Un xulgado da Coruña solicitoulle ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que aclare se as compañías aéreas Vueling, Ryanair e Volotea poden cobrar un suplemento por levar unha maleta de cabina e se esta práctica vulnera os dereitos das persoas consumidoras. En concreto, a petición foi formulada polo maxistrado da praza 14 da Sección Civil do Tribunal de Instancia da Coruña, a raíz dunha demanda presentada polo Ministerio Fiscal no exercicio de accións colectivas de cesamento.
No escrito, recollido por Europa Press, destácase que o Ministerio Fiscal solicita que se declare a nulidade das condicións xerais utilizadas polas compañías aéreas en relación co cobramento dun suplemento de prezo ou dunha tarifa superior á básica. Entre outras cuestións, na resolución, datada en maio deste ano e relacionada cunha demanda presentada xa en 2024, o xulgado pregunta ao tribunal europeo se a liberdade das aeroliñas para fixar os seus prezos permite cobrar pola equipaxe de man adicional.
Tamén pide que se aclare se esa liberdade para establecer tarifas pode prevalecer sobre a normativa española que establece o transporte gratuíto da equipaxe de man, salvo por razóns relacionadas co peso, o tamaño ou a seguridade, fronte á normativa europea que permite o cobramento. A cuestión, por tanto, deberá determinar ata onde chega a liberdade comercial das compañías aéreas á hora de configurar as súas tarifas e se o cobramento dunha maleta de cabina pode entrar en conflito cos dereitos das persoas consumidoras recoñecidos pola normativa española.

