“A democracia é o proceso que garantiza que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos” dicía Ignatius Farray na Vida Moderna, un dos grandes referentes deste que escribe, cita que se lle atribue a Bernard Shaw nun dos seus aforismos. É unha desas unpopular opinion que se di agora: a democracia, tal e como a coñecemos, está obsoleta. É un modelo político e social corrompido, partidista e corrupto que non garantiza a liberdade das persoas nin o progreso das sociedades. É ese modelo que ascende ó poder político a xente que pretende enriquecerse a través da política e que nada ten que ver coa realidade social dun territorio nin coa que o individuo sente confianza. Un modelo que permite que o fascismo ascenda ós Gobernos. Ao respecto, a historiografía e a socioloxía marxistas e críticas dinnos que as socialdemocracias que temos instauradas nos Estados occidentais desde o século XIX son un pequeno suborno ó movemento obreiro deixándoo entrar nos Gobernos liberais para así ter un potencial ideal revolucionario atado e controlado. Xa que ter ós obreiros traballando nas fábricas ata a extenuación, sen servicios sanitarios, educación ou dereitos comezaba a ser sospeitoso e sentar as bases dunha revolución (como así ocorreu nun dos lugares que ninguén quere mencionar por medo a que volva). Iso de: dalle algo que perder e co que se conforme e xa verás como non se queixa.
A socialdemocracia, lonxe da definición máis pura de democracia e o valor do pobo, non serve máis que para iso: ter pequenas axudas sociais do Estado (máis en Gobernos de esquerdas e menos nos de dereitas) mentres traballas para que outros se enriquezan e a roda capitalista e liberal non deixe de xirar. Unha distracción para que os de sempre sigan manexando o mundo detrás do escenario, cando o pano pecha. No modelo social que coñecemos e nos foi dado, claro que hai que pagar impostos e ter uns servizos básicos de calidade garantizados e Gobernos con intervención social forte. Mais iso non nos dá a emancipación do sistema que nos oprime, simplemente nos fai vivir mellor nunha vida prefabricada diseñada para oprimir á clase traballadora. O parche do Estado do Benestar, o mal menor. Algo que levou moito esforzo e sufrimento conseguir a través da loita de clases. Xa que nos temos que deixar a vida traballando para outros, polo menos ter médico que nos cure cando teñamos que faltar tres días (e non máis) ó traballo. O que non cambia é que o obreiro teña que traballar, e o faga para un capitalista que se beneficie da súa forza de traballo e obteña un plusvalor dela. E é que, o da clase media e todas estas invencións liberais sen fundamento só serve para dividirnos máis, a verdade é que só hai dúas clases sociais: a opresora e a oprimida, quen ten os medios de produción e quen traballa neles, quen vende a súa forza de traballo no mercado laboral e quen a compra, quen ten que traballar para poder vivir e quen non. Deste xeito, por moito que te esforces e penses que facendo horas extra e deixándote a saúde traballando vas mudar dunha clase á outra, só vas conseguir ser unha ferramenta máis útil e ignorante para os que se benefician da túa falta de conciencia. O mito do home que se fai a si mesmo desde o garaxe da casa ata a multinacional está ben para Netflix, mais o que hai detrás nada ten que ver co esforzo.
Algo tan sinxelo como dicir: “foder! por que eu teño que traballar por un soldo mínimo mentres outro vive sen dar un pau a auga? e por riba enriquécese grazas ó meu traballo!”
Ese pensar tan simple fóisenos arrincado da conciencia década tras década ata chegar ó mundo atomizado e adormecido de hoxe, no que incluso veneramos a influencers que se queixan porque este verán só puideron ir tres veces a Ibiza. E realmente hai xente pobre empatizando máis con eles e elas que cos migrantes que se xogan a vida por conseguir unha digna. Contido basado en bailes, cosméticos, viaxes, a comida que comen ou a roupa que visten. Vidas irreais que nada teñen que ver coa nosa e séguense con admiración subvencionándolle as vidas consumistas e luxos con cada like, coa nosa atención, o elemento que máis diñeiro xera no mercado. Xente que che di na cara que gaña máis diñeiro nun mes xogando a videoxogos en pixama que teus pais en toda a súa vida traballando duro. Mirámolos e dicimos: “vaia crack! Se gaña tanto é porque o merece, ou acaso ti desde o teu sofá poderías facer o que fai el?” Xente que ten a desvergoña para opinar e explicalo todo sen saber de nada. Neste sentido, unha das grandes vitorias capitalistas é conseguir que o pobre empatice máis cun rico que cun igual, incluso que culpe a outros pobres do mal que vai o mundo. E outra das vitorias e facer que os necios, ignorantes e ineptos sexan escoitados e admirados masivamente en detrimento da xente que conforma o saber. E este é o mundo que coñecemos e non sabemos cambiar, especialmente desde a disolución da URSS (coidado que volve), que era un pequeno freo desgastado que freaba (non en demasía) a roda capitalista e a súa deriva moral.
Deste xeito, o mundo no que vivimos, desde fai séculos, é capitalista e liberal. O discurso histórico hexemónico relátao quen gañou sempre as guerras e invasións, quen tivo sempre o poder e quen pertence á clase dominante, a que manexa o mundo. Da mesma maneira, grazas a historiografía marxista e crítica podemos saber como eran as loitas e o que se defendía desde a posición dos oprimidos, non só a dos opresores. Podemos entender como era o mundo e como é a día de hoxe desde a perspectiva dos que perden, que diría Hobsbawm. Sen embargo, o relato liberal é maioritario incluso dentro da Academia, nas ciencias sociais. É e que, a única ciencia social que vai contracorrente e supón unha resistencia a este discurso é a Socioloxía, e por iso está tan desprestixiada. Outrora a ciencia social con maior recoñecemento, desde a segunda metade do século pasado encargarónse paulatinamente os distintos Gobernos liberais de todo o mundo en facer que perdese o seu valor, sabedores de que Marx era sociólogo e que como ciencia ten un enorme potencial para cambialo mundo a través da investigación social e a toma de conciencia social e de clase. Fábricas de marxistas chaman os liberais ás facultades de Socioloxía, como se iso fose algo malo. Se os e as marxistas se puidesen fabricar en cadea exactamente igual que se fabrican servos funcionais e alienados no resto de carreiras, o mundo ía ser unha cousa ben distinta do que é. Igual sonaba Where is my mind? dos Pixies mentres se derrubaban multinacionais e bancos.
Un sociólogo é o que explica a vida social e por que suceden as cousas na maneira na que ocorren. Mais, para o capitalismo é bastante máis servil e lucrativo alzar á Psicoloxía como ciencia prestixiosa, algo que para o devir das sociedades non ten repercusión ningunha, por moi cool que se crean os psicólogos e psicólogas nas súas consultas de Ikea. A verdade é que, como sistema social, é un choio crearlle enfermidades mentais á xente derivadas do estilo de vida este que nos descose todas as costuras mentais para que logo teñamos que ir ó psicólogo/a a gastar os poucos cartos que temos en terapias que non solucionan o problema de raíz. E que iso nutra ó sistema non só con cartos senón coa desviación de cada ano máis estudantes con talento para a investigación e crítica social dirixidos ás facultades de Psicoloxía buscando saída laboral e prestixio social. Crítica neutralizada con éxito. Negocio redondo. Desta forma, na institución da escola, por moitos e variados contidos que se estuden, todos están dirixidos ó mercado laboral. Marx foi un tipo brillante que dicía cousas boas para todos e todas, mais que é o que dá de comer? estudar Enxeñerías, Económicas, ADE, Dereito ou Arquitectura? pois Enxeñerías, Económicas, ADE, Dereito ou Arquitectura. Aínda non supero a decisión que tomou a mellor alumna que tiven, co maior talento para a Socioloxía que vin nunha aula de Bacharelato, de acabar estudando Psicoloxía. Como sempre apoiándonos en Bourdieu: a escola, tanto no privado/concertado como tamén no público non emancipa, só reproduce. Os servizos públicos do Estado son de calidade si,
mais os contidos que se ensinan nunha aula xa veñen dados e acotados. En primeiro lugar polo sistema, en segundo polo Goberno e en terceiro pola limitación dunha conciencia humana enmarcada nun sistema capitalista o cal xa non deixa como imaxinable ou posible un cambio social no que a xente, por exemplo, non traballe. E ti que queres ser de maior? Pois quero ser un revolucionario, quero matar ricos e redistribuir a riqueza, que nadie sexa oprimido e a poder ser vivir nunha sociedade onde a xente non teña que afanarse traballando para ter unha vida digna, que carreira estudo para eso señora?
Así é que nas aulas se ensina ó alumnado a prepararse cara o seu futuro laboral. A escola é unha institución tan emancipadora e tan creadora de libre pensadores que aí estamos todos e todas ás oito da mañá listos para entrar a traballar nos postos de traballo que odiamos. Non obstante, nas materias de ciencias sociais, as que me tocan, si se estudan contidos críticos. Como pode ser isto? E é que o discurso liberal glorifica a loita obreira, aínda que pareza contraproducente. Ensínase nas aulas parte do que a loita obreira conseguiu, xa que ocultalo sería crear mártires e produciría ideais máis radicalizados e un potencial perigo. Polo tanto móstranse, mais faise dun xeito no que parezan cousas do pasado, afastadas de calquera realidade actual. Como se os traballadores das fábricas industriais no século XIX non fosen os mesmos que calquera persoa traballadora de hoxe en día. Deste modo, o relato vai creando unha dicotomía entre verdade e realidade. Como se a verdade non puidese ser realidade. Como se unha revolución bolchevique non puidese ocorrer xamais, como así foi. Mais sucedeu nun marco que non aparece como posible xa no imaxinario colectivo. Soa a outra época. A unha película. A Luke Skywalker loitando contra o Imperio.
Neste sentido, a verdade ilusoria é un concepto, enmarcado dentro da posverdade, que define un sesgo cognitivo dunha afirmación que se nos fai crer mediante a repetición incesante de algo que non ten por que ser exacto ou directamente é mentira. Iso polo que se fixo famoso Joseph Goebbels na Alemaña nazi e seguen a facer admiradores del nos nosos días como Eduardo Inda, Nacho Abad, Ana Rosa, Javier Negre, Vito Quiles e toda a turbamulta facha deste país. Deste xeito, fáisenos crer, por exemplo, que só hai dúas posibilidades: democracia ou autocracia. O contrario á democracia non é a ditadura. Pode que o contrario a unha socialdemocracia liberal na que se apoia o capitalismo como mecanismo de organización e control sociopolítico sexa a liberdade. Ou é democrático que os medios de comunicación sexan propiedade de xente que manexa a opinión pública ó seu antoxo para incidir no voto político? É democrático que o Estado xenocida de Israel esté entrenando a IA a través do Hannover Institute for Public Policy co fin de cambiar as súas respostas acerca de Palestina para así controlar a opinión pública? A lista de preguntas sería interminable. Se esa é a democracia e os valores democráticos que defendemos entón estamos perdidos.
Por outro lado, a democracia vai estreitamente vinculada ó interese xeral do pobo e á elección de representantes políticos que o salvagarden. Na actualidade, quen ou que formación política fai isto? Se todos os partidos responden ó interese xeral do mercado.
“Es el mercado, amigo” que dicía o outro. Calquera se axeonlla ante o carto. É isto democrático? Que a xente non teña onde vivir por protexer as inversións de empresas que especulan cun dereito esencial e democrático grabado nas Constitucións democráticas de cada país democrático dun mundo democrático? A clase política global ten ideais tan férreos que se as batallas de farmear aura desen votos aí estaban Feijoo e Abascal facendo cas pernas e brazos entre os dous a esvástica, aplaudidos por parvos útiles como o de dP Abogados, encirrante de odio e bulos contra mulleres e migrantes que se deixa os xeonllos sangrando por medio gramo. A intelixencia como para ir a Hípica e levarse unha decepción ó non atopar o cabalo que buscaba. E é que, se ten pinta de merda e cheira como unha merda, o máis probable e que si, sexa un facha.
E como tamén di Ignatius Farray, na esquerda temos mil contradicións éticas, morais e filosóficas, porque estudamos o saber, mais na dereita, ademais do odio e a servidume ó poder, teñen a santísima trinidade: misa, putas e cocaína. Pouca ética e moral hai en iso. Todo adobado cunha camisa de Ralph Lauren e un pantalón apretado con nocello “a la vista” para lucir mocasíns sin calcetíns. E con iso xa tiran para ir berrar “Pedro Sánchez hijo de puta” por Ceuta, pola DANA, pola comunión da afillada, na voda de Nacho o da oficina, no baby shower da que se cre influencer e que a alguén lle importa que vaia ser nai e, especialmente, nos comentarios das publicacións de Quincemil. Basureiro de fachas por antonomasia na nosa cidade. Din que cando discutes con alguén por internet posiblemente ó outro lado estea un bot, mais ata un teléfono autónomo ten máis criterio que calquera que comenta nas cen publicacións que destina Quincemil ós de Ceuta, ós therians e ás batallas de farmear aura. Todos e todas fomos adolescentes, seguimos modas e fixemos o estúpido mais volver a ocupar espazos públicos como parques para xogar, bailar ou facelo parvo sen molestar a ninguén nin perturbar con ruido, suciedade e danos materiais ten que ser un delito gravísimo si. Os de “nos meus tempos isto non pasaba”, “así vai o país”, é dicir, os que necesitan un abrazo porque non hai ninguén que os aguante e lles sae a bile por cada poro, sempre criminalizando ós adolescentes por todo o que fan, cando si, todos estrañamos o uso que lles daban eses mesmos ós parques nos 80 e 90: cocaína e heroína.
En definitiva, de farmear aura sáese, mais de comentar en Quincemil non.
E é que, se non tes os coñecementos como para saber que os problemas de migracións que existen no mundo veñen dados por unha historia capitalista que se apoia no nacionalismo primeiro e no colonialismo despois para expandirse e saquear materia prima dos territorios é moi doado caer nos discursos racistas de odio. Mais inda así, a xente é máis marxista do que cre. Máis do que se percibe a si mesma que é. Moitas décadas demonizando o marxismo e o comunismo como para que agora se sepa recoñecer ideas marxistas e verse reflexado nelas. Mais, sen sabelo e pretendelo, a xente si é marxista.
Marx e Engels entendían a estrutura da sociedade capitalista e industrial como unha división entre Superestrutura, formada polo Estado, a Cultura ou a Educación e unha Infraestrutura na que se apoia a primeira, que contén as forzas produtivas que son a base e os cementos da sociedade, é dicir, a forza de traballo dos traballadores, dos de abaixo, dos que teñen que traballar para vivir. Todo o mundo entende que sen a xente que traballe na base da pirámide o mundo caería, inda que non deixemos de facelo, e todo o mundo sabe que uns viven coma reis mentres outros pasan penurias traballando día e noite. E poderemos empatizar máis co rico porque así nos obrigan a facelo mais sabemos como é o mundo realmente. E algún día algo cambiará. Xa está comezando a mudar de novo, a xente xa non está disposta a tragar tanto, tanta deriva moral que trae o capitalismo e o liberalismo.
O único cambio real baixo este sistema que impregna co seu relato todas as institucións sociais está na conciencia dos de abaixo, en deixar de ser ferramentas, man de obra. Recuperar o valor da Socioloxía. Volver a poñer de moda o marxismo, algo que foi vangarda entre os intelectuais non fai moito tempo. Recuperar a conciencia de clase que nos foi arrincada. Deixar de traballar, ese sería o cambio que o mudase todo. A emancipación real.
Dise sempre que ante todo o que está a acontecer no mundo, todos os problemas e conflitos que existen, a historia rendirá contas e virá pedirchas. Eu terei sempre a conciencia tranquila e o orgullo de saber o lugar que ocupo: estar aquí escribindo esto para dúas ou tres persoas que o lean. Estar na aula ensinando e facendo activismo social, ensinando non só os contidos académicos senón tamén reivindicando os valores que levan implícitos para facer da escola un medio emancipador. Facendo rúa. Estudando e investigando a realidade social e levándolle a contraria sempre a calquera necio que diga cousas sen sentido. Porque a neutralidade nunca é unha opción. Que alguén lle explique a Ed Sheeran que a neutralidade é a peor das posicións, é o que lle permite ós fascistas campar ás súas anchas. A historia tamén virá polos que cando sexan vellos ou vellas e os fillos/as ou netos/as lles pregunten que facían nestes momentos convulsos se acorden de que eran deses ou desas que estaban a compartir iso de “que aspecto tería nos anos 80”.
Pois xa cho digo eu: o mesmo aspecto que agora mesmo, o dun ou dunha estúpida. Se se fai uso da IA e se consumen sabe Deus cantos litros de auga para utilizala, que sexa para que explique paso a paso como facer unha revolución bolchevique mentres soa: “Desobedientes, ingobernables, contra la dictadura de las multinacionales…”.
- Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

