InicioA CORUÑAEcos do Sur dá un paso á fronte na problemática da vivenda:...

Ecos do Sur dá un paso á fronte na problemática da vivenda: “É fundamental acompañar aos máis vulnerables no proceso de adquisición dunha vivenda”

Publicada o

Por Claudia Varela Lourido

“Levamos 35 anos traballando con persoas en situación de vulnerabilidade”, afirmaba Ana Ulloa, a presidenta da Asociación Ecos do Sur, na presentación do proxecto ‘Fogar e familia’ que tivo lugar esta mañá na sede da entidade. Ante unha situación de emerxencia, Ecos do Sur dá un paso á fronte e introdúcese na problemática da exclusión residencial: “Tiñamos claro que era necesario intervir no problema da vivenda”, comentaba Ana Ulloa.

Na presentación de ‘Fogar e Familia’ interviñeron varios cargos institucionais que tamén deron o seu apoio indubidable ao proxecto. Entre eles, Mar García, Deputada Provincial de Política Social, Educación e Xuventude, Arturo Parrado, Director Xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia e varios representantes do Concello da Coruña. A Deputada Provincial agradeceu o esforzo da asociación para levar a cabo o proxecto: “Sen o voso esforzo, para a Deputación sería imposible colaborar”. Pola súa banda, o Director Xeral trasladou a importancia da colaboración entre as entidades sociais e as administracións, destacando que son os axentes sociais os que “coñecen as realidades, e iso é esencial para poder trasladalo despois ás administracións”.

Presentación do proxecto ‘Fogar e Familia’ de Ecos do Sur / Claudia Varela Lourido

Ecos do Sur considera fundamental acompañar ás persoas máis vulnerables no proceso de adquisición dunha vivenda, xa que tamén nese ámbito sofren discriminacións. De feito, na presentación resaltaron que as familias con menores son as que máis dificultades atopan á hora de alugar un piso. “As complicacións non foron poucas, pero a asociación conseguiu adquirir unha vivenda en 2026 para poder dar fogar a varias familias. Irune Rial, responsable do programa CoHabita de Ecos do Sur —complementario a este novo proxecto— destacaba que en Ecos do Sur atoparon “casos tan sangrantes como o dunha nai con cinco menores abocados a residir nun local comercial habilitado como salón de peiteado”

ADQUISICIÓN DUNHA VIVENDA RESIDENCIAL

A través do apoio institucional e tamén de investimento privado de empresas como CaixaBank, Eroski e Ikea, a vivenda adquirida foi adaptada para pasar de ser un piso a un fogar. Parrado incidiu en que “na inclusión residencial non se pode escatimar en recursos”. 150.000 euros da Xunta de Galicia permitiron sacar este proxecto adiante, seguidos de 60.000 euros da Deputación da Coruña e 10.000 euros do Concello da Coruña.

‘Fogar e Familia’ axudou a crear un espazo no que hoxe conviven tres familias formadas por tres nais e tres menores. Este proxecto, segundo Saray Durán, directora de Ecos do Sur, ten un “carácter diferencial”, xa que son as residentes as que autoxestionan a vivenda e as normas de convivencia van en consoancia con iso.

O papel dos voluntarios da asociación, tal e como destacaron na presentación, foi crucial para o desenvolvemento do proxecto. Mobles, menaxe e electrodomésticos foron organizados e colocados por voluntarios para conseguir crear un espazo seguro e agradable para as familias.

UN PROXECTO MOI NOVIDOSO

Na presentación, todos os participantes confluíron nunha mesma idea: este proxecto non é pioneiro, pero si moi novidoso, xa que implementa a misión da intervención. De maneira complementaria ao programa CoHabita, este novo proxecto pretende facilitar a vida daquelas persoas que teñen máis dificultades. Deste xeito, sentenciaban, “favorecerase unha sociedade máis xusta”.

Mar García e Arturo Parrado fixeron fincapé na necesidade dunha colaboración constante entre os axentes sociais e o sector público, insistindo na relevancia de ‘Fogar e Familia’ como actor fundamental na problemática da vivenda. Acompañar ás familias neste proceso é moi importante, porque, tal e como afirmaban desde Ecos do Sur, conseguiron “abrir portas antes pechadas. Mar García concluíu insistindo no seguinte: “Ademais dun fogar, dádeslle un acompañamento a estas familias, polo que sempre teredes o noso apoio en proxectos futuros”.

ÚLTIMAS

Lage aposta por crear un consorcio de transportes metropolitano “cooperativo” entre A Coruña e a súa área

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica e portavoz do goberno municipal da Coruña,...

As asembleas de persoal aproban o preacordo para o convenio do metal da Coruña

Despois de dous meses de intensas mobilizacións, as asembleas de traballadores do metal realizadas...

As festas de María Pita: arte, música e cultura no corazón da Coruña

A cantante Luz Casal abrirá o 1 de agosto as festas de María Pita,...

Acepta 14 anos por tentar atropelar varias veces co coche aos clientes dun bar nos Mallos

Un home que, en agosto de 2024, encaixou ata en tres ocasiones o seu...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here