Unha nova edición do Salón Internacional do Cómic ‘Viñetas desde O Atlántico’ celebrarase do 10 ao 16 de agosto na Coruña con máis de 70 autores, 24 exposicións e máis dun cento de actividades. O encontro aumenta este ano o número de salas de exposición e céntrase en “recuperar o público infantil con contidos para toda a familia”, segundo trasladou o seu director, Manel Cráneo, durante a presentación no Concello da Coruña. No acto estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola alcaldesa, Inés Rey, entre outros representantes institucionais. Todos eles fixeron fincapé na importancia da colaboración entre administracións públicas para impulsar iniciativas culturais como esta.
UN EVENTO CON 24 ENTIDADES COLABORADORAS
A alcaldesa destacou a participación de 24 entidades colaboradoras no evento, que definiu como “un magnífico exemplo de colaboración e do compromiso co talento que temos na Coruña”. Rey aludiu así á implicación institucional, cultural e da sociedade civil nun festival que continúa medrando tanto en programación como en ambición.
“O VIÑETAS MÁIS REIVINDICATIVO DA SÚA HISTORIA”
A rexedora coruñesa salientou tamén o carácter social desta edición. “É o ‘Viñetas’ máis reivindicativo da súa historia”, recalcou, antes de defender que “a cultura non é só ocio, senón unha ferramenta para comprender o mundo e para transformalo”. Nesa liña, explicou que o festival poñerá o foco na memoria social e democrática, empregando a banda deseñada para interpelar a sociedade, contar historias e contribuír a non esquecer. Segundo engadiu, esta edición será un festival “aberto e accesible para todos”, que non só medra en días, senón tamén en contido, calidade e capacidade de conexión coa realidade. O programa incluirá, entre outras propostas, exposicións, actividades infantís e encontros.
UN REFERENTE DA BANDA DESEÑADA
Pola súa banda, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, definiu ‘Viñetas desde O Atlántico’ como un “referente en Galicia e en toda España de divulgación da banda deseñada”. Lorenzo destacou que esta edición incorporará novos formatos para ampliar o conxunto de actividades do festival. Tamén puxo en valor a súa función como punto de encontro cos ilustradores de cómic, reforzando o papel da Coruña como cidade vinculada á creación, á ilustración e á banda deseñada.

