A Memoria anual da Autoridade Portuaria da Coruña correspondente ao exercicio de 2025 destaca os avances acadados nos principais proxectos estratéxicos da entidade, así como as marcas obtidas na cifra de negocio e no tráfico de cruceiros e o crecemento rexistrado na actividade pesqueira. O documento, xunto coas Contas de 2025 e o Informe de auditoría da Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE), pode consultarse na páxina web da Autoridade Portuaria, dentro do apartado de Transparencia.
Segundo informa o organismo portuario, o informe de auditoría foi emitido sen excepcións nin obxeccións ás contas. Na introdución da memoria, o presidente e o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado e Juan Diego Pérez, respectivamente, cualifican 2025 como “un moi bo ano” para o porto coruñés. Ambos poñen especialmente o foco no desenvolvemento dos dous grandes proxectos estratéxicos da entidade: Coruña Marítima e o Porto Exterior de Langosteira, nos que, segundo sinalan, se produciron avances relevantes ao longo do exercicio.
O MÁSTER PLAN DA CORUÑA MARÍTIMA, A LICITACIÓN A FINAIS DE ANO
No caso de Coruña Marítima, a finais de 2025 saíu a licitación o seu Máster Plan, despois dun proceso no que se alcanzaron acordos estratéxicos consensuados entre as seis administracións implicadas e a sociedade coruñesa. A participación cidadá desenvolveuse a través de talleres participativos, que serviron para incorporar ao proxecto distintas achegas arredor do futuro dos espazos portuarios e da súa integración coa cidade.
O FERROCARRIL AVANZA EN LANGOSTEIRA
Respecto ao Porto Exterior, a memoria destaca o avance das obras do acceso ferroviario, unha das principais infraestruturas pendentes para reforzar a conectividade de Langosteira. A Autoridade Portuaria subliña tamén a solicitude presentada por Exolum para realizar un investimento superior aos 100 millóns de euros nunha nova terminal de graneis líquidos.
Porén, un dos fitos máis relevantes do exercicio foi o acordo alcanzado con Repsol para completar o traslado da súa actividade ao Porto Exterior. O investimento total asociado a este proceso superará os 250 millóns de euros, segundo recolle a memoria. Deste xeito, a Autoridade Portuaria presenta 2025 como un exercicio marcado polos avances na transformación dos espazos portuarios da Coruña, a consolidación do Porto Exterior e a chegada de novos investimentos de gran envergadura.

