 ao 27 de xuño a V Festa Amergin da Poesía Atlántica, un ciclo que se consolida como referente cultural da fin de xuño na Coruña. O festival toma o nome do bardo milesio Amergin, figura da mitoloxía irlandesa que, segundo a lenda, viaxou a Irlanda precisamente desde as costas galegas, convertendo o Atlántico nun vínculo cultural e simbólico entre as dúas nacións. Ese vínculo —baseado na lingua, na poesía e na identidade atlántica— articula o eixe de cada edición.

O evento está coorganizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, In Nave Civitas, Xuntas polas Artes e o Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da Universidade da Coruña, co apoio do Concello da Coruña.

V-festival-Amergin

Programa

O xoves 25 de xuño ás 21:00 h abrirá o ciclo un concerto do grupo de pop alternativo feminino Señales de fatiga no Pub Delirium (Paseo das Pontes, 5).

O venres 26 de xuño ás 19:00 h, na sede da AC Alexandre Bóveda, celebraranse as conversas Literatura e Natureza: o escritor e ornitólogo Antonio Sandoval falará sobre As aves das Illas de alén do océano, e a poeta Teresa Ramiro e o profesor David Clark, director do Instituto Amergin, dialogarán sobre literaturas oceánicas e a pegada galega na poesía irlandesa contemporánea.

O sábado 27 de xuño ás 20:30 h o festival pechará na Praia do Areal (As Lapas) cun serán de música, teatro e poesía que se converteu xa nun dos momentos máis emblemáticos do ciclo: a palabra e a música diante do océano Atlántico, ao solpor, como celebración do vínculo entre as dúas beiras.
Presentará Manuel Rivas e animará Isabel Risco. Actuarán Noite Bohemia, as Cantareiras de Son d’aquí e Cantos de Taberna da ACAB, e recitarán os poetas Rodrigo Osorio, Laura Rey Pasandín, Teresa Ramiro, Chisco Fernández Naval e Ciarán Dawson.

A entrada é libre e sen inscrición en todos os actos.

ÚLTIMAS

As chaves tamén repican na Coruña

Tamén repicaron os chaveiros na Coruña. As mobilizacións pola vivenda impulsadas tralo desafiuzamento de...

Taller Recyclos: O sorriso de Moha vai a dúas rodas

O sorriso co que Mohamed saía do antigo edificio de Padre Rubinos vale ouro....

Estas son as 32 propostas seleccionadas dos Orzamentos Participativos

O Concello da Coruña presentou onte as propostas seleccionadas dos Orzamentos Participativos 2026, un...

A alcaldesa da Coruña insiste en pactar co BNG os orzamentos do 2027 e Avia Castro responde que non hai nada que dialogar

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, apelou ao diálogo co BNG para...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here