Inaugurábase esta mañá o Gadis de Monte Alto por todo o alto despois de varios anos pechado polas longas obras de reforma da praza. Feito que aproveitaron os sindicatos CCOO-Servizos, CIG, UGT e USO para facer demostración de unión no marco das mobilizacións no comercio de alimentación da Coruña. Unha manifestación que tamén apelou á colaboración da veciñanza cos seus cánticos.
A protesta pretende denunciar publicamente a negativa da patronal a mellorar as condicións laborais do persoal. I é que tralas tres xornadas de folga desenvolvidas entre o 15 e o 17 de agosto e ante a falta de avances nas últimas reunións da mesa negociadora, os sindicatos continuarán coas mobilizacións.

Salarios, xornada e antigüidade
As organizacións sindicais sinalan que estas mobilizacións responden á falta de avances na negociación do convenio e á negativa da patronal a atender as principais reivindicacións do persoal. Reclaman un acordo que permita mellorar os salarios e recuperar o poder adquisitivo perdido, nun sector no que existen traballadoras e traballadores con máis de 30 anos de antigüidade que continúan percibindo salarios mileuristas.
Estamos no inicio dunha segunda fase de protestas pola negativa da patronal a ofrecer unhas condicións laborais e salariais minimamente dignas”, apuntaba Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación. Denunciou que malia os beneficios millonarios das dúas grandes empresas deste convenio -Gadis e Froiz- “os salarios son cativos, as xornadas excesivas e non se recoñece nada na antigüidade”.
Pérez aclarou que aínda que as negociacións non están rotas, fican paralizadas a causa do inmobilismo da patronal que pretende competir a conta de explotar e precarizar o seu persoal. Na última reunión, o empresariado teimou nunhas propostas de miseria con incrementos salariais que nin sequera garanten o IPC, ofreceu unha redución raquítica da xornada laboral, pretendeu incluír os luns nos denominados fins de semana de calidade, negouse a ampliar os días de asuntos propios e non quixo achegar nada para o complemento de antigüidade.
Neste senso, Roberto Pérez subliña que unha das cuestións “que máis enfada as traballadoras é que cobran moito menos que as compañeiras e compañeiros de Pontevedra, cando son as mesmas empresas as que negocian ambos convenios e a competencia que teñen co resto de compañías do sector é a mesma”.
Pero a diferenza do que acontece na Coruña, no convenio de alimentación de Pontevedra, Gadis e Froiz si recoñecen un complemento de antigüidade que “supón un incremento moi significativo dos salarios. Na provincia da Coruña, quen leva 20 anos na empresa cobra arredor de 1.100 euros”.
Novas folgas en outubro
O 15 de setembro continúan con novas concentracións no Froiz de Ferrol e no Híper Froiz de Narón. Ademais preparan tamén novas xornadas de folga no sector os días 10, 11 e 13 de outubro, co obxectivo de aumentar a presión sobre a patronal e conseguir avances na negociación do convenio colectivo.
Máis novas do conflito laboral
Nova xornada de folga no persoal do comercio de alimentación en demanda de melloras laborais

